Hatti

(Redirección desde «Khatti»)


Hatti era un pobo da antigüidade que habitaba o centro da Anatolia.[1] O nome está documentado polo menos dende o imperio de Sargón de Acad (2.300 a.C.).[2]

Terminoloxía editar

O termo hititas chegou ata nós a través da Biblia e as fontes do Antigo oriente en xeral, e serve para designarmos un pobo indoeuropeo de Anatolia. Os hititas chamaban á súa lingua nesili (nesita), en relación coa cidade de Nesa (Kanesh). O que eles chamaban hattili (lingua hatti) era de feito a lingua do pobo que habitaba na rexión de Hatti (capital Hattusha), en Anatolia central (preto da actual Ancara), na que os hititas se instalaron e desde onde fundaron un poderoso reino, seguindo a chamar "Hatti" ao país, e que lles deu o seu nome.

Quen eran os hatti? editar

 
Localización dos principais sitios arqueolóxicos da Anatolia hitita

O pobo hatti fica mal coñecido. Considérase xeralmente que ocupan a Anatolia desde moito antes das poboacións indoeuropeas, en primeiro lugar os hititas pero tamén os Palaítas, pois estes tomaron prestado unha parte do seu vocabulario, dos seus deuses e da súa relixión. Con todo é imposíbel determinar claramente trazos propiamente hatti nos descubrimentos arqueolóxicos da Anatolia Central protohistórica (milenio -III), ata tal punto é homoxénea a cultura material deste período, mesmo se se efectuaron algunhas tentativas interesantes.

As primeiras fontes históricas para a rexión son as dos arquivos dos comerciantes asirios que estableceran colonias en Capadocia (séculos -XIX a -XVIII), nun país dominado polos hititas-nesitas, pero onde os elementos hatti están aínda ben presentes. Con todo é máis lóxico buscarmos o hábitat dos Hatti na rexión que deu o seu nome, onde existe nesta época un "reino de Hatti", cuxa capital está situada en Hattusha, a futura capital dos hititas. Este reino aparece aliado a outra entidade política situada máis ao norte, o reino de Zalpa. Este primeiro reino de Hatti cae sobre -1900 baixo o pulo do rei Anittas de Kussar, que abate ao seu rei Huzziyas e destrúe Hattusha. Aínda que se intentou ver no nome de Huzziyas un nome hatti, e se quixo facer deste reino unha entidade política dominada por este pobo, chegando ata facer da loita contra os hititas-nesitas unha loita étnica, nada permite confirmar estas hipóteses, e se cadra Hattusha estaba xa dirixida por unha dinastía hitita, como a que funda no século -XVII o primeiro reino hitita.

A relixión hatti editar

Os hititas conservaron vellos rituais relixiosos hatti retranscribindo esta lingua en escritura cuneiforme, e traducindo estes textos á súa lingua para comprendérenas mellor. Estes rituais, que facían referencia a mitos hatti (como o d'A Lúa caída do Ceo) están nun estado demasiado lacunario como para seren ben comprendidos, e o vocabulario relixioso fica engorroso.

Coñécense ben, en cambio, os nomes dos deuses hatti, retomados polos hititas. A Deusa-sol de Arinna, divindade do mundo subterráneo, correspóndese coa deusa hatti Wurushemu, o seu compañeiro o deus-sol do Ceo é Eshtan. O deus da Tempestade, asociado de maneira xeral á auga, elemento fertilizdor chámase Taru (se cadra un derivado do hitita Tarhunta), e ten dous importantes santuarios en país Hatti, en Nerik e Zippalanda. O deus agrario hitita Telebinu, fillo de Wurushemu e de Eshtan, é sen dúbida de orixe hatti. Os outros deuses principais hatti son Wurunkatte, deus da guerra, Inara, o "Xenio de Hattusha", Halmasuit, a "deusa-trono" e Kunzanisu, deusa lunar.

A lingua hatti editar

A lingua hatti é unha lingua aglutinante que non está emparentada con ningunha familia lingüística coñecida. É pois unha lingua illada. Falouse en Anatolia ata o principio do IIº milenio antes da nosa era.

Á chegada dos hititas, sobre -2000, extinguiuse a beneficio das linguas anatolias faladas polos recentemente chegados. Con todo foi utilizada como lingua litúrxica ata a caída do Imperio Hitita sobre o -1200. Converteuse nun importante substrato do hitita, que colleu moitos préstamos do hatti.

Os hititas escribiron o hatti por medio da escritura cuneiforme, facendo preceder as pasaxes nesa lingua co adverbio hattili en hatti.

Se ben esta lingua é considerada unha lingua illada, algúns investigadores poñen en relación o hatti coas linguas caucásicas como o abkhazo ou as do grupo kartvélico. En efecto, o hatti comparte con estas linguas a ausencia de xénero gramatical e o uso de prefixos.

Notas editar

  1. Kessler, P L. "Kingdoms of Anatolia - Hatti Hattusa". www.historyfiles.co.uk (en inglés). Consultado o 2018-02-08. 
  2. Bryce (2005), p.12

Véxase tamén editar

Bibliografía editar