Pepe Lemos

futbolista español
(Redirección desde «José Lemos Rodríguez»)

José Lemos Rodríguez, nado en Salvaterra de Miño o 1 de febreiro de 1962 e finado o 21 de setembro de 2023,[1] máis coñecido como Pepe Lemos, foi un futbolista e adestrador galego que xogou como defensor no Celta e no Valladolid[2] e no Porriño Industrial, equipo que despois adestrou.[3] Xogaba na demarcación de lateral dereito.

Pepe Lemos
Nacemento1 de febreiro de 1962
Lugar de nacementoSalvaterra de Miño
Falecemento21 de setembro de 2023
Lugar de falecementoVigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfutbolista
editar datos en Wikidata ]

Participou nun partido amigábel coa selección española, na homenaxe a Alvelo, sendo seleccionador o galego Luis Suárez.

Traxectoria editar

Formouse nas categorías inferiores do Celta de Vigo con cuxo primeiro equipo subiu, en 1979 con 17 anos, trala entrada en vigor da normativa segundo a cal era obrigatorio aliñar a dous xogadores sub-20 en cada encontro na Segunda División e divisións inferiores, e que permanecesen no campo polo menos 15 minutos.

O seu debut oficial foi o 14 de outubro de 1979 en Castelló, con derrota por 1-0. Estreouse como goleador pouco despois ante o Getafe CF a centro do brasileiro Ademir. Rematou esa primeira tempada disputando un total de 22 encontros pero rematou co descenso a Segunda División B. A seguinte foi unha gran tempada do Celta, que volveu a Segunda División da man do técnico Milorad Pavić e cun gran papel de Pepe Lemos.

A tempada 1981-82 consumábase o ascenso do club a Primeira División, debutando o xogador de Salvaterra na máxima categoría na campaña 82/83, o 5 de setembro de 1982, con 20 anos. Durante os anos seguintes consolidouse no equipo galego, co que xogou entre a máxima categoría e a segunda división.[4]

En 1986, despois de sete tempadas no Celta de Vigo, tempo no que pasou outros dous anos en Segunda División antes de recuperar a categoría, comprou a súa carta de liberdade tras consumarse un novo descenso do club olívico e fichou polo Real Valladolid. Nesa campaña xogou 16 partidos, pero a partir da seguinte fíxose titular, condición que mantivo até 1992, cando despois de xogar durante seis tempadas, ao final das cales rematou xogando de lateral esquerdo, o Valladolid descendeu a segunda e o galego abandonou o equipo. En total, sumou 214 partidos e 3 goles na primeira división.

Tras deixar o Valladolid xogou no Porriño Industrial, club no que se retirou e ao que adestrou posteriormente. Tamén disputou a liga de fútbol indoor co equipo de veteranos do Celta de Vigo.

Selección española editar

Xogando no Valladolid foi convocado pola selección española por Luis Suárez para o amigábel contra o Celta de Vigo en homenaxe a José Manuel Alvelo en Balaídos o 28 de decembro de 1988. Porén non se considera internacional xa que o encontro non se considera oficial ao ser contra un club.

Notas editar

  1. Ignacio Bailador (2023-09-21). "Fallece Pepe Lemos, titular en la final del 89". Consultado o 2023-09-21. 
  2. Lemos
  3. "PEPE LEMOS". Consultado o 2023-09-22. 
  4. "Muere Pepe Lemos, exfutbolista de Celta y Valladolid". MARCA (en castelán). 2023-09-21. Consultado o 2023-09-22. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar