Kirkjubæjarklaustur
A aldeíña de Kirkjubæjarklaustur (léanse os j coma /i/, æ coma un e aberto, au coma ditongo e tónicas a primeira, terceira e quinta sílabas, coma palabra paroxítona) ten 160 habitantes e sitúase ó sur de Islandia, á beira da estrada entre Vík í Mýrdal e Höfn. No seu nome pódense distinguir tres palabras: kirkju, que significa "igrexa", bæjar, e klaustur, que significa "claustro". A súa súa singular posición é o que a fai coñecida en comparación con outras viliñas do seu tamaño: a pequena aldea é o único punto entre esas dúas cidades que ofrece algún tipo de servizo, entre eles unha gasolineira, un banco, unha oficina de correos e un supermercado. Ademais, moitos habitantes da capital Rejkyavik posúen leiras na súa contorna, a onde van en vacacións. As atraccións turísticas máis achegadas son Eldgjá, os cráteres de Laki, o Parque Nacional Skaftafell onde ír facer camiñadas ou o lago glacial de Jökulsárlón.


Unha atracción moi próxima á vila é o Kirkjugólf (o solo da igrexa), un camiño natural de columnas: hai columnas de basalto soterradas, de xeito que só se poden ver as cabezas e, como indica o seu nome, teñen a aparencia do solo enlousado dunha igrexa. Esta formación de lava tén unha orixe semellante á do Giant's Causeway do Ulster. Todas estas singularidades contribúen para que Kirkjubæjarklaustur sexa unha parada común para os turistas.
Historia Editar
Pénsase que xa vivían aquí monxes irlandeses antes de chegaren os primeiros asentamentos a Islandia. Dende 1186, un renomeado convento beneditino de monxas localizouse en Kirkjubæjarklaustur, ata a Reforma protestante de 1550. Os nomes da fervenza Systrafoss (fervenza das irmás) e do lago Systravatn na montaña refírense a este mosteiro. Systrastapi (a rocha das irmás) é o lugar onde dúas monxas foron queimadas por herexía. A tradición popular ilustra o acontecemento con historias sobre a irmá boa e a pecadora, así coma cun tesouro no fondo do lago.
A vila fíxose coñecida polas erupcións do volcán Lakagígar en 1738. O pastor protestante do templo local, Jón Steingrímsson, predicara co que se deu en chamar o "Sermón do lume". A lenda conta que o sermón parou o río de lava e que a vila se salvara no último momento. A igrexa actual, construída en 1974, fíxose en lembranza do Reverendo Jón Seingrímsson.
Fonte Editar
The Rough Guide to Iceland (2001) Rough Guides. ISBN 1-85828-597-6 (en inglés)
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kirkjubæjarklaustur |
A Galipedia ten un portal sobre: Islandia |