Junta Democrática de España

Organización política antifranquista

A Junta Democrática de España (Xunta Democrática de España, en galego) foi unha organización política de oposición ao franquismo que, creada polo Partido Comunista de España e personalidades independentes vencelladas a don Juan De Borbón -encabezadas por Rafael Calvo Serer-,[1] pretendía agrupar a outras forzas políticas, sindicais e sociais tamén opositoras. Foi presentada oficialmente o 29 de xullo de 1974 en París por Santiago Carrillo e Calvo Serer e, posteriormente, conseguiron que se incorporaran o Partido do Traballo de España (PTE), o Partido Carlista liderado por Carlos Hugo de Borbón, o Partido Socialista Popular (PSP) de Enrique Tierno Galván e Raúl Morodo, a Alianza Socialista de Andalucía, o sindicato Comisións Obreiras (CCOO), a asociación de xuristas Xustiza Democrática e un feixe de persoeiros independentes, como o intelectual José Vidal Beneyto e o aristócrata José Luís de Vilallonga.[2][3][4]

Junta Democrática de España
Historia
Fundación29 de xullo de 1974
Disolución26 de marzo de 1976
Posicións políticas
IdeoloxíaDemocracia, antifranquismo, laicismo e europeísmo

Historia e características

editar

Creación

editar

A Xunta Democrática de España foi a primeira grande organización que, cun programa político centrado na «ruptura democrática», conseguiu mobilizar unitariamente a toda a oposición antifranquista. A súa creación fíxose posible grazas aos contactos que o avogado republicano Antonio García-Trevijano estableceu cos líderes de diversos partidos políticos clandestinos, sindicalistas, profesionais, asociacións de veciños, intelectuais independentes, etc., todos eles contrarios á ditadura franquista, aos que convenceu para se uniren nun bloque unitario de oposición antifranquista e a prol da democracia.

A presentación pública da Xunta Democrática de España realizouse simultaneamente o 29 de xullo de 1974, en París e Madrid, nun contexto de crise do réxime franquista, marcado pola tromboflebite de Franco, por mor da cal atopábase hospitalizado desde o día 9 de xullo, asumindo a Xefatura do Estado interina o sucesor do ditador, Juan Carlos de Borbón.

Na presentación realizada en París apareceron xuntos Rafael Calvo Serer e Santiago Carrillo, axuntando así tanto a oposición antifranquista do interior como a do exilio. A integración do Partido Carlista tivo lugar en setembro de 1974, uníndose posteriormente o PCE (i), despois de cambiar as súas siglas polas de PTE, en febreiro de 1975.

Os 12 puntos do Manifesto constituínte

editar

Os doce puntos do programa da Xunta Democrática de España, redactados por Antonio García-Trevijano, eran os seguintes:

  1. A formación dun Goberno provisional que substitúa ao actual, para devolver ao home e á muller españois, maiores de dezaoito anos, a súa plena cidadanía mediante o recoñecemento legal de tódalas liberdades, dereitos e deberes democráticos.
  2. A amnistía absoluta de tódalas responsabilidades por feitos de natureza política e a liberación inmediata de tódolos detidos por razóns políticas ou sindicais.
  3. A legalización dos partidos políticos, sen exclusións.
  4. A liberdade sindical e a restitución ao movemento obreiro do patrimonio do Sindicato Vertical.
  5. Os dereitos de folga, de reunión e de manifestación pacífica.
  6. A liberdade de prensa, de radio, de opinión e de información obxectiva dos medios estatais de comunicación social, especialmente na televisión.
  7. A independencia e a unidade xurisdicional da función xudicial.
  8. A neutralidade política e a profesionalidade, exclusivamente militar para a defensa exterior, das Forzas Armadas.
  9. O recoñecemento, baixo a unidade do Estado español, da personalidade política dos pobos catalán, vasco, galego e das comunidades rexionais que o decidan democraticamente.
  10. A separación da Igrexa e do Estado.
  11. A celebración dunha consulta popular, entre os doce e os dezaoito meses –contados a desde o día da restauración das liberdades democráticas-, con tódalas garantías de liberdade, igualdade de oportunidades e imparcialidade, para elixir a forma definitiva do Estado.
  12. A integración de España nas Comunidades europeas, o respecto aos acordos internacionais e o recoñecemento do principio da coexistencia pacífica internacional.

Desenvolvemento

editar

A Xunta Democrática de España conseguiu moi pronto un importante apoio popular, como se puxo de manifesto a través das mobilizacións que levaron a cabo en diversas poboacións españolas, como as xornadas do 3, 4 e 5 de xuño de 1975 en Madrid. A característica da JDE é a súa articulación organizativa en Xuntas Democráticas locais e sectoriais, que perseguían converter a este organismo nun núcleo capaz de mobilizar de masas, con accións de protesta, conferencias, etc.

A actividade da Xunta Democrática de España dirixíase, por unha banda, á sociedade civil, e por outra, aos poderes fácticos, establecendo contactos con empresarios, militares e autoridades eclesiásticas, a fin de sumar apoios. Tampouco se esquecía a dimensión internacional da organización, mantendo relacións coas autoridades da Comunidade Económica Europea, co embaixador dos Estados Unidos en Madrid ou cos presidentes de Alxeria,[5] México, Romanía e Venezuela.

O 11 de xuño de 1975 creouse a Plataforma de Converxencia Democrática, encabezada polo Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), a pesar de que tanto desde a Xunta Democrática como desde o PCE leváronse a cabo conversacións co PSOE e con Izquierda Democrática, grupo democristián liderado por Ruiz-Giménez para lograr a súa adhesión á Xunta Democrática para manter a esta como unha fronte unitaria da oposición. Na devandita Plataforma figuraban xunto ao PSOE, a xa citada Izquierda Democrática que formaba parte do Equipo Demócrata Cristián do Estado Español, o Movemento Comunista, a Organización Revolucionaria de Traballadores (ORT) e a Unión Socialdemócrata Española. Pouco despois ingresou o Partido Carlista e marchou a ORT.

A Comisión Coordinadora de Forzas Políticas de Cataluña decidira non incorporarse a ningunha organización unitaria de carácter estatal, e mantiña relacións tanto coa Xunta como coa Plataforma. O Partido Nacionalista Vasco (PNV) conversaba con todos e non se unía a ninguén, nin sequera no País Vasco.

Xunta e Plataforma constituíron en marzo de 1976 Coordinación Democrática (CD), máis coñecida como Platajunta. O 23 de outubro formouse a Plataforma de Organizacións Democráticas (POD) que incluía ademais a forzas nacionalistas e estaba constituída por CD e a Assemblea de Catalunya, a Assemblees Democràtiques de les Illes Balears, a Coordinadora de Forzas Democráticas das Canarias, a Táboa Democrática de Galicia e a Taula de Forces Politiques i Sindicals do Païs Valencià.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar