O lábaro é un monograma empregado polas lexións romanas despois da vitoria de Constantino I o Grande na batalla da Ponte Milvio sobre Maxencio no ano 312. O monograma consiste na utilización das dúas primeiras letras da palabra Cristo en grego e sobrepostas entre si. A letra X (khi) e a P (rho), como unha abreviatura de XP(IΣTOΣ), nome de Xesucristo.

O labarum
Imaxe do lábaro, coas letras gregas alfa e omega inscritas.

Á substitución das vellas aguias imperiais nos estandartes romanos por Constantino un día antes da batalla contra as tropas de Maxencio polo labarum déuselle unha explicación milagreira. Segundo Lactancio, que fora preceptor e titor do fillo do emperador, Crispo, e no seu libro Mortibus Persecutorum Constantino soñou o día antes da batalla cun símbolo e cunha voz que lle dicía in hoc signo, vinces ("con este signo vencerás"), e mandou preparar os escudos dos seus lexionarios e os seus estandartes co símbolo soñado.

Pero Eusebio de Cesarea, bispo que escribiu unha historia da Igrexa primitiva, dálle dúas explicacións. A primeira delas é que, moito antes da batalla, o emperador tivera unha visión na Galia, camiño de Roma e as verbas que ve nesta visión, traducidas, "con isto, triunfo". A segunda versión dos feitos dáa no seu libro A vida de Constantino, e dálle pulo á visión conxunta. O día antes da batalla, o exército encoméndase aos seus diversos deuses para lles axuden na loita. Pero mirando o ceo, Constantino e mailo seu exército ven a visión da cruz. Esa noite Constantino tivo o soño da aparición de Cristo, no que lle encomendaba usar nos escudos dos seus soldados o símbolo soñado, dicíndolle as verbas xa coñecidas de in hoc signo, vinces. Non se sabe se foi un milagre, pero o que si parece estraño é que 40.000 homes gardasen silencio sobre este feito, aínda que Eusebio dá conta de que Constantino falaba del a quen o quería escoitar.

Tres anos despois da batalla, erixiuse o Arco de Constantino en Roma, e nos gravados non aparece o lauburum, mentres que si hai alusións ao "Sol Invictus" que non é outro que Apolo, do que era seguidor, e xa aparecía nas primeiras cuñacions de moedas de Constantino. Máis tarde, si que comeza a aparecer no anverso das moedas do emperador e doutros emperadores posteriores.

Outras orixes do lábaro é o seu uso polas lexións romanas están no lábaro cántabro e o lauburu vasco, aínda que non teñen fontes que as apoien.

Etimoloxía e evolución editar

Aínda que a súa orixe é moi discutíbel, dáse por feito que a súa etimoloxía procede da verba latina laureum (loureiro), mentres que outros o ligan ao termo celta *lab(a)ro- 'elocuente' que está na orixe do galés moderno llafar (falar)[1].

O certo é que dende aquela asociouse ao cristianismo e á súa simboloxía. Agás para a corrente restauracionista, que afirma a súa orixe pagá, pola falta do seu uso antes do século III, onde aparece nos cadaleitos cristiáns. Pero parece ser de orixe cristiá, xa que Xuliano o Apóstata o fai desaparecer dos seus estandartes, pero é de novo restaurado polos emperadores cristiáns posteriores.

A súa evolución continúa, e na época románica, engádeselle a cruz da chamada Gloria Eterna, onde están xunguidas as letras alfa e omega. É unha cruz coas letras alfa en maiúscula e omega en minúscula, que xa aparecen na Biblia, ao final do libro da Apocalipse, 22, versículo 13, onde se di "Eu son o alfa e o omega", e coñecendo o alfabeto grego, sempre se representan as maiúsculas a carón das minúsculas, e polo tanto o alfa é maiúscula e o omega é minúscula. Cristo di que el é o alfa e o omega de todas as cousas, o principio e a fin de todo, e isto pódese escribir coas letras gregas e todas as cousas están en Deus.

Na época medieval, especialmente na Alta Idade Media, ambas as cruces unifícanse e amplíanse, dando lugar ao actual crismón, onde aparece o alfa en maiúscula e o omega en minúscula. Engádeselle o S na parte baixa do brazo vertical, que representa o Espírito Santo.

Notas editar

  1. cf. Matasović, Ranko: Etymological dictionary of Proto-Celtic. Leiden Indo-european etymological disctionary series. 9. Brill ISBN 978 90 04 1733601