O kifli ou kipferl é un bolo ou pan tradicional de Europa do Leste. É habitual na gastronomía autríaca, húngara, checa (rohlík), eslovaca (rožok) e serbia (kifla).[1] Ten forma de media lúa e pode ser salgado ou doce, incluíndo neste caso leite.

Kifli feito con fariña de espelta.

Elaboración editar

O kifli elabórase cortando lascas de masa de fariña branda con forma de cuñas triangulares, e enrolándoas para obter unha peza con forma de media lúa, que entón é enfornada (permitindo que a masa medre).

Salgado editar

Os rolos de masa déixanse tal cal, ou se lles aplica un baño de ovo e se espolvorea con semente de papoula ou carvea, a miúdo mesturada con sal gordo.

O kifli tómase só ou para almorzar, nese caso adoita cortarse lonxitudinalmente, untarse con manteiga e comerse con friames, queixos ou marmelada, mel e unha cunca de café, chocolate quente ou leite.

Doce editar

A variante doce do kifli é unha galleta de menor tamaño cuxa masa contén a miúdo vainilla (chamándose entón vaníliás kifli). As cuñas de masa enrólanse arredor dun recheo doce de froitos secos, habitualmente noces (diós kifli), semente de papoula (mákos kifli) ou lekvar (lekváros kifli), un tipo de marmelada normalmente de figos ou albaricoque, con ou sen pasas. Tralo enfornado, adoitan esparexerse cun pouco de azucre glas ou canela. Alternativamente, poden cubrirse con chocolate.

Notas editar

  1. "Kifli". Arquivado dende o orixinal o 23 de xullo de 2009. Consultado o 18 de xuño de 2018.