Interpretación (comunicación)

A interpretación é a actividade de mediación lingüística oral ou intersemiótica (mediante lingua de signos) que permite a comunicación entre persoas que falan linguas diferentes.[1]

Intérpretes simultáneos nos Xuízos de Nuremberg

Esta modalidade de comunicación consiste en trasladar un discurso dunha lingua de partida a unha lingua meta, de xeito que a mensaxe sexa equivalente á orixinal. A diferenza da tradución, que traballa sobre a lingua escrita, na interpretación trabállase coa lingua oral. Na interpretación, amais, cómpre tamén ter en conta os elementos emocionais ou o rexistro de voz e o ton empregados, polo xeral con pouco tempo para a reflexión e a procura de estilo. O estudo sistemático da teoría, descrición e aplicacións da interpretación e da tradución coñécese como tradutoloxía.

Variantes da interpretación editar

No eido da interpretación cómpre distinguir entre técnicas e modalidades:

  • As técnicas son as diferentes actividades implicadas no proceso
  • As modalidades céntranse no contexto comunicativo e na situación social da interpretación

Técnicas de interpretación editar

Interpretación simultánea editar

 
Interpretación simultánea nunha conferencia de prensa.
 
Interpretación simultánea mediante lingua de signos.

Consiste en traducir a mensaxe á lingua meta o máis rápido posíbel, mentres o orador continúa a falar. A interpretación realízase nunha cabina insonorizada desde onde se pode ver o orador, a quen se escoita mediante auriculares. A mensaxe na lingua meta transmítese a través dun micrófono, e recíbese tamén mediante auriculares. A IS é a técnica comunmente empregada na interpretación de lingua de signos.

Agás na lingua de signos, na IS adoita traballarse por parellas da mesma combinación lingüística e por quendas.

Ás veces non é posíbel utilizar cabinas. Isto pode deberse, por exemplo, a cuestións de espazo ou á necesidade de desprazamento. Unha alternativa son os Infoports, un sistema de interpretación portátil e inalámbrico. A IS realízase mediante un emisor cun micrófono e a mensaxe escóitase a través duns receptores. [1]

Adoita usarse incorrectamente o termo tradución simultánea. Porén, a tradución é a mediación lingüística por escrito.

Interpretación murmurada editar

Tamén é coñecida co galicismo chuchotage. É común cando a maioría do público fala a lingua de partida, agás unha pequena audiencia. Esta minoría recibe a mensaxe mediante unha interpretación simultánea murmurada na lingua de chegada.

Interpretación consecutiva editar

 
A intérprete de IC Patricia Stöcklin transmítelle a Garri Kasparov o discurso de Klaus Bednarz.
 
A intérprete de IC Patricia Stöcklin toma notas do discurso de Garri Kasparov.
 
A intérprete de IC Patricia Stöcklin transmite o discurso de Garri Kasparov para o público.
Intérpretes facilitando unha conversa a tres entre Vladímir Putin (ruso), Muamar al-Qadafi (árabe) e Mireille Mathieu (francés) en 2008.

O discurso, neste caso, divídese en partes. A técnica consiste en escoitar o discurso na lingua de partida e tomar notas deste. Nunha pausa ou ao remate, transmítese a mensaxe completa na lingua meta. A IC adoita empregarse en discursos curtos, como declaracións, comunicados gravados, testemuños nun tribunal ou entrevistas médicas ou de traballo.

Interpretación de enlace ou bilateral editar

Consiste en transmitir as mensaxes entre dúas ou máis persoas, que son emisoras e receptoras ao mesmo tempo. Pode realizarse tras un breve discurso, de forma consecutiva o por chuchotage, con ou sen toma de notas.

Interpretación por relé (relay interpreting) editar

Esta técnica pode empregarse cando non é posíbel traballar nunha combinación lingüística concreta, mais pódense enlazar as linguas cunha terceira. É común que esta lingua relé sexa o inglés ou outra lingua franca.

Tradución á vista editar

Trátase, en realidade, dunha técnica de interpretación. Neste caso, lese en voz alta un documento escrito na lingua de partida como se estivese escrito na lingua meta. É frecuente nos ámbitos sanitario e xudicial.

Modalidades de interpretación editar

Interpretación de conferencias editar

A interpretación de conferencias realízase en xuntanzas entre profesionais dun mesmo sector, como congresos, reunións políticas internacionais ou outras situacións.

Divídese en dous ámbitos: o institucional e o privado. As institucións internacionais, como a Unión Europea ou a ONU, que celebran encontros multilingües, adoitan favorecer a interpretación de varias linguas estranxeiras. O mercado privado local tende a concentrarse en reunións bilingües. Estes dous ámbitos non se exclúen un ao outro.

A Asociación Internacional de Intérpretes de Conferencias (AIIC) é a única entidade mundial desta modalidade. Fundada en 1953, reúne máis de 2800 profesionais procedentes de máis de 90 países.

Interpretación no ámbito xudicial editar

Mentres que a interpretación xurídica se refire simplemente ao contido do discurso e a interpretación xurada implica unha responsabilidade regulada por lei, a interpretación judicial dáse necesariamente en tribunales de xustiza ou administrativos. Ás veces utilízase a técnica de interpretación consecutiva, se se presenta ante un tribunal unha única persoa de fala estranxeira. Pola súa parte, emprégase a interpretación simultánea en procesos xudiciais cun maior número de participantes de fala estranxeira. Foi o caso dos Xuízos de Núremberg e nos xuízos polos Atentados do 11M.

Considérase fundamental na xustiza o dereito a contar cunha mediación lingüística competente para as persoas que non entendan a lingua empregada no tribunal. Este dereito garántese acotío nas constitucións nacionais, declaracións de dereitos, leis fundamentais que estabelecen un sistema xudicial ou a través de xurisprudencia.

Amás dun dominio práctico das linguas, requírese un amplo coñecemento das lexislacións. A interpretación adoita ser considerada unha parte esencial do testemuño. De feito, unha interpretación incompetente pode provocar que o xuízo sexa declarado nulo.

Interpretación para sesións de grupo editar

Realízase dende unha cabina insonorizada. Adóitase utilizar un espello unidireccional que permite observar os membros do grupo, mentres que estes só poden ver o seu propio reflexo. Escóitase a conversa na lingua de partida a través de auriculares e interprétase de forma simultánea na lingua meta.

Interpretación de acompañamento editar

Nesta modalidade realízase unha interpretación de enlace mentres se acompaña a unha persoa ou un grupo durante unha visita, unha reunión ou unha entrevista.

Interpretación comunitaria editar

Dáse en ámbitos como os servizos sociais, a vivenda, a saúde ambiental e a educación. Existen varios factores que condicionan a comunicación. Algúns deles son o contido emocional do discurso, a contorna social ou o grao de responsabilidade que pode chegar a adquirir a mediación.

Interpretación sanitaria editar

Constitúe un subtipo da interpretación comunitaria. Normalmente, a situación comunicativa reúne unhas condicións e requirimentos concretos. Nalgunhas situacións, o persoal sanitario multilingüe pode colaborar en bancos lingüísticos internos. Cómpren amplos coñecementos de medicina: as prácticas médicas máis comúns, o recoñecemento médico e as tarefas diarias do hospital ou centro médico. Amais, a interpretación sanitaria acotío implica un enlace cultural.

Interpretación de lingua de signos editar

 
Intérpretes de lingua de signos traballando nunha escola.

Cando unha persoa cun grao de audición normal está a falar, transmítese a súa mensaxe en lingua de signos para as persoas con xordeira ou con certo nivel de hipoacusia. Cando unha persoa se comunica en lingua de signos, transmítese a mensaxe en lingua oral para as persoas oíntes. Esta comunicación pode realizarse como unha interpretación simultánea ou consecutiva.

Interpretación nos medios de comunicación editar

Por natureza, esta interpretación ten que ser simultánea. Emprégase en particular nas coberturas televisivas en directo, como conferencias de prensa ou entrevistas gravadas ou en directo. A interpretación faise dende unha cabina insonorizada, de ser posíbel cunha pantalla.

Asociacións de profesionais en Galiza editar

  • AGPTI, Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación, fundada en 2001.

Notas editar

  1. Pöchhacker; Shlesinger, Franz; Miriam (2002). The Interpreting Studies Reader. Londres/ Nova York: Routledge. pp. 2–3. ISBN 0-415-22478-0. 

 
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.