Lebia grandis

especie de insecto

Lebia grandis

L. grandis denro dunha planta odre
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Adephaga
Superfamilia: Caraboidea
Familia: Carabidae
Xénero: Lebia
Subxénero: Loxopeza
Especie: L. grandis
Nome binomial
Lebia grandis
Say, 1823

Lebia grandis é un escaravello carábido que vive en América do Norte. É un predador de ovos de larvas do escaravello da pataca e as súas larvas son parasitoides obrigados das pupas do escaravello da pataca.[1]

Descrición editar

Lebia grandis é a especie máis grande do seu xénero. Mide aproximadamente 1 cm de longo, ten unha cabeza, tórax e patas de cor laranxa oxidada, un abdome negro e un azul iridescente ou brillo púrpura nos seus élitros de tons escuros.[2] Estes son anchos pero bstante máis curtos que o abdome, que fai protrusión pola parte posterior.[3]

Ciclo vital editar

 
Un só adulto de L. grandis pode comer cada día 23 ovos do escaravello da pataca como estes.

O Lebia grandis adulto pasa o inverno no solo de ou preto de campos de patacas. Na primavera os escaravellos da pataca saen da súa hibernación. Unhas poucas semanas despois saen os Lebia grandis, e nese momento xa hai ovos e larvas da súa presa, que comerán, e axiña haberá pupas que estarán dispoñibles para que as larvas de L. grandis as ataquen. Un adulto pode comer cada día uns 23 ovos ou tres larvas no terceiro estadio do escaravello da pataca.[4]

Despois de aparearse, as femias de L. grandis poñen ovos no solo un por un preto das plantas das patacas. Unha secreción glandular causa que os gránulos do solo se adhiran aos ovos, o cal lles serve de camuflaxe. Cada femia pode poñer ata 1.300 ovos en poucos meses.[2] Os ovos fan eclosión en dúas semanas e as larvas do primeiro estadio ou ínstar buscan larvas do escaravello da pataca que están a piques de pupar. Poden seguir un rastro de olor que deixaron as larvas escavadoras e necesitan chegar á cámara de pupación antes de selala. Cravan as súas mandíbulas no tegumento dos seus hóspedes e empezan a laimentarse, matando o hóspede no proceso. Despois de mudaren deixan de alimentarse e pouco despois experimentan a metamorfose pasando do estadio pupal. Os adultos saen unhas tres semanas despois despois de que os ovos fan eclosión.[2]

Uso no control biolóxico editar

A importancia de Lebia grandis para manter o escaravello da pataca baixo control non se apreciou plenamente ao principio debido aos hábitos en gran medida nocturnos do adulto e a existencia subterránea das larvas.[5] De feito, os seus hábitos parasitoides descubríronse cen anos despois da primeira descrición desta especie.[6]

Como depreda especificamente o escaravello da pataca e é nativo de América do Norte, Lebia grandis é moi prometedor como especie para o control biolóxico nos Estados Unidos. Porén, non aparece xeralmente en número suficiente para efectuar un control completo. Pode ser necesario aumentar as poboacións liberando escaravellos adultos pero crialos en masa presenta certas dificultades que aínda non se resolveron.[2] Outros predadores como a maruxiña Coleomegilla maculata tamén depredan o escaravello da pataca, mais Lebia grandis está constrinxido polo seu hóspede larval crisomélido a vivir nos campos de patatas, mentres que outros predadores poden dispersarse a outras fontes de alimentación.[4]

Investigacións editar

Os rexistros históricos de Lebia grandis mostran que estaba presente en áreas onde non se encontraba o escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata). Isto parece implicar que noutro tempo parasitaba unha especie diferente.[7]

A planta hóspede orixinal do escaravello da pataca era Solanum rostratum en México. Non se atopou ningunha asciación entre Lebia grandis e Leptinotarsa decemlineata nesta planta. Na década de 1850, Leptinotarsa decemlineata empezou a alimentarse da planta da pataca e espallouse rapidamente cara ao leste nos cultivos de patacas. Lebia grandis puido ter unha relación antes disto con Leptinotarsa juncta (chamado en Norteamérica falso escaravello da pataca), que se alimenta de Solanum carolinense.[8] Outro escaravello crisomélido estreitamente relacionado é Leptinotarsa haldemani, que habita desde Texas, Oklahoma e Arizona a México, onde vive en especies silvestres de Physalis e Solanum douglasii, pero a súa área de distribución non se solapa con Lebia grandis agás posiblemente en Texas.

Nun intento de encontrar a especie orixinal asociada con Lebia grandis, realizouse unha investigación examinando as súas preferencias de presas e a adecuación das tres especies de crisomélidos, L. decemlineata, L. juncta e L. haldemani, como hóspedes das súas larvas.

No experimento ofrecéronlles a adultos de Lebia grandis larvas de tamaño axeitado destas tres especies de crisomélidos e anotouse o número de larvas de cada especie que comían. Realizouse un experimento similar usando ovos das tres especies de crisomélidos. Os adultos de Lebia grandis non mostraron diferenzas significativas no número de larvas de cada especie presa que escollían para comer, pero había diferenzas en canto aos ovos. O consumo de ovos de L. juncta como media era case o dobre que o de L. decemlineata, mentres que os de L. haldemani quedaban nunha posición intermedia.[4]

Noutro experimento, unha larva do primeiro ínstar de Lebia grandis foi situada preto dunha larva de crisomélido do 4º ínstar que estaba a piques de pupar. Anotouse a taxa de éxito do parasitismo en cada unha das tres especies de presas. O desenvolvemento con éxito de Lebia grandis desde larvas do 1º ínstar a adultos ocorría parasitando a cada unha das tres especies de Leptinotarsa. Porén, a taxa de éxito rexistrado para L. juncta era dun 43%, comparado co 12% para as outras dúas especies.[4]

Estes estudos parecen apoiar a idea de que Lebia grandis era orixinalmente un parasitoide exclusivo de L. juncta, pero que a oportunidade posta ao seu alcance polo eu encontro con L. decemlineata hai menos de 150 anos permitiulle aproveitarse desta nova e abundante fonte de alimento.[4]

Notas editar

  1. USDA
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Cornell University: Biological control
  3. Insects of the Great Lakes Region
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Prey preference and host suitability of the predatory and parasitoid carabid beetle, Lebia grandis, for several species of Leptinotarsa beetles
  5. Groden E. 1989. Natural mortality of the Colorado potato beetle, Leptinotarsa decemlineata (Say). Ph.D. dissertation, Michigan State University, East Lansing.
  6. Trouvelot B. 1931. Recherches sur les parasites et predateurs attaquant le doryphore en Amerique du Nord. Annales des Épiphyties 17: 408-445.
  7. Madge RB. 1967. A revision of the genus Lebia Latreille in America north of Mexico (Coleoptera: Carabidae). Quaestiones Entomologicae 3: 139-242.
  8. Prey preference and host suitability of the predatory and parasitoid carabid beetle, Lebia grandis, for several species of Leptinotarsa beetles