Josephine Cecilia Diebitsch Peary

exploradora estadounidense

Josephine Cecilia Diebitsch Peary, nada en Maryland o 22 de maio de 1863 e finada en Portland o 19 de decembro de 1955, foi unha autora e exploradora estadounidense. Foi a primeira muller en realizar unha expedición ao Ártico.[1] Descubriu que Groenlandia era unha illa e non unha península como se pensaba até entón.[2]

Josephine Cecilia Diebitsch Peary
Nacemento22 de maio de 1863
Lugar de nacementoMaryland
Falecemento19 de decembro de 1955
Lugar de falecementoPortland
SoterradaCemiterio Nacional de Arlington
NacionalidadeEstados Unidos de América
Ocupaciónexploradora e escritora
CónxuxeRobert Peary
FillosMarie Ahnighito Peary e Robert Peary Jr.
Na rede
WikiTree: Diebitsch-1 Find a Grave: 81232339 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Naceu en Maryland (Estados Unidos de América), o 22 de maio de 1863. Era filla do militar prusiano Hermann Henry Diebitsch e Magdalena Augusta Schmid. Vivía cos seus pais nunha pequena granxa familiar en Maryland, ata que esta foi destruída durante a Guerra civil estadounidense, polo que a familia tivo que trasladarse ao Estado de Washington. Josephine creceu e criouse xunto cos seus irmáns máis novos, Emil Diebitsch e Marie Diebitsch.[3] Josephine Diebitsch estudou na Spencerian Business College, unha escola de negocios, onde se graduó como a mellor estudante en 1880. Tras isto, Josephine Diebitsch obtivo un posto de copista e secretaria no Departamento do Interior dos Estados Unidos, e na Smithsonian Institute, onde o seu pai exercía como profesor. Un dos seus traballos máis coñecidos é My Arctic Journal (1893), obra que escribiu durante a súa expedición ao ártico (1891-1892). Este traballo deulle ao mundo unha imaxe real da cultura inuit e da xeografía ártica.[4] Josephine Peary non foi unha simple acompañante do seu marido, Robert Peary, nas expedicións a Groenlandia. Foi unha parte activa e participativa nas viaxes, realizando traballo de documentación, caza e cociña, e demostrando así a súa valía.[5] Despois da morte do seu marido, Josephine Diebitsch estabeleceuse en Portland en 1932. Todo o tempo que Josephine Peary viviu tras a morte de Robert Peary non deixou de defender a súa fazaña de alcanzar o Polo Norte, que foi cuestionada por moitos.[6] Josephine Peary faleceu o 19 de decembro de 1955, aos 92 anos. Os seus restos repousan xunto ao seu marido no Cemiterio de Arlington.[7] Estreouse unha película que conta a súa vida. Esta película leva o título de “Nadie quiere la noche”, dirixida por Isabel Coixet, e con Juliette Binoche no papel de Josephine Diebitsch.[8]

Expedicións editar

 
Retrato

O seu matrimonio con Robert Peary foi bastante frutífero, xa que puido acompañar a este a varias das súas expedicións ao norte. Tivo que superar a falta de confianza dalgúns compañeiros de Robert, que non vían con bos ollos que unha muller os acompañase até aqueles lugares tan complicados. Con todo, pronto se gañaría a súa confianza ao mostrar as súas habilidades para a caza e a cociña.[9] A primeira viaxe que realizou Josephine foi a Groenlandia en 1891, acompañada do seu marido. Algo histórico, posto que se converteu na primeira muller en realizar unha expedición ao ártico.[10] A expedición invernou en McCormick bay, aproximadamente a medio camiño entre o Círculo polar ártico e o Polo norte.[11] As vivencias que Josephine tivo nesta expedición foron as que a animaron para publicar a súa primeira obra My Arctic Journal. Trátase dunha obra singular, xa que a maioría de narrativas sobre o Ártico destacan o seu carácter inhóspito. Con todo, na obra de Josephine Diebtisch podemos apreciar outro ton, presente en fragmentos como este: “…De as paredes falaren contarían algunhas das horas moi agradábeis de estancia alí dos membros da Expedición do Norte de Groenlandia de 1891 a 1892, e de moitos meses de sólido consolo real e a felicidade que goza a muller que, cando deixa casa e amigos, é advertida para que se prepare para soportar todo tipo de penurias…” Durante a publicación do seu libro en 1893, Josephine Diebitsch atopábase outra vez no Ártico, a pesar de estar embarazada. De feito, deu a luz durante a expedición a Marie Ahnighito Peary, a trinta graos baixo cero, un curioso caso que a prensa do momento bautizou como “o bebé das neves”. Nome co que titularía o seu segundo libro Snow baby (1901).[12] En 1897 realizou unha nova expedición ao Ártico, esta vez para convivir cos inuit e aprender o seu modo de vida nestas terras. Co cambio de século, Josephine Diebitsch decidiu embarcarse nunha nova expedición, esta vez para socorrer o seu marido, que sufrira a amputación de oito dedos dos seus pés por conxelación. Con todo, o Windmard, barco onde viaxaba, sufriu un accidente cun iceberg, polo que tivo que pasar o inverno en Ellesmere. Alí recibiu unha dura noticia, xa que se decatou de que o seu marido mantiña relacións cunha muller inuit, tendo mesmo dous fillos con ela. Isto supuxo un duro golpe para Josephine Diebitsch, a cal, a pesar de todo, non decidiu abandonar a Robert, e conviviu con Allaka, a nova esposa inuit do explorador.[13]

Premios editar

En 1955, a National Geographic Society outorgáballe a Josephine Diebitsch a Medalla ao Logro pola súa implicación incondicional ao mundo das expedicións árticas.

Obras editar

 
O seu libro: The snow baby (O bebé das neves)
  • My Arctic Journal (1893)
  • The Snow Baby (1901)
  • Children of the North (1903)

Notas editar

  1. Ferrer Valero, Sandra. (2018). “La dama de la nieve, Josephine Peary” Mujeres en la Historia. 1 de setembro de 2018. Obtido do sitio https://www.mujeresenlahistoria.com/2018/09/josephine-peary.html
  2. "La exploradora secreta del polo Norte". La Vanguardia. 5 de xullo de 2019. 
  3. Pierce Erickson, Patricia. Marzo de 2009. Josephine Diebitsch Peary (1863–1955). Obtido do sitio web http://pubs.aina.ucalgary.ca/arctic/Arctic62-1-102.pdf Arquivado 04 de xullo de 2020 en Wayback Machine.
  4. Pierce Erickson, Patricia. Marzo de 2009. Josephine Diebitsch Peary (1863–1955). Obtido do sitio web http://pubs.aina.ucalgary.ca/arctic/Arctic62-1-102.pdf Arquivado 04 de xullo de 2020 en Wayback Machine.
  5. Ferrer Valero, Sandra. (2018). “La dama de la nieve, Josephine Peary”, Público, Nueva tribuna.es, 29 de setembro de 2018. (Obtido do sitio https://www.salyroca.es/articulo/lyfestyle/dama-nieve-josephine-peary/20180929110103005397.html)
  6. Pierce Erickson, Patricia. Marzo de 2009. Josephine Diebitsch Peary (1863–1955). Obtido do sitio web http://pubs.aina.ucalgary.ca/arctic/Arctic62-1-102.pdf Arquivado 04 de xullo de 2020 en Wayback Machine.
  7. Pierce Erickson, Patricia. Marzo de 2009. Josephine Diebitsch Peary (1863–1955). Obtido do sitio web http://pubs.aina.ucalgary.ca/arctic/Arctic62-1-102.pdf Arquivado 04 de xullo de 2020 en Wayback Machine.
  8. Atmosfera cine. (19 de novembro de 2015) Nadie quiere la noche, odisea en el Ártico. Obtido do sitio web: https://elpais.com/cultura/2015/02/05/actualidad/1423168996_630623.html
  9. Mujeres viajeras. (5 de xuño de 2015). Josephine Peary: La dama del polo norte. Obtido do sitio https://www.mujeresviajeras.com/josephine-peary-polo-norte/ Arquivado 22 de marzo de 2021 en Wayback Machine.
  10. Mujeres viajeras. (5 de xuño de 2015). Josephine Peary: La dama del polo norte. Obtido do sitio https://www.mujeresviajeras.com/josephine-peary-polo-norte/ Arquivado 22 de marzo de 2021 en Wayback Machine.
  11. Mujeres viajeras. (5 de xuño de 2015). Josephine Peary: La dama del polo norte. Obtido do sitio https://www.mujeresviajeras.com/josephine-peary-polo-norte/ Arquivado 22 de marzo de 2021 en Wayback Machine.
  12. Abella, Ana. (27 de xullo de 2017). La esposa y la amante inuit. Obtido del sitio https://www.elperiodico.com/es/ocio-y-cultura/20151125/josephine-peary-pelicula-coixet-nadie-quiere-noche-4701975
  13. Pierce Erickson, Patricia. Marzo de 2009. Josephine Diebitsch Peary (1863–1955). Obtido do sitio web http://pubs.aina.ucalgary.ca/arctic/Arctic62-1-102.pdf Arquivado 04 de xullo de 2020 en Wayback Machine.