LAGEOS, acrónimo de Laser Geodynamics Satellite, foi unha serie de dous satélites artificiais lanzados para facer estudos xeodésicos.[1][2]

Un dos satélites LAGEOS.

Características

editar

Os satélites LAGEOS eran esferas pasivas cubertas de retrorreflectores para poder facer medicións ultraprecisas da súa posición mediante láseres na superficie terrestre. O primeiro LAGEOS foi construído polos Estados Unidos e lanzado o 4 de maio de 1976 mediante un foguete Delta 2913, mentres que o segundo foi construído por Italia e lanzado durante a misión STS-52 do transbordador espacial Columbia, o 22 de outubro de 1992.[1][2]

LAGEOS 1 tiña unha masa de 411 kg, mentres que LAGEOS 2 pesaba 405 kg. Ambos tiñan un diámetro de 60 cm e estaban cubertos por 426 cubos retrorreflectores e 4 reflectores de xemanio. A gran densidade dos satélites facía que a súa órbita fose moi estable, ofrecendo unha referencia moi precisa para facer medicións xeodésicas, como movementos da codia terrestre e de fallas, variacións na rotación terrestre e mareas terrestres e obter parámetros relacionados coa dinámica dos movementos da Terra. Chegouse a planificar o lanzamento dun terceiro satélite, pero nunca se levou a cabo.[1][2]

  1. 1,0 1,1 1,2 Mark Wade (2020). "LAGEOS" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "LAGEOS 1, 2" (en inglés). Consultado o 20 de agosto de 2020. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar