Joan de Novoa

explorador galego

Joao de Novoa, Joan de Nova, João da Nova, João de Nova Castelia ou Xoán de Novoa, nado en Maceda (Ourense) contra 1460 e finado en 1509 en Cochin (India), foi un cabaleiro, mariño e explorador galego, de familia ourensá de liñaxe. Foi así mesmo nomeado Alcaide de Lisboa.

Joan de Novoa
Nacemento1450
Lugar de nacementoMaceda
Falecemento10 de xullo de 1509
Lugar de falecementoCochin
NacionalidadeReino de Galicia e Reino de Portugal
Ocupaciónexplorador, navegante e Alfonso de Alemcastre
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

En Galicia editar

Aprezado polo Arcebispo Alonso II de Fonseca, parece que se pode datar a súa fuxida a Portugal durante as revoltas irmandiñas, como se desprende dun documento pertencente ao Cabido da Catedral de Ourense do 1468, do notario Afonso Eanes de Palmoi.

Casado en primeiras nupcias con Leonor Enríquez.

Partidario do bando de Isabel a Católica pelexou xunto con Alonso II de Fonseca contra Pedro Madruga, pero cando se decata da acción centralizadora dos Reis Católicos contra a pequena nobreza foxe definitivamente a Portugal (cara ao 1480-3), e a súa familia maioritariamente a Benavente, onde residía a potente familia Pimentel, outros, os menos a Pontevedra.

Da súa estadía en Galicia hai novas non datadas escritas polo embaixador de España ante a Coroa Británica, o galego Diego Sarmiento de Acuña Conde de Gondomar, recollida por Manuel Murguía e tamén por Carvalho Calero (en "Prosa Galega 3"), protestando ante os cregos do mosteiro de Montederramo que lle solicitaban que presentase os papeis de encomendeiro das súas posesións, na que contesta:

"E eu que título hei de mostrar mais que habelas herdado de meu pay, ó meu pay do meu aboo e meu aboo dos nosos antepasados que as posuiron desde que o mundo foy mundo. Vos e San Bernardo (que era da Franza) e a puta que vos pariu que tendes que ver coa miña facenda por uns poucos papés decorradeiros que presentás..."[Cómpre referencia]

En Portugal editar

 
Imaxe de satélite da illa Juan de Nova, na cal se refuxiou.

Xa en Portugal pasou a servir ao rei Xoán II, participando nas accións militares no norte de África obtendo o título de Alcaide menor de Lisboa.

Relacionado co seu cargo realizará tres visitas a India ao mando da nao Flor de la Mar. Estas viaxes quedarán plasmadas nas crónicas de navegación conservadas na Torre do Tombo de Lisboa.

As viaxes editar

 
Mapa de Agalega, illa bautizada por Joan de Novoa.

A primeira viaxe foi en 1501, reinando Don Manuel I, á fronte dunha frota de catro barcos, viaxe iniciada antes da chegada da frota de Pedro Álvares Cabral. Partiu o 5 de marzo de 1501. Descubriu a Illa da Ascensión, visitou Mozambique, Quiloá, Melinde e, na India, as Illas de Anchediva, Cochin, Calecut, Cananor. Nesta cidade arrasou a frota do samorim de Calecut, que quería barrar a súa pasaxe. Nesta batalla foi utilizada por primeira vez a disposición naval en columna de maneira sistemática e consciente, táctica que durou ata a segunda guerra mundial.

Na viaxe de volta, cargados de especias, bautizou unha pequena illa do Índico ó sur das Seychelles como A Galega (a actual Agalega), actualmente pertencente a Mauricio.

A pesar de atoparse con moitos obstáculos na costa oriental de África e malia os continuos enfrontamentos, distinguiuse polos seus dotes diplomáticos evitando os enfrontamentos sempre que lle era posible.

A segunda viaxe, en 1505 faina acompañado polo Vicerrei da India Francisco de Almeida, á fronte de dezaseis naos e seis carabelas, e 1.500 soldados. Tras unha dura travesía visitan Quiloá, participando na destrución da cidade e no nomeamento dun novo rei. O seu seguinte destino será Mombasa, seguiralle Zanzíbar e outros lugares da costa oriental africana. A finais do mesmo ano para na viaxe de regreso a Portugal, mais non dá chegado. Por mor dunha treboada no Cabo de Boa Esperanza ten que retroceder e decide pasa-lo inverno no norte do Canal de Madagascar, nunha illa aínda hoxe chamada Juan de Novoa (pertencente na actualidade a colonia francesa de Reunión), sendo atopado en marzo de 1506 pola escuadra de Afonso de Albuquerque.

Este auxíliao e proporciónalle un novo barco, xa que a Flor de la Mar é irrecuperable, co que se incorpora a escuadra, iniciando unha viaxe cara ao norte da costa oriental africana loitando con crueldade extrema contra os musulmáns. Axiña comezaran as desavinzas na tropa, e en xaneiro de 1508 Alburquerque acusa o propio Joan de Novoa de ser o instigador das maquinacións. Joan de Novoa reacciona irado polas acusacións e négase a obedecer ordes comezando así unha pelexa corpo a corpo, enganchando o Alburquerque pola barba e arrincándolle parte dela. Termina a liorta con Joan preso e sen mando, aínda que é perdoado ao pouco ("polo tempo en que estaban e pola necesidade que deles tiñan") e pola súa coraxe e servizos na conquista de Mascate na escuadra do mesmo Afonso de Albuquerque. Aos poucos días Joan é ferido nunha acción militar dentro da cidade de Ormuz e pouco tempo despois unha escuadra de tres barcos foxe cara á India, desobedecendo ordes. Joan de Novoa volve ser acusado como instigador, pero permítelle partir cara á India. Xa alí decántase no partido de Francisco de Almeida na súa loita polo vicerreinado con Albuquerque, acusando a este último de crueldade, aínda que debido ao seu impulsivo carácter tamén Almeida se separará del.

Finalmente o 10 de xullo de 1509 falece en Cochin, no sur da India, só e desamparado, aínda que será Albuquerque o que pague o seu enterro como cabaleiro en recordo das súas conquistas no Reino de Ormuz.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar