Krzysztof Penderecki
Krzysztof Eugeniusz Penderecki, nado en Dębica (Polonia) o 23 de novembro de 1933 e finado en Cracovia o 29 de marzo de 2020, foi un compositor e director de orquestra polonés. The Guardian nomeouno o mellor compositor vivo de Polonia,[1] e foi considerado un dos mellores compositores contemporáneos dende a creación de Strophen en 1959,[2] gañando prestixio na década de 1960 ao incorporar ás súas obras novas técnicas relacionadas principalmente coa textura e a notación, evolucionando posteriormente a unha linguaxe máis neorromántica.[3] Entre as súas obras máis coñecidas destacan Tren ofiarom Hiroszimy, Passio et mors Domini nostri Jesu Christi secundum Lucam, Polskie Requiem, Anaklasis, catro óperas, oito sinfonías e outras pezas orquestrais, varios concertos para instrumentos solistas, obras para coro de textos principalmente relixiosos, así como numerosas obras de cámara e instrumentais. Coa súa estrutura e dramaturxia distintiva, así como a súa mensaxe profundamente humanista, a súa música é apreciada por unha ampla audiencia.[3]
Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios e recoñecementos de prestixio, tales como o Premio Príncipe de Asturias das Artes en 2001.[4]
Traxectoria
editar1933-58: primeiros anos
editarPenderecki naceu na localidade polonesa de Dębica, fillo de Tadeusz Penderecki, un avogado, e Zofia (de solteira Wittgeinstein). O avó de Penderecki, Robert Berger, foi un talentoso pintor e director do banco local no tempo no que naceu Penderecki; o pai de Robert, Johann, trasladouse a Dębica dende Breslau (actual Wrocław) a mediados do século XIX.[5] A súa avoa era unha armenia[6] de Isfahán. Penderecki adoitaba ir á Igrexa Apostólica Armenia con ela en Cracovia.[7] Penderecki referiuse ás súas orixes do seguinte xeito nun discurso na entrega dun dos seus doutorados honoríficos:[8]
“ | Son un híbrido: A miña familia vén da fronteira oriental, miña avoa materna era armenia, e meu avó alemán. | ” |
Esta "hibridación" cultural tería un impacto decisivo na súa personalidade como compositor, e no xeito no que definiría a súa relixiosidade, así coma a súa identidade filosófica e artística.[8]
Penderecki foi o máis pequeno de sete irmáns; súa irmá, Barbara, que casou cun enxeñeiro de minas, e seu irmán máis vello, Janusz, estudou dereito e medicina na época na que el naceu. Seu pai Tadeusz era violinista afeccionado e tamén tocaba o piano, polo que Penderecki tivo un contacto próximo e regular coa música dende moi novo, aínda que mostrou outros moitos talentos, especialmente para o debuxo, mentres que seu avó o introduciu no mundo da natureza (especialmente das árbores), a literatura, a relixión, e deulle exemplo da actividade social-patriótica.[5][8] En 1939, co estoupido da segunda guerra mundial, a familia de Penderecki trasladouse dende o seu apartamento cando o Ministerio de Alimentación comezou a operar alí. A familia viviu nunha casa pertencente a un grupo de xudeus poloneses desaloxados.[9]
Durante a ocupación alemá a vida musical de Polonia interrompeuse. Non foi ata despois da segunda guerra mundial cando os músicos poloneses crearon unha rede de escolas de música, conservatorios, orquestras de radio e revistas.[10] Neste contexto, Penderecki comezou a asistir á escola secundaria en 1946, e a estudar violín con Stanisław Darłak, director da banda militar de Dębica que organizou unha orquestra para a sociedade musical local despois da Guerra, sendo nesta época cando Penderecki desenvolveu o seu interese pola música.[8][11] Tras graduarse na escola secundaria en 1950, Penderecki trasladouse a Cracovia en 1951, onde asistiu á Universidade Iaguelónica e cursou filosofía, historia e historia da literatura.[2][11] Estudou violín con Stanisław Tawroszewicz e teoría da música con Franciszek Skołyszewski, con quen descubriría a súa verdadeira vocación, e quen descubriu a un compositor no seu novo discípulo.[8][12] O ensino musical na Polonia comunista estaba dominado polo chamado realismo socialista, que dominou a creación artística do país entre 1947 e 1954, se ben en Polonia foi menos pronunciado que noutros réximes comunistas, o que permitiu que despois da morte de Stalin en 1953 se producira unha progresiva apertura que propiciou a creación en Varsovia do Festival Internacional de Outono de Música Contemporánea, que viu nacer na súa primeira edición de 1956 unha xeración de músicos locais adicados á música de vangarda, creando o que se coñecería fóra do país coma a "Escola polonesa".[10]
Aos 18 anos Penderecki entrou na Akademia Muzyczna w Krakowie (Academia de Música de Cracovia) e en 1954, e unha vez que finalizou os seus estudos de violín no seu primeiro ano, centrouse por completo na composición.[13] O profesor principal de Penderecki na academia polonesa foi Artur Malawski, un compositor coñecido polas súas obras corais e orquestrais, así coma música de cámara e cancións, se ben continuou as súas clases con Skołyszewski. Despois da morte de Malawski en 1957, Penderecki tomou máis leccións con Stanisław Wiechowicz, un compositor coñecido principalmente polas súas composicións corais.[14] Nesa época, o derrocamento do stalinismo en Polonia levantou a estrita censura cultural e abriu as portas a unha onda de creatividade.[15] Neste contexto, o Penderecki non compartiu os puntos de vista estéticos do seu mestre, desenvolvendo independentemente os seus intereses e uniuse aos círculos de novos compositores que definiron o carácter da nova música de Polonia.[8]
1958-'70: Primeiras composicións
editarAo graduarse na Academia de Música de Cracovia en 1958, Penderecki ocupou un posto como profesor na Academia, onde exerceu durante uns anos e da cal sería director en 1972.[16] As súas primeiras obras amosan a influencia de Anton Webern e Pierre Boulez, así como de Igor Stravinskii. Foi a xeración de Penderecki e Henryk Górecki (1933-2010), xunto con Bogusław Schaeffer (1929-) ou Włodzimierz Kotonski, a que revolucionou a música polonesa coa adopción da música serial e aleatoria, movementos que abandonarían na década seguinte para adoptar un estilo comprometido coas texturas e o timbre orquestral que se denominaría "sonorismo".[10]
O recoñecemento internacional de Penderecki chegou en 1959 no Warszawska Jesień (Outono de Varsovia) coa estrea da obra Strophen, unha das tres obras coas que gañou o primeiro premio do II Concurso Nacional de Novos Compositores, as outras dúas foron Psalms of David, e Emanations.[16] Coa estrea de Anaklasis, escrita para 42 instrumentos no Donaueschingen Festival en 1960, Penderecki fíxose un sitio na vangarda internacional.[13] Mais a obra que realmente atraeu a atención internacional foi a súa composición de 1960 Tren ofiarom Hiroszimy (orixinalmente titulada 8' 37", mais posteriormente decidiu adicarlla ás vítimas do bombardeo de Hiroshima), escrita para 52 instrumentos de corda na que fai uso de técnicas instrumentais estendidas e presenta moitas novas texturas, cun grande uso dos clústers, e que se converteu nunha das súas composicións máis coñecidas e que foi premiada pola UNESCO.[13][16][17] Seguiulle Fluorescences ao ano seguinte; nela incrementa a densidade orquestral con máis vento e metais, e unha enorme sección de percusión de 32 instrumentos para seis músicos que inclúen un güiro mexicano, máquinas de escribir, gongs e outros instrumentos pouco habituais. A obra foi composta para o Donaueschinger Musiktage de música contemporánea en 1962, e a súa interpretación foi vista como provocativa e polémica. Mesmo a partitura semellaba revolucionaria; a forma de notación gráfica que Penderecki desenvolvera evitou a aparencia familiar das notas no pentagrama, representando no seu lugar a música como sons morfolóxicos.[15]
Penderecki foi pronto recoñecido por institucións musicais de fóra de Polonia que comezaron a encomendarlle encargos que lle darían unha estabilidade económica.[8] Foi nesta época cando concluíu as súas exploracións de vangarda e gañaría reputación entre un público máis amplo coa estrea de Passio et mors Domini nostri Jesu Christi secundum Lucam na catedral de Münster (Alemaña) en 1966, a primeira grande obra da súa carreira, que fora encargada pola WDR Sinfonieorchester Köln para conmemorar o 700 aniversario da catedral alemá e que supuxo un punto de inflexión na súa carreira, converténdose no artista máis aclamado dende Igor Stravinskii.[13][18] Porén, Passio secundum Lucam supuxo a crítica dos que o consideraron unha traizón á vangarda. A partir deste momento Penderecki aventuraríase na esfera sacra con obras coma Dies irae (tamén chamada Oratorio Auschwitz e composta en 1967), Utrenja (1971) e Polskie Requiem (versión definitiva de 2005), o seu Credo (1998), ou a Missa brevis (2012).[8]
As súas intencións nesta época estaban influenciadas por Cage: "O único que me interesa é a liberación do son máis alá de toda a tradición."[19] Esta preocupación no son culminou en De Natura Sonoris I, que insta frecuentemente á orquestra a empregar técnicas non estándar para producir son e cores orixinais. En 1971 compuxo unha secuela, De Natura Sonoris II: coa súa orquestra máis limitada, incorpora máis elementos dos posrománticos que na súa predecesora. Esta anuncia a renuncia de Penderecki coa vangarda a mediados dos anos '70, aínda que ambas as pezas contan con dramáticos glissandi, densos clústers, e un uso dos harmónicos e instrumentos pouco habituais (a serra musical característica da segunda peza). Na segunda metade da década de 1960, entre 1966 e 1968, Penderecki exerceu como profesor na Volkwang Hochschule für Musik de Essen (Alemaña).[16]
En 1968 Penderecki recibiu o Premio Estatal de primeira clase, e ese mesmo ano recibiu unha bolsa de estudos da Organización Alemá de Intercambio Académico (DAAD).[18][20] Un ano despois chegaría a estrea da súa primeira ópera, Die Teufel von Loudun (Os demos de Loudun), unha ópera en alemán en tres actos sobre libreto propio que foi estreada na Hamburgische Staatsoper de Hamburgo (Alemaña) cun notable éxito que se reproduciu en moitos outros países,[2] e que o 12 de febreiro de 2013 foi estreada de novo en Copenhague (Dinamarca nunha nova versión).[13][18] A seguinte grande obra de Penderecki chegou pouco despois coa composición de Utrenja entre 1970 e 1971, e nesa mesma época compuxo outro oratorio, Kosmogonia, para as Nacións Unidas. Porén, non completou a súa Primeira Sinfonía ata 1973, que dirixiría na súa estrea na localidade inglesa de Peterborough.[18]
Con motivo do aniversario da República Popular de Polonia foi condecorado coa Cruz de Comandante (1974)[21] e a Cruz de Cabaleiro da Orde de Polonia Restituta (1964).[22] Ese mesmo ano estreou en Salzburgo (Austria) o seu Magnificat, outra encarga para conmemorar o aniversario da catedral de Salzburgo, que dirixiría na súa estrea no Festival de Salzburgo.[18]
Dende 1970
editarEntre 1972, o mesmo ano que foi designado reitor do Conservatorio de Cracovia, comezou a súa carreira como director, que o levou a poñerse á fronte das máis importantes orquestras do mundo, tamén entre ese mesmo ano e 1978 foi profesor na Yale School of Music.[16][18] Ao ano seguinte dirixiu unha produción escénica da súa segunda ópera, Paradise Lost, no Teatro alla Scala de Milán, e deu un concerto no Vaticano por invitación do papa, o tamén polonés Xoán Paulo XX.[18] Nesa época, o estilo de Penderecki comezou a cambiar. O Concerto para violín Nº 1 deixa en gran medida atrás os densos clústers cos que fora asociado, e no seu lugar centrouse en dous intervalos melódicos: o semitón e o trítono. Esta liña continuou coa Segunda Sinfonía, Nadal, composta en 1980, que é harmónica e melodicamente bastante sinxela. Nela fai uso frecuentemente da melodía da panxoliña Noite de Paz.
Penderecki explicou este cambio dicindo que chegara a sentir que a experimentación coa vangarda chegara demasiado lonxe das calidades expresivas, non formais da música occidental:[19]
“ | A vangarda deu unha ilusión de universalismo. O mundo musical de Stockhausen, Nono, Boulez e Cage foi para nós, os novos –cercados pola estética do realismo socialista, daquela o canon oficial do noso país– unha liberación... Deime conta rapidamente que esta novidade, esta experimentación e especulación formal, é máis destrutiva ca construtiva; deime conta da calidade utópica desta tonalidade Prometeo. | ” |
Penderecki conclúe que el estaba
“ | salvado da trampa do formalismo da vangarda por un retorno á tradición. | ” |
En 1980, Penderecki estableceuse coa súa familia nunha casa de campo na localidade polonesa de Lusławice, ao leste de Cracovia, no que se convertería no seu paraíso na terra e na que organizaría xunto coa súa muller Elżbieta festivais de música de cámara en 1980, 1983 e 1984, aos que invitaron destacados músicos e para os que encargaron obras a outros compositores.[8] Ese mesmo ano recibiu o encargo por parte do líder do sindicato Solidarność, Lech Wałęsa, de compoñer unha obra para a inauguración dunha estatua nos estaleiros de Gdańsk para conmemorar aos que foran asasinados nas protestas contra o goberno que tiveron lugar alí en 1970.[10] Penderecki respondeu ao encargo coa composición de Lacrimosa, que posteriormente el mesmo incluiría nunha das súas obras máis coñecidas do seu último período, o Polskie Requiem (1980-84, 1993, 2005). De novo as harmonías son ricas, aínda que hai momentos que lembran as súas obras na década de 1960. Finalmente, o 28 de setembro de 1984 estreábase o seu Requiem completo conmemorando o 40 aniversario do final da segunda guerra mundial coa Radio-Sinfonieorchester Stuttgart des SWR baixo a dirección do violonchelista ruso Mstislav Rostropovich en Estocolmo (Suecia).[18][nota 1][24] Tres anos máis tarde, en abril de 1987 recibiu o doutoramento honorífico da Universidade de Madrid, e posteriormente o Karl-Wolf Award da Wolf-Foundation de Israel.[18]
Nos últimos anos tendeu cara a unha concepción máis tradicional de construcións tonais, como as escoitadas no Concerto para violonchelo Nº 2 (1988) e no Credo. Penderecki dirixiu o Credo con motivo do 70 aniversario de Helmuth Rilling, o 29 de maio de 2003.[25] En novembro de 1989, Lorin Maazel dirixiu a Segunda Sinfonía, encargada polo Goberno Francés polo bicentenario da Revolución Francesa.[18]
En decembro de 1996 rematou a súa Sétima Sinfonía, subtitulada "Sete portas de Xerusalén", que pecharía as celebracións do trimilenario da cidade de Xerusalén, sendo estreada na mesma cidade o 9 de xaneiro de 1997; e o 4 de outubro dese mesmo ano estreaba en Moscova o Hymne an den heiligen Daniel, que fora encargado por unha canle de televisión moscovita para conmemorar o 850 aniversario da capital rusa; e posteriormente, o 18 de outubro, estreouse o Hymne an den heiligen Adalbert para conmemorar o 1.000 aniversario da cidade polonesa de Gdańsk. Poucos anos despois, o 23 de xaneiro de 2000, Penderecki recibiu o premio ao "Mellor Compositor Vivo" no Midem Classic en Cannes (Francia), e en outubro dese mesmo ano era nomeado doutor honorario da Universidade de Lucerna.[18]
En 2001, o Credo de Penderecki foi galardoado cun Premio Grammy á mellor interpretación coral pola primeira gravación da obra feita polo Oregon Bach Festival, que encargou a obra.[26] Ese mesmo ano, Penderecki foi galardoado co Premio Princesa de Asturias das Artes[27] no Estado español, un dos galardóns máis alto outorgado no país a persoas, entidades, organizacións ou outros de todo o mundo que salientan nas ciencias, artes, humanidades etc. En 2001, sendo invitado por Walter Fink, Penderecki converteuse no 11º compositor en ser destacado no Komponistenporträt do Rheingau Musik Festival. En 2005 recibiu un doutoramento honorífico da Universidade Nacional de Seúl (Corea do Sur), así como pola Universidade de Münster (Alemaña) en 2006.[28] Entre os seus alumnos máis destacados están Chester Biscardi[29] e Walter Mays.[30]
Na celebración do seu 75 aniversario dirixiu tres das súas obras no Rheingau Musik Festival en 2008, entre elas a "Ciaccona" do Polskie Requiem.[31] Ao ano seguinte compuxo Kaddish para conmemorar o 65 aniversario do peche do gueto de Łódź. Ao ano seguinte, ano do bicentenario do nacemento de Frédéric Chopin, Penderecki formou parte do Comité Honorario do Ano Chopin nas embaixadas da República de Polonia en Lisboa, Toquio e Roma, e compuxo Powiało na mnie morze snów... Pieśni zadumy i nostalgii (Un mar de soños respiraba en min... Cancións de reflexións e nostalxia), para soprano, mezzosoprano e barítono. Ese mesmo ano, a Gesellschaft der Musikfreunde de Viena encargoulle unha obra para conmemorar o 200 aniversario da Musikverein da capital austríaca, dando lugar ao Dobre concerto para violín e viola, que sería estreado o 22 de outubro de 2012 na capital austríaca coa Symphonieorchester des Bayerischen Rundfunks baixo a dirección de Mariss Jansons e con Janine Jansen (violín) e Julian Rachlin (viola).[18]
Entre os seus últimos traballos salienta unha obra coral conmemorativa do centenario do xenocidio armenio que foi estreada o 26 de maio de 2015 no Carnegie Hall de Nova York.[32] Tamén traballou nunha ópera en alemán baseada en Phèdre de Racine por encargo da Wiener Staatsoper e que debería realizarse en 2018 ou 2019.[33] Tamén esperaba escribir a súa Sinfonía Nº 9, se ben antes esperaba finalizar a súa Sinfonía Nº 6, que consideraba incompleta.[33][34]
Vida persoal
editarPenderecki ten tres fillos, unha rapaza do seu primeiro matrimonio, e un rapaz e unha rapaza que tivo do seu matrimonio coa súa segunda muller, Elżbieta Solecka, coa que casou en 1973.[35] Penderecki coñeceu a Solecka cando esta tiña tan só dez anos, e posteriormente ela recibiría leccións de piano da primeira muller do compositor.[36]
Unha das grandes paixóns de Penderecki foron as árbores e a natureza.[nota 2] Esta afección herdouna do seu avó, e aos cinco anos comezou a aprender sobre as árbores, que coleccionaba no seu xardín privado en Lusławice (preto de Cracovia), no que contaba máis de 18 000 especies. En palabras do propio compositor sobre o papel das árbores na súa función creativa afirmou:[33][37]
“ | ... eu busco a inspiración cando camiño polo meu parque ou traballo nel, e sempre se transforma nunha experiencia iluminativa á hora de compoñer. | ” |
Obra
editar- Artigo principal: Lista de composicións de Krzysztof Penderecki.
- Véxase tamén: Masa sonora e Música textural.
O amplo catálogo de obras de Penderecki abrangue case todos os xéneros, dende a música vocal ata a sinfónica, pasando pola música de cámara, a música para instrumentos solistas ou a ópera; Penderecki subliñou sobre o alcance dos seus intereses artísticos:[8]
“ | Síntome tentado tanto polo sagrado coma polo profano, por Deus e o demo, pola sublimidade e ir alén do sublime. | ” |
Moitas das súas obras chegaron da colaboración con solistas destacados como Anne-Sophie Mutter, Mstislav Rostropovich ou Boris Pergamenschikow, e teñen sido presentadas por músicos recoñecidos internacionalmente.[13][38]
Penderecki ofrece unha música rica en efectos sonoros, dunha escritura eficaz, feita de poderosos xestos empregando ultracromatismo, os clústers, glissandi, o azar, facer soar instrumentos de xeito pouco habitual... que a fan recoñecible tanto polo oído como polo estudo analítico das súas obras.[2] No proceso de traballo de todos estes elementos nun todo, as técnicas refinadas de contrapunto (coma o canon, a fuga e os passacaglia) teñen un papel destacado. Formalmente, Penderecki emprega técnicas de anticipación, retrospección e digresión, que conforman un todo narrativo marcado por culminacións dramáticas.[8]
A influencia da música electrónica levou a Penderecki a procurar novos efectos sonoros das voces e instrumentos convencionais.[39] Moitos destes efectos sonoros póñense de manifesto en Tren ofiarom Hiroszimy, na que Penderecki fai uso de técnicas musicais estendidas como tocar detrás da ponte.[38]
A súa música goza de popularidade entre os coñecedores da música contemporánea e influíu noutros compositores e mesmo en músicos populares como Jonny Greenwood, da banda de rock alternativo británica Radiohead.[8]
Evolución estilística
editarFrecuentemente divídese a carreira creativa de Penderecki en tres etapas: unha primeira avant-garde, seguida dunha etapa neoromántica, e finalmente unha síntese das dúas anteriores. Se ben o propio Penderecki recoñece esta división como axeitada como referencia xeral, sinala que dentro das distintas etapas hai obras con máis características doutras. Os xiros que realizou na súa carreira foron ás veces criticados por considerarse que estes respondían a unha concesión ao público, algo que o propio compositor desmente, asegurando que "eu non penso no público ao escribir música, penso no que a min me interesa".[33]
No tempo no que naceu Penderecki, a música europea experimentara a primeira onda de cambios revolucionarios que deixaron atrás as convencións e tradicións da estrutura e a organización do material musical.[8] As súas primeiras obras mostran a influencia de músicos coma Anton Webern, Pierre Boulez ou Igor Stravinskii.[38] Se ben estas primeiras obras teñen aínda reminiscencias seriais, revelan xa unha preferencia pola construción de segmentos melódicos cromáticos, o que o levou posteriormente a trasladar a súa atención dende as notas individuais ata os clústers, un recurso que xa fora empregado por compositores anteriores a Penderecki coma Henry Cowell. Ao contrario do que fixera Cowell, Penderecki tomou os clústers como punto de partida para o seu desenvolvemento compositivo, someténdoos a distintos tipos de procesos de desenvolvemento como á variación mediante trocos no rexistro, na extensión ou na densidade, mais ao igual que Cowell subordina as notas individuais ás masas sonoras nas que que se encontran en lugar de ser totalmente imperceptibles. O efecto desta masa sonora creada por Penderecki é de "ruído" en lugar dun grupo de notas diferenciadas, de feito, en todas as obras e escritos deste período, Penderecki ignorou toda distinción posible entre melodía e ruído, extraendo a súa música dun amplo espectro de sons dispoñibles.[40]
Durante a década de 1960, Penderecki centrouse especialmente no tamaño da orquestra de corda, igual que fixeran antes outros compositores poloneses coma Lutosławski, Serocki ou Schaeffer, que empregaran tan só instrumentos de corda fretada nalgunhas das súas obras orquestrais da década precedente.[41] A súa música de principios da década (Anaklasis, Tren ofiarom Hiroszimy, Canon, Polymorphia, Fluorescences e o Cuarteto Nº 1) encarnaban o fenómeno que o musicólogo Józef Michał Chomiński denominou "sonorismo", e que foron a resposta de Penderecki á necesidade ardente de modernidade musical e que se caracterizaron polo emprego dos clústers e a masa sonora dinámica arredor de bruscas cesuras texturadas.[8] O tratamento que fai Penderecki dos clústers é o dun bloque "sólido" de sons formados a partir de partes individuais indiferenciadas, o que contrasta coa visión doutros compositores como Ligeti, que creaba os seus clústers con compoñentes separados que cambiaban constantemente para producir transformacións sutís nos modelos internos. Mais debido ás limitacións da música con textura e a súa tendencia a poñer de relevo os efectos puramente superficiais, o camiño musical de Penderecki comezou a procurar novas direccións.[40] A obra de Penderecki ata finais dos anos 1970 foi comparada polo seu radicalismo e os seus timbres inauditos coa de Xenakis e György Ligeti, mais ao contrario que estes compositores, unha parte esencial da inspiración do compositor polonés é de esencia relixiosa e católica.[2] Comparando as obras desta época de Penderecki e obras de Ligeti sorprende a similitude dos efectos conseguidos mediante elementos diferentes, de feito, mentres que o compositor romanés escribe coidadosamente as notas e as súas duracións, o polonés deixa con frecuencia a elección destas aos intérpretes.[42]
Porén, a partir de entón, Penderecki abandonou progresivamente todos os elementos de vangarda presentes na súa linguaxe nunha evolución moi criticada polo mundo musical, mais recoñecida amplamente polo público, renovándose cunha estética neotonal, posromántica e frecuentemente inspirada por Brahms.[2] A súa Primeira Sinfonía (1973) é considerada a súa despedida simbólica aos movementos de vangarda, mentres que Przebudzenie Jacuba (1974) supón un renacer e unha presentación dos novos trazos da linguaxe que Penderecki empregaría ata principios da década de 1990 e que o converterían nun dos pioneiros do Novo Romanticismo,[nota 3] sinalando a Wagner, Bruckner, Mahler, Sibelius e Shostakovich como fontes de inspiración para a creación das súas propias obras orixinais.[8] A vinculación de Górecki e Penderecki cos xéneros relixiosos e a música antiga propiciaría a mediados da década de 1970 un rexurdimento dos materiais aos que se convertera Szymanoski en 1921 e que foran practicamente obrigatorios na época do réxime comunista.[10] Foi, xa que logo, a finais da década de 1980 cando se revelou finalmente na súa música un incremento na tendencia a combinar as inspiracións románticas con outras fontes de inspiración moi diferentes, de acordo co seu temperamento.[8][nota 4]
Este xiro estilístico ao pasado materializouse na súa cuarta ópera, Ubu Rex (1991),[43] e a idea de "gran síntese" fíxose evidente nas súas composicións de cámara e nas vocais-instrumentais que o compositor polonés compuxo a finais do século XX e principios do XXI.[8]
Uso no cine
editarAlgunhas das obras de Penderecki foron empregadas como bandas sonoras para algúns filmes. O exorcista (1973) emprega Polymorphia así coma o seu Cuarteto de Corda e Kanon For Orchestra and Tape; fragmentos do seu Concerto para violonchelo e Die Teufel von Loudun tamén son empregados no filme. Escribindo sobre O exorcista, o crítico cinematográfico de The New Republic afirmou:
“ | mesmo a música é impecable, a maior parte de Krzysztof Penderecki, que ao final está onde debe estar.[44] | ” |
The Shining (1980) emprega seis pezas de Penderecki: Utrenja II: Ewangelia, Utrenja II: Kanon Paschy, Przebudzenie Jacuba, De Natura Sonoris Nº 1, De Natura Sonoris Nº 2 e Polymorphia. David Lynch ten empregado música de Penderecki nas bandas sonoras das súas películas Wild at Heart (1990) e Inland Empire (2006). No filme Fearless (1993) de Peter Weir, empregouse outra vez a obra Polymorphia para unha escena intensa dun accidente aéreo visto dende os ollos dun pasaxeiro interpretado por Jeff Bridges. A obra de Penderecki Tren ofiarom Hiroszimy, tamén foi usada durante as secuencias finais do filme Children of Men (2006). Penderecki compuxo música para o filme de 2007 de Andrzej Wajda Katyń (música que lle valeu o Premio "Orły 2008" o 14 de abril dese ano), mentres que Martin Scorsese emprega a súa Sinfonía Nº 3 e Fluorescences no seu filme Shutter Island (2010).[18][45]
Penderecki como director
editarPenderecki ten tamén unha importante actividade como director de orquestra, dirixindo diversas orquestras en todo o mundo, tanto obras propias coma obras do repertorio clásico. O debut de Penderecki como director tivo lugar en Donaueschingen (Alemaña) a principios da década de 1970, cando dirixiu un grupo de jazz nunha interpretación da súa obra Atractions durante o Donaueschinger Musiktage.[8] Foi tamén o principal director convidado da Norddeutscher Rundfunk Orchester de Hamburgo, da Rundfunk-Sinfonieorchester de Leipzig, e da Orquestra Filharmónica da China (dende outubro de 2000). Ademais foi director artístico e musical da Filharmonia Krakowska (1987-1990), Sinfonia Varsovia (dende setembro de 1997). Tamén foi o director artístico do Festival Casals de Puerto Rico (1992-2002), así como asesor artístico do Festival de Música de Pequín dende 1998.[18]
Premios e recoñecementos
editarPenderecki é un dos músicos da súa xeración que ten recibido máis premios e recoñecementos,[13] entre outros a Commander's Cross en 1964, o Prix Italia en 1967 e 1968, a Cruz de Cabaleiro da Orde de Polonia Restituta en 1964, tres Premios Grammy en 1987, 1998 e 2001, e o Grawemeyer Award for Music Composition da Universidade de Louisville en 1992,[46] e o Premio Príncipe de Asturias das Artes en 2001.[4] En 2005 recibiu a maior condecoración de Polonia, a Orde da Aguia Branca, en 2006 Orde das Tres Estrelas en 2006, e en 2008 recibiu o Premio Orły pola súa música para o filme de Andrzej Wajda, Katyń.[18] En 2009 recibiu a Orde de Mérito do Gran Ducado de Luxemburgo.[47] En 2013 gañou un Premio Grammy, e ao ano seguinte recibiu a Cruz de primeira clase da Orde de Terra Mariana,[48] e en 2015 recibiu a medalla Per Artem ad Deum en Polonia,[49] entre outros moitos galardóns.
É tamén membro honorífico de moitas e prestixiosas institucións, como a Royal Academy of Music de Londres (marzo de 1974), a Accademia Nazionale di Santa Cecilia de Roma, a Akademie der Künste der Deutschen Demokratischen Republik de Berlín, a Akademie der Künste de Berlín, a Academia Scientiarium et Artium Europaea de Salzburgo (1993), é Oficial da Orde de Saint Georges de Bourgogne de Bruxelas (abril de 1990), a Académie Nationale des Sciences, Belles-lettres et Arts de Bordeos, Gesellschaft der Musikfreunde Wien (marzo de 2000, entre outras moitas.[28][50]
Penderecki foi nomeado profesor honorífico de diversas institucións de ensino musical como o Conservatorio Rimski-Korsakov de San Petersburgo (2007), ou o Conservatorio Estatal de Iereván Komitas en Iereván (Armenia) en 2008.[18] En 1998 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade Iaguelónica de Cracovia.[51]
O 10 de agosto de 2011 comezaron os traballos de construción do European Krzysztof Penderecki Centre for Music na localidade polonesa de Lusławice, que se inauguraría en maio de 2013.[52] O European Krzysztof Penderecki Centre for Music é un centro de perfeccionamento musical para que mozas e mozos de todo o mundo desenvolvan as súas capacidades para interpretar como solistas, en orquestra ou en música de cámara.[53]
Entre os días 17 e 23 de novembro de 2013, coincidindo con 80 aniversario do compositor, celebrouse en Varsovia o Krzysztof Penderecki Festival, no que participaron arredor de 50 artistas entre solistas e directores, destacando nomes como Yuri Bashmet, Anne-Sophie Mutter, Lorin Maazel, Valery Gergiev, Charles Dutoit, Jerzy Maksymiuk, ou Jacek Kaspszyk. Durante o festival puideron escoitarse nos escenarios dalgunhas das salas máis importantes da capital polonesa algunhas das composicións máis salientables de Penderecki con destacados solistas, coros, actores, grupos de cámara, ou orquestras como a Sinfonia Varsovia, Narodowa Orkiestra Symfoniczna Polskiego Radia w Katowicach, entre outras.[35]
Notas
editar- ↑ Posteriormente, en 1993 foi revisado polo propio compositor, que engadiu un novo número, o "Sanctus". En 2005 Penderecki engadiu a "Ciaccona" (para cordas) en memoria do papa Xoán Paulo II no ano da súa morte.[18][23]
- ↑ Penderecki consideraba que o seu amor polas árbores e a natureza influenciou a súa carreira tanto coma a súa fe católica.[33]
- ↑ Unha corrente musical que se baseou na linguaxe do Romanticismo tardío e na experiencia das vangardas.[8]
- ↑ Penderecki definiuse como "o resultado dunha fusión vigorizante de moitos e variados elementos e influencias".[8]
- Referencias
- ↑ Michaels, Sean (23 de xaneiro de 2012). "Jonny Greenwood reveals details of Krzysztof Penderecki collaboration". The Guardian.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 IRCAM, ed. (28 de xaneiro de 2009). "Krzysztof Penderecki" (en francés). Consultado o 23 de marzo de 2014.
- ↑ 3,0 3,1 www.trzejkompozytorzy.pl (ed.). "Krzysztof Penderecki". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 31 de marzo de 2014.
- ↑ 4,0 4,1 Fundación Príncipe de Asturias (ed.). "Krzysztof Penderecki" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de febreiro de 2014. Consultado o 5 de marzo de 2014.
- ↑ 5,0 5,1 Schwinger, p. 16.
- ↑ Penderecki on 'aiming for the unreachable', Deutsche Welle
- ↑ Krzysztof Penderecki engaged in creation of choral work on Armenian Genocide centennial, ARMENPRESS
- ↑ 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 8,14 8,15 8,16 8,17 8,18 8,19 www.trzejkompozytorzy.pl (ed.). "Biography" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2014. Consultado o 6 de marzo de 2014.
- ↑ Schwinger, pp. 16-17.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 Julián Carrillo (7 de febreiro de 2014). Orquestra Sinfónica de Galicia, ed. "Abono 13 (tempada 2013-14)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de febreiro de 2014. Consultado o 29 de marzo de 2014.
- ↑ 11,0 11,1 Schwinger, p. 17.
- ↑ Schwinger, p. 18.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 13,5 13,6 Schott Music (ed.). "Krzysztof Penderecki (Profile)". Consultado o 6 de marzo de 2014.
- ↑ Schwinger, pp. 18-19.
- ↑ 15,0 15,1 Monastra, Peggy. "Krzysztof Penderecki's Polymorphia and Fluorescences" (PDF). Moldenhauer Archives, Library of Congress. Consultado o March 19, 2012.
- ↑ 16,0 16,1 16,2 16,3 16,4 Fundación Príncipe de Asturias (ed.). "Krzysztof Penderecki - Artes 2001 (trayectoria)" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2014. Consultado o 4 de marzo de 2014.
- ↑ www.culture.pl (ed.). "Krzysztof Penderecki" (en inglés). Consultado o 6 de marzo de 2014.
- ↑ 18,00 18,01 18,02 18,03 18,04 18,05 18,06 18,07 18,08 18,09 18,10 18,11 18,12 18,13 18,14 18,15 18,16 www.krzysztofpenderecki.eu (ed.). "Krzysztof Penderecki (Biography)" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2014. Consultado o 5 de marzo de 2014.
- ↑ 19,0 19,1 Tomaszewski, Mieczyslaw (2000). "Orchestral Works Vol 1 Liner Notes".
- ↑ Dziennik Polski, rok XXIV, nr 172 (7599), p. 6.
- ↑ Dziennik Polski, rok XXX, nr 175 (9456), p. 2.
- ↑ Dziennik Polski, rok XX, nr 171 (6363), p. 6.
- ↑ "Ciaccona" (en inglés). Schott. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ "A Polish Requiem. The Dream of Jacob" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de outubro de 2009. Consultado o 24 de marzo de 2014.
- ↑ Benefizkonzert zum 70. Geburtstag von Helmuth Rilling (en alemán).
- ↑ www.krzysztofpenderecki.eu (ed.). "Prizes and Awards" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2014. Consultado o 8 de marzo de 2014.
- ↑ "Acta do xurado. Artes 2001". fundacionprincipedeasturias.org (en castelán). 30 de maio de 2001. Archived from the original on 29 de setembro de 2007. Consultado o 1 de xuño de 2021.
- ↑ 28,0 28,1 www.krzysztofpenderecki.eu (ed.). "Honorary Member" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2014. Consultado o 6 de marzo de 2014.
- ↑ "Biography: Curriculum Vitae: Education & Teaching" (en inglés). chesterbiscardi.com. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ "2007-2008 Programs. Presented by guest artists, faculty and students" (en inglés). University of Michigan School of Music, Theatre & Dance. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ Ouverture 2008 Rheingau Musik Festival, p. 17, 11 de xullo de 2008.
- ↑ "Evgeny Kissin's Chopin, Krzysztof Penderecki World Premiere Commemorate Armenian Genocide Centennial at Carnegie Hall on May 26". classicalite.com (en inglés). 10 de maio de 2015. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ 33,0 33,1 33,2 33,3 33,4 "Krzysztof Penderecki: “Tengo muchos deseos de ir a Chile”" (en castelán). beethovenfm.cl. 3 de novembro de 2014. Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2016. Consultado o 27 de abril de 2016.
- ↑ Irish Times, 8 de setembro de 2010.
- ↑ 35,0 35,1 European Festivals Association, ed. (18 de novembro de 2013). "Krzysztof Penderecki Festival in Warsaw celebrates the composer’s 80th birthday". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 21 de marzo de 2014.
- ↑ "Notes on Penderecki. Family (2)" (en inglés). culture.pl. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ "Penderecki on 'aiming for the unreachable'" (en inglés). dw.com. 29 de novembro de 2013. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ 38,0 38,1 38,2 www.lastfm.es (ed.). "Krzysztof Penderecki" (en castelán). Consultado o 6 de marzo de 2014.
- ↑ Grout, Donald J.; Palisca, Claude V. (2003). "Atonalidad, serialismo y desarrollos recientes en la música europea del siglo XX". En Alianza Música. Historia de la música occidental (en castelán) 2 (3ª ed.). Madrid. p. 965. ISBN 84-206-7893-7.
- ↑ 40,0 40,1 Morgan, Robert P. (1999). "Innovaciones en cuanto a la forma y la textura". En Akal. La música del siglo XX (en castelán) (2ª ed.). Tres Cantos. pp. 407–410. ISBN 84-460-0368-6.
- ↑ Amblard, Jacques (28 de xaneiro de 2009). IRCAM, ed. "Krzysztof Penderecki (Parcours de l'œuvre)" (en francés). Consultado o 24 de marzo de 2014.
- ↑ Grout/Palisca, p.968
- ↑ John Rockwell (8 de xullo de 1991). The New York Times, ed. "Review/Opera; Long-Delayed Munich Premiere: 'Ubu Rex' From Penderecki". Consultado o 28 de marzo de 2014.
- ↑ Liner notes for The Exorcist: Original Motion Picture Soundtrack, Warner Bros. 16177-00-CD, 1998.
- ↑ Internet Movie Database (ed.). "Krzysztof Penderecki Biography". Consultado o 14 de marzo de 2014.
- ↑ "1992- Krzysztof Penderecki". Arquivado dende o orixinal o 02 de decembro de 2013. Consultado o 06 de febreiro de 2014.
- ↑ Embaixada de Luxemburgo en Polonia, ed. (19 de setembro de 2009). "Distinction honorifique pour le compositeur polonais Krzysztof Penderecki" (en francés). Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2014. Consultado o 24 de marzo de 2014.
- ↑ "Krzysztof Eugeniusz Penderecki" (en inglés). geni.com. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ "Per Artem ad Deum Medal for Krzysztof Penderecki, Wincety Kućma and Herder Publishers" (en inglés). Sitio web oficial. 10 de xuño de 2015. Consultado o 28 de abril de 2016.
- ↑ Akademie der Künste (ed.). "Krzysztof Penderecki" (en alemán). Consultado o 24 de marzo de 2014.
- ↑ Universidade Iaghelónica de Cracovia (ed.). "Doktorzy honoris causa". Consultado o 24 de marzo de 2014.
- ↑ European Krzysztof Penderecki Centre for Music, ed. (1 de outubro de 2012). "Welcome to the new website!". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ European Krzysztof Penderecki Centre for Music (ed.). "About center". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2015. Consultado o 30 de marzo de 2014.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Krzysztof Penderecki |
Bibliografía
editar- Bylander, Cindy (2004). Praeger, ed. Krzysztof Penderecki: a bio-bibliography. Westport, Connecticut. ISBN 978-0-313256-58-5. OCLC 56104435.
- Coadou, François. Musicologie.org, ed. Le cas Penderecki ou la question de l'avant-garde au XXe siècle. Archived from the original on 17 de setembro de 2021. Consultado o 10 de outubro de 2022.
- Maciejewski, B. M. (1976). Allegro Press, ed. Twelve Polish Composers. Londres, Inglaterra. ISBN 978-0-950561-90-5. OCLC 3650196.
- Malecka-Contamin, Barbara (1997). Kimé, ed. Krzysztof Penderecki. Style et matériaux. París.
- Penderecki, Krzysztof; Janowska, Katarzyna; Mucharski, Piotr (2013). Wydawnictwo Literackie, ed. Pendereccy Saga rodzinna. p. 350. ISBN 978-83-08-05231-0.
- Penderecki (1998). Noir sur Blanc, ed. Le Labyrinthe du temps. Cinq leçons pour une fin de siècle. Montricher (Suíza).
- Robinson, Ray (1983). Prestige Publications, ed. Krzysztof Penderecki: a guide to his works. Princeton, Nova Jersey. ISBN 978-0-911009-02-6. OCLC 9541916.
- Schwinger, Wolfram; trans. William Mann (1989). Schott, ed. Krzysztof Penderecki: His Life and Work – encounters, biography and musical commentary. Londres, Inglaterra. ISBN 978-0-946535-11-8. OCLC 715184618.
- Thomas, Adrian (1992). "Penderecki, Krzysztof". En Sadie, Stanley. New Grove Dictionary of Opera. Londres, Inglaterra. ISBN 0-333-73432-7.
- Tomaszewski, Mieczysław (2003). Intitut Adam Mickiewicz, ed. Penderecki.
Ligazóns externas
editar- Sitio web oficial (en polaco) (en inglés)
- Penderecki en "Trzej Kompozytorzy" (en polaco) (en inglés)
- Sitio web oficial do European Krzysztof Penderecki Center for Music (en polaco) (en inglés)
- Penderecki no sitio web da IRCAM (en francés)
- "Me quedan unos veinte años para llegar a la novena sinfonía", entrevista a Penderecki en La Vanguardia (28 de xaneiro de 1998) (en castelán)
- Composer Krzysztof Penderecki. In Conversation with Bruce Duffie, entrevista a Penderecki de Bruce Duffie (en inglés)
- Noticias sobre Krzysztof Penderecki (en inglés)
- Extractos de arquivos sonoros de obras de Penderecki Arquivado 25 de marzo de 2014 en Wayback Machine. (en francés)
- Krzysztof Penderecki: Turning history into avant-garde (en YouTube)