Jorge Larrañaga

avogado e político uruguaio

Jorge Washington Larrañaga Fraga, nado en Paysandú (Uruguai) o 8 de agosto de 1956 e finado en Montevideo o 22 de maio de 2021[1] foi un político uruguaio pertencente ao Partido Nacional. Ministro do Interior entre 2020 e 2021 no goberno de Luis Lacalle Pou, foi ademais, intendente de Paysandú, senador e candidato a presidente en 2004 e a vicepresidente en 2009 e 2014.

Jorge Larrañaga
Jorge Larrañaga4.jpg
Nome completoJorge Washington Larrañaga Fraga
Nacemento8 de agosto de 1956
 Paysandú
Falecemento22 de maio de 2021
 Departamento de Montevideo
NacionalidadeUruguai
Alma máterUniversidade da República
Ocupaciónpolítico e avogado
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Nado en Paysandú, estudou nesa cidade ata que se desprazou a Montevideo para cursar Dereito na Universidade da República. Logo de licenciarse traballou como avogado. Interesado na política dende 1966, cando o seu pai foi electo deputado[2], vinculouse na súa mocidade ao wilsonismo, a corrente dirixida por Wilson Ferreira Aldunate, contraposta ao herrerismo, máis conservador e dominante no Partido Nacional.

Elixido intendente de Paysandú en 1990 mantívose no cargo ata o ano 2000. Creou o grupo Nova Forza Nacional que en 1999 se transformou en Alianza Nacional: unha organización interna do Partido Nacional que agrupou aos sectores políticos wilsonistas defensor da descentralización e a economía social de mercado.[3] Senador dende o 2000 conseguíu ser o candidato único á presidencia da República Oriental do Uruguai en 2004, nunhas eleccións moi trascendentes por ter lugar logo dunha profunda crise económica no país. O resultado das eleccións supuxeron un cambio significativo no panorama político: por primeira vez, a forza de esquerda Fronte Ampla liderada por Tabaré Vázquez logrou vencer na primeira volta. Jorge Larrañaga sumou máis do 35% dos votos, quedando en segunda posición e aumentando de forma considerable o apoio a súa formación política (mellor resultado dende 1989).

Aínda que volveu intentar conseguir ser nomeado candidato á Presidencia en 2009 e 2014, nas eleccións primarias acabaría por impoñerse a corrente herrerista. Foi así que se integrou como candidato a vicepresidente nas listas de Luis Alberto Lacalle Herrera en 2009 e do seu fillo, Luis Alberto Lacalle Pou, en 2014[4].

En 2019, patrocinou unha reforma constitucional chamada "Vivir sen medo" que pretendía atallar a inseguridade cidadá creando entre unha Garda Nacional militarizada e aumentando as penas para determinados delitos impoñendo a cadea perpetua revisable[5]. Malia a ser rexeitada en referendum, a proposta contou cun voto favorable superior ao 46%[6] o que lle permitiu a Larrañaga recuperar protagonismo político e ser nomeado Ministro de Interior por Luis Lacalle Pou en marzo de 2020. As prioridades que se marcou no seu traballo como ministro pasaron por apoiar ás forzas policiais fronte a delincuencia, reforzar a loita contra o narcotráfico e trocos na política carceraria[7].

Vida persoalEditar

Alcumado como "Guapo", Larrañaga gañou sona na opinión pública polo seu falar inzado de refráns e linguaxe popular.[8][9] Vencellado ao mundo da hípica dende a súa infancia, era un grande afeccionado ás carreiras de cabalos.[10] Casado en dúas ocasións, foi pai de catro fillos. Faleceu con 64 anos por mor dun paro cardiorrespiratorio[11].

NotasEditar

  1. "Jorge Larrañaga: 8 de agosto de 1956 - 22 Mayo 2021". Montevideo Portal (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 
  2. "Jorge Larrañaga – Alianza Nacional" (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 
  3. "Visión – Alianza Nacional" (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 
  4. diaria, la (2021-05-22). "La historia de un resiliente: la trayectoria política de Jorge Larrañaga". la diaria (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 
  5. ElPais. ""Vivir sin miedo": qué propone, quiénes se oponen y cómo funciona la votación". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-05-23. 
  6. ElPais. "El plebiscito "Vivir sin miedo" no ganó, pero tuvo victorias en varios departamentos". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-05-23. 
  7. Press, U. Y. "Falleció el ministro del Interior, Jorge Larrañaga". mysitename (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 
  8. Observador, El. "Se murió El Guapo: se fue un hombre bueno". El Observador. Consultado o 2021-05-23. 
  9. ElPais. "Impactante muerte de Jorge Larrañaga de un paro cardíaco". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-05-23. 
  10. ElPais. "Jorge Larrañaga deja su legado en la actividad". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-05-23. 
  11. "Falleció de un paro cardiorrespiratorio el ministro del Interior Jorge Larrañaga". Montevideo Portal (en castelán). Consultado o 2021-05-23. 

Véxase taménEditar