Kingdom Hearts é unha saga de videoxogos pertencente ó xénero dos RPG de acción. Xurdiu da unión de Square e Disney.

O xogo mestura personaxes e lugares de Disney e da saga Final Fantasy con outros, coma os protagonistas, deseñados exclusivamente para o xogo por Tetsuya Nomura.

Argumento editar

A acción xira en torno a Sora, un rapaz de 14 anos que vive nas Illas do Destino xunto cos seus amigos Riku e Kairi. Os tres soñan con fuxir das illas e visitar outros mundos, polo que deciden construír unha balsa. Mais a noite anterior ó día previsto para partir, unha tormenta escurece as illas e aparecen unhas criaturas chamadas sencorazón. Os tres amigos quedan separados e, cando Sora atopa por fin a Riku, este último é absorbido por unha sombra.

É entón cando aparece un xigantesco ser chamado Lado escuro. Sora vese sen escapatoria e sen poder loitar pero, nese intre, aparece na súa man a Chave espada, coa que se enfrontará ós sencorazón.

O seu mundo é absorbido pola escuridade e Sora esperta en Cidade de Paso. Alí coñece a León (que realmente se chama Squall Leonhart), a Yuffie Kisaragi e a Aerith Gainsborough. Máis tarde atópase cos que serán os seus compañeiros de aventuras, Donald e Goofy. Estes teñen a misión de atopar ó portador da Chave espada e reunirse despois co seu rei, Mickey.

Así comeza unha aventura a través dunha gran variedade de mundos baseados en películas de Disney. Ó longo da viaxe, Sora irá selando as pechaduras dos mundos para salvalos da destrución.

Por outro lado, Riku, crendo que a Sora non lle preocupa o destino da súa amiga Kairi, aliarase con Maléfica, a cal lidera unha organización formada por viláns de Disney, cuxo fin é capturar a sete mozas cun corazón puro, as Princesas do Corazón, para poder abrir a porta ó Reino dos Corazóns(Kingdom Hearts), fonte de poder e sabedoría.

Finalmente, Sora e os demais chegan a Bastión Oco, o cuartel xeral dos viláns. Alí Sora enfróntase a Riku e revélase que este último tamén é un portador da Chave espada. Riku quítalle a Sora a súa Chave espada e entrégalle unha espada de madeira a modo de burla. Sora consegue recuperala ó demostrar que o seu corazón é máis forte que o de Riku. Riku, ó ser derrotado, acepta a oferta dun encapuchado que lle ofrece un gran poder para derrotar a Sora. Entón Riku aparece ante Sora despois de que este derrotara a Maléfica e usa unha Chave espada escura contra esta, facendo así que obteña un maior poder da escuridade e se converta nun enorme dragón.

Tras derrotar a Maléfica en forma de dragón, Sora volve a enfrontarse a Riku. Pero esta vez non é Riku, senón Ansem, o científico que investigara ós sencorazón (aínda que en Kingdom Hearts II revélase que se trata do sencorazón de Xehanort), que posuíra a Riku. Ansem desexa ser parte da escuridade, e cre que o Reino dos Corazóns está formado de escuridade. Kairi resulta ser unha das Princesas do Corazón, e o seu corazón está unido ó de Sora. Sora derrota a Ansem e para liberar o corazón de Kairi crávase a si mesmo a Chave espada, perdendo o seu corazón, pero liberando a Kairi e ó resto das Princesas do Corazón.

Sora transfórmase nun sencorazón que intenta protexer a Kairi, e esta recoñéceo e sálvao da escuridade. Sora, Kairi, Donald e Goofy foxen de Bastión Oco para escapar dos sencorazón. Máis tarde, Sora, Donald e Goofy regresan para selar a pechadura e viaxar á Fin do Mundo, onde se atopa o Kingdom Hearts e ten lugar a derradeira batalla contar Ansem.

Cando Ansem é derrotado pola luz do Kingdom Hearts, a porta deste ameaza con soltar milleiros de sencorazón. Sora, Donald e Goofy intentan pechar a porta pero a súa forza non é suficiente. Riku, que recuperara o seu corpo, lles axuda dende dentro xunto co rei Mickey, pero quedan dentro. Sora e Mickey Mouse combinan entón as súas chaves espada para pechar a porta do Kingdom Hearts. Antes de que se peche a porta, Riku lle pide a Sora que coide de Kairi. O reencontro de Sora con Kairi é moi curto, xa que son separados pola reconstrución das Illas do Destino.

Sora promételle a Kairi que volverá e vai buscar a Riku e ó Rei. Así chegarán ó Castelo do Esquecemento, onde se desenvolve Kingdom Hearts: Chain of Memories.

Mundos editar

Kingdom Hearts editar

  • Illas do Destino (orixinal). É o mundo no que viven Sora e os seus amigos e onde comeza a historia.
  • Cidade de Paso (orixinal). Aquí Sora coñece a Donald e a Goofy. Está habitado por persoas cuxos mundos foron destruídos.
  • O País das Marabillas de Alicia no País das Marabillas (1951). Neste estraño mundo Sora e os seus amigos encollen ata un tamaño minúsculo.
  • Coliseo do Olimpo de Hércules (1997).
  • Selva profunda de Tarzán (1999). Compañeiro: Tarzán.
  • Agrabah de Aladdín (1992). Compañeiro: Aladdín.
  • Monstro de Pinocho (1940). Este mundo é en realidade o interior dunha terrible balea.
  • Atlántica de A sereíña (1989). Neste mundo Sora, Donald e Goofy transfórmanse nun sereo nunha lura e nunha tartaruga respectivamente. Compañeira: Ariel.
  • Cidade de Halloween de Pesadelo antes de Navidade (1993). Aquí Sora, Donald e Goofy levan uns disfraces de vampiro, momia e Frankenstein respectivamente. Compañeiro: Jack.
  • O País de Nunca Xamais de Peter Pan (1953). Este mundo comprende o barco do Capitán Garfio e unha parte de Londres (Torre do Reloxo de Westminster).Compañeiro: Peter Pan.
  • O Bosque dos 100 Acres de Winnie the Pooh. Neste mundo non hai sencorazón. Para selar a súa cerradura hai que superar varios minixogos.
  • Bastión Oco (orixinal). É o mundo no que vivían León e os seus amigos. Compañeiro: Besta.
  • A Fin do Mundo (orixinal, pero unha parte está inspirada na película Fantasía, de 1940). É o derradeiro mundo de Kingdom Hearts.

Kingdom Hearts II editar

  • Vila Crepúsculo (orixinal). Aquí comeza Kingdom Hearts II. Desenvólvese aquí un titorial no que o xogador manexa a Roxas, o incorpóreo de Sora.
  • Bastión Oco/Verxel Radiante (orixinal). O mesmo Bastión Oco de Kingdom Hearts, pero esta vez as obras de reconstrución xa van ben avanzadas. O terminar as obras, pasa a chamarse Verxel Radiante.
  • Terra de Dragóns de Mulán (1998). Está baseado na antiga China. Compañeira: Mulán.
  • Castelo de Besta de A Bela e a Besta(1992). Compañeiro: Besta.
  • Coliseo do Olimpo de Hércules (1997). Desenvólvese maiormente no Inframundo. Compañeiro: Auron.
  • Port Royal de Pirats do Caribe. A maldición da Perla Negra (2003). Compañeiro: Jack Sparrow.
  • Agrabah de Aladdín (1992). Compañeiro: Aladdín.
  • Cidade de Halloween de Pesadelo antes de Nadal (1993). Compañeiro: Jack.
  • Terras do Reino de O Rei León (1994). Neste mundo, Sora , Donald e Goofy transfórmanse respectivamente nun león xove, nun paxaro e nunha tartaruga de terra. Compañeiro: Simba.
  • Espazo Paranoico de Tron (1982). Aquí Sora e compañía levan unhas armaduras robóticas azuis. Compañeiro: Tron.
  • Atlántica de A sereíña (1989). Para rematar este mundo hai que completar unha serie de minixogos.
  • O Bosque dos 100 Acres de Winnie the Pooh. Ó igual que pasa con Atlántica, para rematalo hai que completar minixogos.
  • O mundo inexistente (orixinal). É o derradeiro mundo de Kingdom Hearts II e o cuartel xeral da Organización XIII. Compañeiro: Riku.