Abrir o menú principal

Josef Alois Kessler

Josef Alois Kessler,[1] nado o 12 de agosto de 1862 na gobernación de Samara (Imperio Ruso) e finado o 9 de decembro de 1933 en Zinnowitz (Alemaña), foi un eclesiástico católico latino alemán do Volga, arcebispo e entre 1904 e 1918 bispo de Tiraspol.

Josef Alois Kessler
Bishop Kessler.jpg
Arcebispo da Igrexa católica latina
(Igrexa católica)
Biografía
Nacemento12 de agosto de 1862 en Gobernación de Samara, Imperio Ruso
Pasamento9 de decembro de 1933 en Zinnowitz, Alemaña
Ordes
Ordenación sacerdotal1889
Consagración episcopal10 de novembro de 1904, por Jerzy Józef Szembek
Bispo de Tiraspol
1904 - 1930
PredecesorEduard von der Ropp
SucesorNingún
Outros
Ficha en catholic-hierarchy.org

TraxectoriaEditar

Josef Kessler naceu o 12 de agosto de 1862 na colonia alemá de Louis, no distrito de Novouzensk, na gobernación de Samara.[2][3] Logo de rematar os seus estudos no seminario de Saratov, graduouse en Teoloxía pola Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo en 1889, ano no que foi ordenado sacerdote.[2][3]

En 1889 foi nomeado vigairo parroquial na catedral de Saratov, o que compaxinou co ensino de latín no seminario diocesano.[2][3] Posteriormente, en 1891, foi nomeado vigairo parroquial en Simferopol, párroco de Sulz en 1895, en 1899 párroco en Chişinău, en 1903 inspector do seminario de Saratov, e en 1904 lexislador canónico.[2][3] O 7 de abril de 1904 foi nomeado bispo de Tiraspol,[2][4] recibindo a consagración episcopal o 28 de outubro de 1904 de mans de Jerzy Józef Szembek.[3] Como bispo, Kessler ampliou o seminario, fundou unha imprenta, apoiou os apostolados dos relixiosos, visitou todas as parroquias da súa diocese, levou a cabo arredor de 75.000 confirmacións, e consagrou 31 igrexas, entre as que destaca a igrexa de San Clemente de Odessa.[3]

O 14 de agosto de 1918, antes da entrada dos bolxeviques en Saratov, Kessler fuxiu a pé da cidade, e trasladouse a Odessa.[2] Cando os bolxeviques entraron no seminario, encontraron unha mensaxe do bispo na que dicía que o poder deles era o do Anticristo, e advertía aos fieis que a cooperación con eles levaba á excomuñón. Os bolxeviques buscárono por toda Rusia, e Kessler fuxiu a Besarabia.[2] En febreiro de 1922 visitou Kansas, nunha viaxe para recoller fondos para as vítimas da fame nas colonias de alemáns do Volga e do mar Negro.[2][5] Pasou o resto da súa vida en Zinnowitz, en Alemaña, onde escribiu unha historia da diocese de Tiraspol.[2] Por mor da imposibilidade de volver á súa diocese, a Santa Sé nomeou varios administradores apostólicos para atender aos seus fieis: Alexander Frison na Rusia meridional, Johannes Roth no Cáucaso norte, Augustin Baumtrog na Rusia central e Stepan Demurov en Xeorxia; todos eles foron arrestados e executados polas autoridades soviéticas.[6][7]

Josef Kessler finou o 10 de decembro de 1933[2] e foi enterrado en Ornbau (Baviera) canda o tamén bispo de Tiraspol Franz Zottmann.

ObraEditar

  • Geschichte der Diözese Tyraspol. 1930. 

NotasEditar

  1. Tamén Joseph [Alois/Aloysius] Kessler, Giuseppe Kessler, Иосиф [Алоизий] Кесслер.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 2,9 Bourret, Jean-François (1986). Les Allemands de la Volga: histoire culturelle d'une minorité, 1763-1941. Presses universitaires de Lyon. ISBN 9782729702823. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Dzwonkowski, Roman (1998). Losy duchowieństwa katolickiego w ZSSR 1917-1939: martyrologium (en polaco). Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. pp. 287–288. ISBN 9788386668670. 
  4. A diocese de Tiraspol abranguía as gobernacións de Saratov, Samara, Kherson, Ekaterinoslav, Táurida e Besarabia, e o vicerreinado do Cáucaso. Coa chegada da URSS, abranguía a totalidade da República Socialista Soviética Federativa Transcaucásica, e partes da RSS de Ucraína e da RSSF de Rusia.
  5. Kaiser, Darrel Philip (2006). Origin & Ancestors Families Karle & Kaiser of the German-Russian Volga Colonies. Lulu.com. p. 527. ISBN 9781411698949. 
  6. Stehle, Hansjakob (1975). Die Ostpolitik des Vatikans. Piper. p. 124. 
  7. Osipova, Irina (1998). Si el mundo os odia...: Mártires por la fe en el régimen soviético. Encuentro. pp. 134, 225, 237. ISBN 9788474905007. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Keller, Conrad (1980). The German Colonies in South Russia, 1804-1904 (en inglés) II. American Historical Society of Germans from Russia. pp. 146–151. ISBN 9780914222095. 
  • Dzwonkowski, Roman (1998). Losy duchowieństwa katolickiego w ZSSR 1917-1939: martyrologium (en polaco). Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. pp. 287–288. ISBN 9788386668670. 


Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Eduard von der Ropp
 Bispo de Tiraspol 
1904 - 1930
Sucesor:
Alexander Frison (Rusia meridional)
Johannes Roth (Cáucaso norte)
Augustin Baumtrog (Rusia central)
Stepan Demurov (Xeorxia)
(administradores apostólicos)