José Ingenieros

filósofo arxentino

José Ingenieros, nado en Palermo (Italia) o 24 de abril de 1877 e finado en Buenos Aires o 31 de outubro de 1925, foi un médico, psiquiatra, psicólogo, criminólogo, farmacéutico, sociólogo, filósofo, masón, teósofo,[1][2] escritor e docente ítaloarxentino.[3][4][5] O seu libro Evolución de las ideas argentinas foi decisivo para a comprensión do descarrilamento histórico da Arxentina como nación. Ingenieros destacou pola súa influencia entre os estudantes que protagonizaron a Reforma Universitaria de 1918, un movemento liderado pola mocidade para democratizar a universidade.

Infotaula de personaJosé Ingenieros

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento24 de abril de 1877 Editar o valor em Wikidata
Palermo Editar o valor em Wikidata
Morte31 de outubro de 1925 Editar o valor em Wikidata (48 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de La Chacarita Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeArxentina Editar o valor em Wikidata
EducaciónFacultade de Medicina da Universidade de Bos Aires
Colegio Nacional de Buenos Aires (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoPsicoloxía e filosofía Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónpsicólogo , sociólogo , filósofo , escritor , psiquiatra Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Buenos Aires Editar o valor em Wikidata
Membro de
AlumnosAníbal Ponce (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Sinatura
Editar o valor em Wikidata

Os seus ensaios sobre a sociedade da época axudaron a abrir o diálogo sobre un gran número de aspectos morais e éticos da Arxentina de principios do século XX. Orixinaron discusións en diversas correntes de opinión política da época como o socialismo, a masonaría, o comunismo ou o anarquismo e derivaron na inclusión deses principios en movementos sociais como o radicalismo e o peronismo.

Traxectoria editar

Nado como Giuseppe Ingegnieros, era fillo de Salvatore Ingegnieros e Mariana Tagliavia.[3][6] Cursou os seus estudos primarios no Colexio La Anunciación. Traballou desde neno corrixindo probas de imprenta, xa que o pai era xornalista e tivo dificultades económicas.[7] Adoitaba encargarlle traducións de italiano, francés e inglés, mesmo de libros enteiros. En 1888 ingresou no Colegio Nacional Buenos Aires, que dirixía Amancio Alcorta.[8] En 1892, xa finalizando os estudos secundarios, fundou o xornal La Reforma e o ano seguinte matriculouse na Facultade de Medicina da Universidade de Buenos Aires. Licenciouse en 1897 como farmacéutico e en 1900 como médico coa tese Simulación en la lucha por la vida. Nesa época xa era coñecido nos círculos literarios.

Amais dos intereses puramente científicos e sociais, dende mozo tamén tivo inquietude polo ocultismo, os fenómenos parapsicolóxicos e a teosofía.[1] Desde 1897 dirixiu o diario La Montaña (que se autodenominou «socialista revolucionario») xunto con Leopoldo Lugones. No primeiro número escribiu un artigo (o primeiro de varios) en que defendía a teosofía e o ocultismo e daba o seu punto de vista respecto ao papel que estes terían (ou deberían ter) no futuro, especialmente na investigación científica.

En 1898 escribiu por primeira vez para a revista teosófica Philadelphia, na que escribiu en máis ocasións. Nas súas publicacións, Ingenieros mostraba rexeitamento polas posturas científicas oficiais, que sinalaba como «dogmáticas», e propuña unha actitude máis aberta na investigación psicolóxica.[9]

En 1903 a Academia Nacional de Medicina premiouno por Simulación de la locura, secuela da súa tese editada en libro. Foi nomeado xefe da Clínica de Enfermidades Nerviosas da Facultade de Medicina da Universidade de Buenos Aires. En 1904 gañou a suplencia da cátedra de Psicoloxía Experimental na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires.

Converteuse nun destacado membro da Cátedra de Neuroloxía a cargo de José María Ramos Mejía e no Servizo de Observación de Alienados da Policía da Capital, do cal chegou a ser director.

Entre 1902 e 1913 dirixiu os arquivos de Psiquiatría e Criminoloxía e fíxose cargo do Instituto de Criminoloxía da Penitenciaría Nacional de Buenos Aires. Alternaba dito traballo con conferencias en universidades europeas.

En 1908 gañou a cátedra de Psicoloxía Experimental na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Buenos Aires. Ese ano fundou a Sociedade de Psicoloxía.

En 1909 foi elixido presidente da Sociedad Médica Argentina[10] e nomeado delegado arxentino no Congreso Científico Internacional, celebrado en Buenos Aires. Completou os seus estudos científicos nas universidades de París, Xenebra, Lausana e Heidelberg.

En 1914 José Ingenieros e Eva Rutenberg casaron en Lausana (Suíza), aínda que o noivado xa se iniciara en Buenos Aires. Do matrimonio naceron catro fillos: Delia, Amalia, Julio e Cecilia. A súa esposa Eva Rutenberg sobreviviuno por 30 anos, a súa filla máis nova, Cecilia, faleceu en 1995, e a maior, Delia, en 1996.

Os seus ensaios sociolóxicos, El hombre mediocre e ensaios críticos e políticos, como Al margen de la ciencia, Hacia una moral sin dogmas, Las fuerzas morales,[11] Evolución de las ideas argentinas e Los tiempos nuevos tiveron grande impacto no ensino universitario na Arxentina e obtiveron grande adhesión moral entre a mocidade panamericana.

Amais de dirixir o xornal bimestral Seminario de Filosofía, mesturou a súa paixón pola ciencia cunha ética social acentuada. Nas súas múltiples actividades demostrou unha capacidade e penetración notorias, e foi considerado un intelectual de peso no seu tempo.

Entre 1915 e 1928 comezou a publicar a colección editorial La Cultura Argentina.[12] Nesta editáronse diversos títulos nacionais de autores como Juan Bautista Alberdi, Domingo Faustino Sarmiento, Esteban Echeverría, Agustín Álvarez, Carlos Octavio Bunge, Florentino Ameghino ou Ramos Mejía, entre outros.

Durante a Reforma Universitaria iniciada en 1918 foi elixido vicedecano da Facultade de Filosofía e Letras, con amplo apoio do movemento estudantil.

En 1919 renunciou a todos os cargos docentes e cara a 1920 comezou a súa etapa de loita política. Participou de maneira activa a prol do grupo progresista Claridad, de tendencia comunista.

En 1922 promoveu, como protesta contra o sistema político da provincia de Córdoba, a candidatura dun personaxe extravagante, Enrique Badesich, quen logrou ser elixido deputado provincial. Porén, o seu diploma foi rexeitado pola Cámara de Deputados provincial.[13] Ese ano propuxo a formación da Unión Panamericana, un organismo de loita antimperialista que difundiu continentalmente ditas ideas.

En 1925, poucos meses antes de morrer, creou o mensuario Renovación contra o imperialismo, en que asinou cos pseudónimos de Julio Barreda Lynch e de Raúl H. Cisneros.

Co paso do tempo discrepou das posturas do socialismo de Estado e empezou a colaborar con xornais anarquistas. De feito, chegou a simpatizar abertamente co anarquismo e varias das súas obras literarias reflicten este achegamento. Isto debeuse en parte á influencia de criminólogo italiano Pietro Gori. Morreu o 31 de outubro de 1925 con 48 anos por causa dunha meninxite grave.

Obra editar

Ingenieros foi un representante destacado do positivismo, sobre todo nos seus primeiros anos. Tamén foi un dos fundadores do socialismo na Arxentina, malia non participar de xeito orgánico na actividade partidista.

As súas achegas ao socialismo e á psicoloxía baséanse nos seus coñecementos científicos universitarios e tamén sobre ocultismo e teosofía, as que defendeu durante moitos anos e que reflectiu en numerosos artigos en revistas teosóficas.[14][15] Tamén foi fundador, director e animador da Revista de Filosofía, ciencia, cultura y educación, publicada entre 1915 e 1929 en exemplares bimensuales.[16] Dende a década de 1910 comezou a afondar nunha liña de pensamento máis relacionada cos aspectos morais e políticos, ambos os aspectos intimamente relacionados para el. Isto inspirou a mocidade latinoamericana, que realizou a Reforma Universitaria desde 1918 e nomeouno Maestro de la Juventud de América Latina.

Os seus desenvolvementos sobre a identidade arxentina e o antiimperialismo tiveron grande influencia en varias xeracións do continente.

Publicacións editar

 
José Ingenieros en 1915
  • 1902: La psicopatología en el arte, Buenos Aires
  • 1903: Simulación de la locura, Buenos Aires
  • 1904: Histeria y sugestión, Buenos Aires
  • 1905: La simulación en la lucha por la vida, Valencia
  • 1906: Patología del lenguaje musical, París
  • 1906: Crónicas de viaje, Buenos Aires
  • 1907: La locura en la Argentina, Buenos Aires
  • 1908: Sociología Argentina, Buenos Aires
 
La Revolución, publicado en 1918
  • 1910: Archivos de Psiquiatría y Criminología, aplicadas a las ciencias afines. Leccións desenvolvidas no seu curso universitario de 1910. Buenos Aires
  • 1911: Principios de psicología, Buenos Aires
  • 1913: El hombre mediocre, Madrid
  • 1917: Hacia una moral sin dogmas, Buenos Aires
  • 1917: Ciencia y filosofía, Madrid
  • 1918: Proposiciones relativas al porvenir de la filosofía, Buenos Aires
  • 1918: Evolución de las ideas argentinas, Buenos Aires
  • 1919: Las doctrinas de Ameghino, Buenos Aires
  • 1921: Los tiempos nuevos, Buenos Aires
  • 1922: Emilio Boutroux y la filosofía francesa, Buenos Aires
  • 1922: La cultura filosófica en España, Buenos Aires

Obra póstuma

  • Las fuerzas morales
  • Tratado del amor
  • Los precursores, Sarmiento, Alberdi y Echeverría

Artigos editar

  • 1897: «La ciencia oficial y la facultad de ciencias herméticas», no diario La Montaña, ano I, número 11, 1 de setembro de 1897
  • 1898: «Unilateralidad psicológica de los sabios oficiales», na revista Philadelphia (Buenos Aires), 7 de novembro de 1898
  • 1905: «El elogio de la risa», artigo en Chinón; publicado tamén na revista Teosofía en Argentina, número 4, 1996
  • 1915: «El contenido filosófico de la cultura argentina», en Revista de Filosofía (Buenos Aires), xaneiro de 1915

Notas editar

  1. 1,0 1,1 González (compilador), Horacio (2000). Historia crítica de la sociología argentina. Los raros, los clásicos, los científicos, los discrepantes. (en castelán) (1ª ed.). Buenos Aires: Colihue. ISBN 9789505817382. 
  2. Barrancos, Dora (2011). "El otro rostro de la modernidad: socialistas y ciencia esotérica (1890-1930)". Estudios Sociales (en castelán) (Santa Fe (Argentina): Universidad Nacional del Litoral) 40 (1): 101–126. Arquivado dende o orixinal o 7 de setembro de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2014. 
  3. 3,0 3,1 Tarcus, Horacio; Petra, Adriana (novembro de 2011). Fondo de archivo José Ingenieros. Guía y catálogo (PDF). Universidad Nacional de Gral. San Martín. p. 16. ISBN 9789871435371. Consultado o 31 de outubro de 2019. Partida de nacimiento de Giuseppe Ingegnieros 
  4. Ingenieros, José (1900). Simulación de la locura por alienados verdaderos: Tesis presentada para optar al grado de doctor en medicina (en castelán). Buenos Aires: La Semana Médica, Imp. de Obras de Emilio Spinelli, Callao 737. 
  5. "Sito Istituzionale della Città di Palermo". Archivio Biografico Comunale. Consultado o 31 de outubro de 2019. 
  6. Kamia, Delia (1 de setembro de 2003). Ingenieros. Antología: su pensamiento en sus mejores páginas. Biblioteca de Obras Maestras del Pensamiento (en castelán). Losada. ISBN 9789500392044. 
  7. Ingenieros, José (1). "Cómo trabajan nuestros hombres de estudio". Mundo Estudiantil. Revista quincenal ilustrada (en castelán) (1) (Buenos Aires, publicado o 7 de agosto de 1915). 
  8. Segundo o prólogo escrito por Roberto Díaz ao libro El hombre mediocre, de José Ingenieros. Buenos Aires: Libertador
  9. Ingenieros, José (1898). "La unilateralidad psicológica en los sabios oficiales". Philadelphia (Buenos Aires) (5). 
  10. "Asociación Médica Argentina". 2008-05-10. Archived from the original on 10 de maio de 2008. Consultado o 4 de agosto de 2022. 
  11. Ingenieros, José (2010). Berea Núñez, Raúl, ed. Las fuerzas morales (en castelán). Cidade de México: La Guillotina. 
  12. Hermida, Carola (setembro de 2012). "Coleccionar para educar. Acerca de “La Cultura Argentina” (1915-1928)". Estudios de Teoría Literaria (Facultad de Humanidades. Universidad Nacional de Mar del Plata) (2): 17–30. ISSN 2313-9676. 
  13. Cutolo, Vicente (1 de xaneiro de 1900). Novísimo Diccionario Biográfico Argentino. I, A-C. Elche. pp. 160–161. ASIN B00RKEOWJE. 
  14. Barrancos, Dora (21 n.º 40, 2011). "El otro rostro de la modernidad: socialistas y ciencia esotérica (1890-1930).". Estudios Sociales. Revista Universitara semestral (Santa Fe (Argentina): Universidad Nacional del Litoral): 101–126. Arquivado dende o orixinal o 7 de setembro de 2017. Consultado o 13 de xullo de 2014. 
  15. Casaús Arzú, Marta Elena (2008). "Vasconcelos y los debates sobre el indígena y la nación en Guatemala" (PDF). Cuadernos Americanos (en castelán) (Universidad Autónoma de Madrid) (124): 109–127. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de outubro de 2022. Consultado o 07 de agosto de 2022. 
  16. Ortiz, Tulio (outono de 2008). "Revista Filosofía, ciencia, cultura y educación." (PDF). Revista Electrónica del Instituto de Investigaciones «Ambrosio L. Gioja» (2): 69–90. ISSN 1851-3069. Consultado o 13 de xullo de 2014. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Bagú, Sergio (1936). Vida de José Ingenieros, Buenos Aires: Claridad
  • Agost, Héctor P. (1958). Ingenieros ciudadano de la juventud, Buenos Aires: Hemisferio
  • Ponce, Aníbal (1974). «Para una historia de José Ingenieros», en Obras completas de Aníbal Ponce, páxs. 139-210, Buenos Aires: Yunque

Ligazóns externas editar