K'inich Ahkal Mo' Naab III
K'inich Ahkal Mo' Naab III ou K’inich Ahku'l Mo’ Naahb' III, nado o 13 de setembro de 678 e finado c. 740,[1] foi un ahau ou gobernante maia do ajawlal ou señorío de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', no presente coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, no actual estado mexicano de Chiapas. É tamén coñecido como Chaacal III ou Akul Anab III. Gobernou do ano 721 ó ano 736 ou 740. O seu nome pode ser traducido como Gran Sol Lago da Tartaruga Guacamaia.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de setembro de 678 (Gregoriano) Palenque, México |
Morte | 730 (Gregoriano) (51/52 anos) |
14º Ajaw de Palenque | |
30 de decembro de 721 – 736 ← K'inich K'an Joy Chitam II – K'inich Janaab' Pakal II → | |
Actividade | |
Ocupación | monarca |
Familia | |
Fillos | K'inich K'uk' Bahlam II |
Pai | Tiwol Chan Mat |
Irmáns | K'inich Janaab' Pakal II |
Nacemento e entronización
editarFoi neto de Pakal “o Grande” e Tz'akbu Ajaw e fillo de Tiwol Chan Mat e de Ix Kinuw. De acordo á conta longa do calendario maia naceu o 9.12.6.5.8 3 lamat 6 sak, é dicir, o 13 de setembro de 678.[2] Foi entronizado o 9.14.10.4.2 9 ik 5 kayab, data equivalente ó 30 de decembro de 721.[3] No taboleiro dos escravos represéntase unha escena imaxinaria onde Ahkal Mo' Naab é entronizado polos seus pais.[4] Contraeu matrimonio con Ix Men Nik ou Ix Sajal Juj, con quen procreou a K'inich K'uk' B'alam II.[5]
Campañas militares
editarCando o seu antecesor, K'inich K'an Joy Chitam II, foi feito prisioneiro polo gobernante de Toniná, K'inich B'aaknal Chaak, o señorío de B'aakal perdeu o control das localidades de Lah e K'in Ha pertencentes ó señorío de Yookib' (Pedras Negras).[6] Por este motivo Ahkal Mo' Naab III ordenou a Chak Suutz —yajawk' ahk' (señor do lume)— emprender unha campaña de reconquista. O 15 de setembro de 723 foi capturada a localidade de Lah, e o 31 de maio de 725 a localidade de K'in Ha'. Durante o enfrontamento foi capturado Nin Sak Kamay, quen era un sajal ou dignatario local subalterno a Yokanal Ahk, ahau do señorío de Yookib'. Desta maneira Palenque iniciou unha nova época de auxe político e militar.[7]
Obras arquitectónicas
editarA obra máis importante durante o seu goberno foi o Templo XIX dedicado ó Deus Primeiro (GI). Nas inscricións do templo nárrase a ascensión do deus creador do cosmos ó goberno dos ceos durante unha época mítica e o seu nacemento como deus central da tríada de Palenque, o deus do millo.[8] Vinculou estes acontecementos coa súa propia entronización para lexitimar coa aura do sacro a fundación do seu goberno.[9] Por outra banda, tamén foron remodelados os Templos XVIII, XVIII-A e XXI situados na zona sur do Grupo das Cruces.[10]
Descoñécese a data exacta da súa morte, o último acontecemento onde aparece rexistrado é no taboleiro sur do Templo XIX e corresponde á data 9.15.5.0.0, é dicir, no ano 736.[11] Existe a remota probabilidade de que o seu corpo se atope enterrado no Templo III. Foi sucedido polo seu irmán Upakal K'inich Janaab' Pakal.[12]
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Bernal Romero, Guillermo (2011). El señorío de Palenque durante la Era de K'inich Janaahb' Pakal y K'inich Kan B'ahlam (615-702 d.C.) (PDF) (en castelán). Universidade Nacional Autónoma de México, Histomesoamericana. Consultado o 27 de decembro de 2012.
- Florescano, Enrique (2009). Los orígenes del poder en Mesoamérica (en castelán). México: Fondo de Cultura Económica. ISBN 978-607-16-0140-7.
- Skidmore, Joel (2008). "The Rulers of Palenque. A Beginner's Guide" (PDF). Mesoweb Publications. Consultado o 16 de decembro de 2012.
- Stuart, David (2010). Comentarios sobre las inscripciones del Templo XIX de Palenque (PDF) (en castelán) (Precolumbia Mesoweb Press ed.). Estados Unidos: The Pre-Columbian Art Research Institute. Consultado o 10 de xaneiro de 2013.