Irmás de Santa Dorotea

(Redirección desde «Irmás Doroteas»)

As Irmás de Santa Dorotea de Paola Frassinetti, tamén chamadas simplemente doroteas, son unha institución relixiosa feminina, orientada fundamentalmente á educación, e que foi fundada pola freira Paola Frassinetti en 1835. É unha institución do dereito pontificio: as participantes desta congregación completan o nome coas siglas dos institutos de perfección católica S.S.D. (do latín Sorores Sanctae Dorotheae).

Historia editar

Paola Frassinetti reunira en Quinto al Mare, unha vila nos arrabaldes de Xénova, unha pequena comunidade de mulleres que tiñan como misión educaren as nenas, principalmente orfas e pobres, da vila. Esa comunidade reuníase nunha igrexa inicialmente, e despois nunha casa alugada[1]. Ese pequeno grupo de mulleres chamouse as Fillas da Santa Fe.

Pero en 1835 o sacerdote Luca Passi, que xa tiña un proxecto en Bérgamo de escola para mozas chamado Irmás de Santa Dorotea, encargoulle a Frassinetti que o levase ela, coas súas compañeiras, e que lle dese outra dimensión, pero na cidade de Xénova. Aí empeza a congregación como tal, que pasa a chamarse Irmás de Santa Dorotea. Axiña virá a expansión das escolas doroteas, que empezan por abrir novos centros en Xénova e chegan en 1841 a Roma. É precisamente en Roma, á Igrexa de Santo Onofre (a menos dun quilómetro do Vaticano), onde establece Frassinetti a sé xeral da congregación seguindo o mandado do papa Pío IX, e onde falecerá ela mesma en 1882.

Expansión editar

En 1866 as Irmás de Santa Dorotea abriron casas en Portugal e no Brasil; en 1911 en Malta, España (en Tui), Suíza e os Estados Unidos, e en 1934 en Angola; na década de 1960 estenderon o seu radio de acción ao Perú, Mozambique e Inglaterra. Nos últimos anos do século XX abriron casas en Taiwán, Arxentina, Albania, San Tomé, Camerún e Filipinas.

En 2016 a congregación contaba con 837 relixiosas entre todas as 123 casas que tiña, o que supuxo unha redución do 20% en pouco máis dunha década[2].

Ademais das casas relixiosas, onde viven freiras doroteas, tamén existen centros de ensino vinculados á orde, ben porque as monxas sexan as docentes, ben porque o fosen no pasado.

En Galicia e España editar

A Galicia as Irmás de Santa Dorotea chegaron en 1911 fuxindo da expulsión que se decretara contra delas en Portugal logo da Revolución de outubro de 1910 e a proclamación da I República.

Tui editar

A primeira freira foi a superiora provincial Maria Augusta Alves, que chegou a Tui o 21 de xaneiro de 1911[3], e a superiora foi seguida de diversas freiras que se instalaron na vila tudense. A construción do primeiro convento en Tui iniciouse en 1926 e rematouse en 1928, sendo superiora a portuguesa Eugénia Monfalim. Na época de maior esplendor en Tui as doroteas chegaron a ter seis casas, contando o convento da rúa Martínez Padín, situadas nas rúas Ordóñez, Seijas, Cuenca, Colón e no Paseo da Corredoira, onde agora se acha o cuartel da Garda Civil.

Aínda antes de empezaren as obras do convento, a comunidade das relixiosas doroteas de Tui recibiu en 1925 a Lúcia dos Santos, a irmá Lucía das aparicións de Fátima. Instalouse en Pontevedra ata 1926, volveu a Tui onde se ordenou como monxa dorotea e permaneceu ata 1934, regresou a Pontevedra durante tres anos, onde tivo unha aparición mariana, e en 1937 partiu para Tui. Quedou alí vivindo nove anos, ata que regresou a Vila Nova da Gaia (Portugal)[4].

En 1943 a casa tudense foi recoñecida como escola de primaria, e tamén como residencia para mozas da bisbarra que estudaban no Instituto de Tui. O ensino oficial de ensino infantil de Tui permaneceu ata 1990. Logo foi unicamente convento, e na actualidade[5] acolle 20 freiras.

Pontevedra editar

A construción da primeira residencia de Pontevedra fíxose sobre todo para acoller estudantes internas que facían Maxisterio na cidade. A primeira sede foi na rúa de Santa Clara[6] e nunhas casiñas da praza da Leña[7], e de aí trasladáronse, en 1918[7], á daquela chamada travesa de Isabel II e hoxe precisamente rúa de sor Lucía, dado que alí teñen lugar as aparicións de Pontevedra de Lúcia dos Santos. En 1957 mudáronse á rúa Afonso XIII, onde constrúen un colexio (o Colexio Doroteas), un internado e unha residencia para freiras. En 1972 péchase o internado e as monxas trasládanse a Vila Paula, un edificio anexo que, na actualidade, é unha escola de infantil. Tamén nesa década o colexio deixa de ser só feminino e pasa a ser mixto.

Outras casas editar

Ademais, as monxas doroteas teñen desde 1994[8] unha casa en Vilanova de Arousa, na parroquia de San Cibrán, á que están adscritas.

Na provincia da Coruña, teñen unha residencia en Santiago de Compostela. Precisamente foi nesa residencia compostelá onde se hospedaba Rosario Linares-Rivas, que pasaba alí as súas vacacións estivais cando viña de Madrid. Rosario Linares-Rivas era filla do antigo alcalde coruñés Maximiliano Linares Rivas, e en gratitude ás monxas cedeulles, ao non ter máis herdeiros[9], primeiro en uso, e despois en titulariedade, un pazo familiar en Galegos (Frades). Nese pazo, o Pazo de Galegos, puxeron clase as monxas durante décadas, e chegaron a ter máis dun cento de alumnos, mais en 2021 vivían xa unicamente tres freiras[10].

Resto de España editar

Ademais das casas galegas neste momento en España as Irmás de Santa Dorotea teñen casas en Almería, Avilés, Guadix, Leganés, Madrid, Villafranco de Guadalhorce (Alhaurín el Grande) e Venta de Baños.

Notas editar

  1. Chini, Riccarda. Paula Frassinetti: Un don de Dios. 
  2. Annuario Pontificio. Libreria Editrice Vaticana. 2017. ISBN 978-88-209-9975-9. 
  3. González, Eva (2011-09-23). "Cien años de las Doroteas en Tui". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-08-26. 
  4. "Colégio do Sardão". Facebook (en portugués). Consultado o 2021-08-26. 
  5. "Vida Consagrada". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2021-08-26. 
  6. "Nuestra historia". Colegio Doroteas Pontevedra. Arquivado dende o orixinal o 26/08/2021. Consultado o 26/08/2021. 
  7. 7,0 7,1 "Doroteas: un siglo de enseñanza". Faro de Vigo (en castelán). 2018-04-25. Consultado o 2021-08-26. 
  8. "Vilanova despide a la religiosa Teresa Couso ante su marcha a Inglaterra". Faro de Vigo (en castelán). 2020-12-16. Consultado o 2021-08-26. 
  9. Irimia, Asociación Irimia de Crentes Galegos (2017-09-02). "Crónica: Homenaxe á comunidade de monxas doroteas de Galegos (Frades)". Irimia. Consultado o 2021-08-26. 
  10. "Las religiosas que cambiaron Galegos, con dezanas al frente en la actualidad". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-06-27. Consultado o 2021-08-26.