Kauri

especie de planta

O kauri (Agathis australis) é unha conífera endémica que crece no norte da Illa Norte de Nova Zelandia e é a maior especie de árbore de Nova Zelandia, rivalizando no diámetro do seu tronco coa sequoia. As árbores de kauri crecen rectas e até unha grande altura (aproximadamente uns 50 m), cunha cortiza suave e pequenas follas ovaladas. Cando a árbore é nova, ten a forma dun cono estreito con pólas saíndo ao longo de toda a lonxitude do tronco. Os troncos crecen rectos e, a medida que van gañando altura, as pólas máis baixas van caendo até que finalmente as pólas superiores convértense nunha coroa impoñente que sobresae por riba das demais árbores e domina o bosque. Ao caeren as pólas inferiores, o tronco transfórmase nunha gran columna sen pólas. A cortiza despréndese do tronco en escamas de pequeno tamaño, o que impide que outras plantas epífitas ruban ao seu tronco.

Agathis australis
Estado de conservación
CD
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Araucariaceae
Xénero: Agathis
Especie: A. australis
Nome binomial
Agathis australis
(D.Don) Loudon
Distribución natural do A. australis
Distribución natural do A. australis

Distribución natural do A. australis
Follas de kauri novo (Gumdiggers Park en Waiharara, Northland, Nova Zelandia)

A reprodución ten lugar entre piñas masculinas e femininas dunha mesma árbore. A fertilización das sementes pode levarse a cabo mediante pole do mesmo ou de diferente árbore. As piñas femininas tardan dous anos en madurar. As sementes dispoñen de ás e son dispersadas polo vento cando as piñas se desintegran.

O tamaño, dureza e resistencia da madeira de kauri fixeron dela un material popular na construción de edificios e barcos, especialmente para mastros, debido á súa veta paralela e á ausencia de ramas até unha grande altura. A cor clara da súa madeira facíaa tamén particularmente axeitada para a fabricación de mobiliario. Así mesmo, utilizábase para a construción de pontes, valos, encoros, moldes para a forxa de metais, tallas, cisternas, barrís, rodetes para a industria téxtil, travesas de ferrocarril, madeiros para minas e túneles etc. A coroa e o toco da árbore posúen unha veta moi apreciada pola súa beleza, polo que se usou para panelar paredes e para fabricar ornamentos e móbeis.

Porén, intensivamente talado para explotar a súa madeira no pasado, o kauri é na actualidade moitísimo menos común que nos tempos anteriores á chegada dos europeos a Nova Zelandia, até o punto de que estivo a punto de desaparecer.

Os antepasados do kauri apareceron durante o período Xurásico (hai entre 190 e 135 millóns de anos). Os escasos bosques de kauris aínda existentes encóntranse na metade setentrional da Illa Norte. Quizais a árbore de kauri máis famosa é a denominada Tane Mahuta, situada no bosque de Waiopoua (rexión de Northland), e cuxo nome significa O señor do bosque en maorí. Trátase da maior árbore de kauri que existe na actualidade (4,4 m de diámetro e 17,7 m de altura até o nacemento da primeira rama). A árbore máis anciá é a denominada Te Matua Ngahere (O pai do bosque), tamén no bosque de Waiopoua e cunha idade estimada duns 2.000 anos. Algúns dos maiores exemplares talados nos dous últimos séculos eran moito máis vellos.

Os bosques de kauris non son realmente áreas nas que só medre o kauri, senón que existen tamén podocarpos (como o rimu, o miro, o toteira, o toatoa e o tanekaha) e outras árbores de madeira dura, como o tawa e o taraire. O sotobosque é denso e exuberante, con pequenas árbores, matogueiras, felgos, musgos, liques, plantas epífitas e bexucos. Os escasos bosques superviventes de kauris de Nova Zelandia convertéronse nunha atracción turística debido ao tamaño dos kauris.

A finais do século XIX e principios do XX, a goma de kauri (resina de kauri semifosilizada) converteuse nun artigo valioso, particularmente para a produción de vernices, e foi o centro dunha industria considerábel naquel tempo.

Datos técnicos editar

  • Contido de humidade da madeira (unha vez seca): 12%
  • Densidade da madeira: 560 kg/m³
  • Módulo de ruptura: 88 MPa
  • Módulo de elasticidade: 9,1 GPa
  • Ao secar a madeira tras cortala até reducirse a súa humidade ao 12%, a contracción tanxencial é do 4,1% e a contracción radial do 2,3%.

Kauri das marismas ou kauri antigo editar

 
Escaleiras talladas no interior dun tronco de kauri antigo (Ancient Kauri Kingdom, Awanui, Northland, Nova Zelandia

O termo kauri das marismas (swamp kauri) ou kauri antigo (ancient kauri) refírese a troncos de kauri que permaneceron enterrados baixo terra (xeralmente en marismas) durante un período considerábel de tempo. Estes troncos proveñen de bosques de kauri que foron sepultados debido a cataclismos naturais (erupcións volcánicas, cambios de nivel do mar, inundacións etc.) hai moito tempo (as análises do carbono 14 realizadas a esta madeira mostran que algúns exemplares foron sepultados hai incluso 50.000 anos). As follas e as piñas das árbores con frecuencia consérvanse xunto co tronco. Non obstante, unha vez extraídos e en contacto co ar, deterióranse axiña.

A calidade da madeira extraída é variábel. En xeral, é comparábel á do kauri vivo, aínda que lixeiramente inferior, especialmente no referente á cor. Porén, o seu aspecto é mellorábel mediante o uso de tinguiduras naturais, as cales proporcionan tons marróns escuros e verdosos que realzan os detalles da veta. En calquera caso, é sorprendente que a madeira se conserve despois de tanto tempo baixo terra e que, tras un proceso de secado, poida ser aproveitada, fundamentalmente para mobiliario e decoración.