Lagopus muta

Parella coa plumaxe da primavera, en Noruega
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Galliformes
Familia: Phasianidae
Subfamilia: Tetraoninae
Xénero: Lagopus
Especie: L. muta
Nome binomial
Lagopus muta
(Montin, 1781)
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

O Lagopus muta é unha especie de ave da orde dos galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos tetraoninos, unha das tres que compoñen o xénero Lagopus.

Esta especie subdivídese en numerosas subespecies.

Características

editar
 
Exemplar en Islandia coa súa capa invernal.
 
Femia en verán.

Mide entre 34 e 36 cm de lonxitude, dos cales 8 cm corresponden á cola, composta por 16 plumas timoeiras; a súa envergadura alar oscila entre os 54 e os 60 cm, polo que é lixeiramente menor que o lagópodo común, ao redor dun 10 %.[2] O seu corpo está cuberto por unha plumaxe densa que lle dá a aparencia dun volume maior do que posúe realmente, xa que o seu peso alcanza escasamente os 400-500 g. A súa cabeza é arredondada, co peteiro negro e curto, a adoita presentar unha pequena carúncula de cor vermella situada sobre os seus ollos pardos.[2]

Para soportar as temperaturas extremas do seu hábitat, posúe plumas dobres, que cobren incluso as patas. Ademais é unha especie que non adoita desprazarse a grandes distancias, tentando minimizar así o gasto enerxético.

Unha característica particular deste animal é a de posuír as patas completamente cubertas de plumas, que descenden até a porción distal dos dedos, deixando ao descuberto soamente as fortes uñas que lle permiten escavar incluso na neve máis dura. As pegadas que deixan as súas patas recordan as dunha lebre pequena.

Con respecto á cor destas aves de montaña, é interesante destacar que a natureza dotounas dunha homocromía estacional que lles permite camuflarse no seu hábitat cambiante. Así, durante o verán, a plumaxe presenta tonalidades pardas, cincentas e avermelladas con estrías transversais negras sobre o dorso. A parte inferior das ás e o ventre permanecen brancos todo o ano. En cambio, en inverno a plumaxe convértese nunha capa totalmente branca, cun trazo negro sobre os ollos, sendo posíbel distinguir ao macho da femia por presentar unha mancha negra debaixo da garganta. O paso da plumaxe estival ao invernal ten lugar dun modo gradual. Na primavera ten unha tonalidade que vai da gris á parda escura, e a mediados de agosto pasa á parda agrisada; en outubro, á abrancazada con manchas marróns e en decembro adquire a súa característica cor branca uniforme.

Distribución

editar

A especie está amplamente estendida polas rexións frías do Holoártico, e tamén habita nas partes altas das principais cadeas montañosas de Eurasia e Norteamérica, entre o límite superior das árbores e a zona das neves perpetuas, onde as particularidades de cada zona a través do proceso de adaptación natural da especie deu lugar a numerosas subespecies.[3][4]

En España

editar

No caso de España, encontramos nos Pireneos a subespecie Lagopus mutus pirenaicus, da que se mantén unha poboación que non presenta maiores oscilacións como resultado das escasas ameazas a que se encontra exposta. En efecto, son poucos os inimigos que a molestan e tampouco o home alterou demasiado a súa poboación dadas as dificultades que comporta a caza desta ave a grande altura.[3]

As glaciacións do cuaternario, hai 20 000 anos, trouxeron esta especie ao territorio que hoxe é á Península Ibérica. Co posterior desxeo, a especie ficou reducida aos Pireneos, sendo a poboación máis próxima a que se atopa nos Alpes. É unha especie máis común na Europa setentrional.[Cómpre referencia]

Vive nos ambientes subnival e nival, por enriba do territorio arborado. En Cataluña atópase entre os 1 900 e os 2 000 m de altitude no Val de Arán, e entre os 2 200 e os 2 300 m no resto das comarcas pirenaicas.[Cómpre referencia]

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A especie foi descrita en 1781 polo médico e botánico Lars Montin,[5] baixo o nome de Tetrao mutus,[4][6] nun traballo publicado en Phys. Salsk. Handl, nº 1 p. 155.[4]

Etimoloxía

editar

Para a do xénero, véxase Lagopus.

O epíteto específico, muta, está tomado do nominativo feminino singular do adxectivo latino mūtus, -a, -um, 'mudo', 'silencioso'.

Sinónimos

editar
  • Tetrao mutus Montin, 1781
  • Lagopus mutus (Montin, 1781)

Subespecies

editar

Segundo del Hoyo et al. na especie recoñécense as seguintes vinte e unha subespecies (indícase a distribución de cada unha delas):[6]

Porén, o Sistema Integrado de Información Taxonómica (ITIS) recoñece catro máis:[5]

  • Lagopus muta atkhensis Turner, 1882
  • Lagopus muta capta J. L. Peters, 1934
  • Lagopus muta chamberlaini A. H. Clark, 1907
  • Lagopus muta dixoni Grinnell, 1909
  • Lagopus muta evermanni Elliot, 1896
  • Lagopus muta gabrielsoni Murie, 1944
  • Lagopus muta helvetica (Thienemann, 1829)
  • Lagopus muta hyperborea Sundevall, 1845
  • Lagopus muta islandorum (Faber, 1822)
  • Lagopus muta japonica A. H. Clark, 1907
  • Lagopus muta kurilensis Kuroda, 1924
  • Lagopus muta millaisi Hartert, 1923
  • Lagopus muta muta (Montin, 1781)
  • Lagopus muta nadezdae Serebrovski, 1926
  • Lagopus muta nelsoni Stejneger, 1884
  • Lagopus muta pleskei Serebrovski, 1926
  • Lagopus muta pyrenaica Hartert, 1921
  • Lagopus muta ridgwayi Stejneger, 1884
  • Lagopus muta rupestris (Gmelin, 1789)
  • Lagopus muta sanfordi Bent, 1912
  • Lagopus muta saturata Salomonsen, 1950
  • Lagopus muta townsendi Elliot, 1896
  • Lagopus muta welchi Brewster, 1885
  • Lagopus muta yunaskensis Gabrielson & Lincoln, 1951
  1. BirdLife International (2016): Lagopus muta na Lista vermella da UICN. Versión 2018-2. Consultada o 7 de xaneiro de 2019.
  2. 2,0 2,1 The Birds of the Western Palearctic [Abridged]. OUP. 1997. ISBN 0-1985-4099-X. 
  3. 3,0 3,1 E. de Juana & J. M. Varela (2000): Guía de las aves de España, península, Baleares y Canarias. Barcelona: Lynx Edicions e SEO/Birdlife. ISBN 84-8733-426-1, p. 62.
  4. 4,0 4,1 4,2 Lagópodo Alpino. Lagopus muta (Montin, 1781) en Avibase.
  5. 5,0 5,1 Lagopus muta (Montin, 1781) no ITIS.
  6. 6,0 6,1 de Juana, E.; Kirwan, G. M. & García, E. F. J. (2016): "Rock Ptarmigan (Lagopus muta). In: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E. (eds), Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-388-0.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • del Hoyo, J.; Collar, N. J.; Christie, D. A.; Elliott, A. & Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona: Lynx Edicions / Cambridge, UK: BirdLife International. ISBN 978-84-9655-394-1.
  • de Juana, E.; Kirwan, G. M. & García, E. F. J. (2016): "Rock Ptarmigan (Lagopus muta). In: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E. (eds), Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-388-0.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar