ISBN

identificador numérico único para libros
(Redirección desde «International Standard Book Number»)

ISBN é a abreviatura do número internacional para a catalogación de libros (International Standard Book Number), código de 10 ou 13 díxitos que identifica biunivocamente calquera libro editado legalmente no mundo.

Formato editar

O ISBN consta das seguintes partes:

  • Os primeiros (un, dous ou tres) díxitos correspóndense co país, grupo de países ou lingua común: O código para España é 84 (que para o sistema de código de barras EAN-13 é 978-84) e para Portugal son dous: 972 e 989 (constando para un total de 6240 editoriais). Para EUA é 0 ou 1, para Francia é 2 e para Alemaña é 3. Algunhas rexións francófonas usan o número 2 para o francés (francobelgas, africanos,...) mentres que para o castelán non pasa o mesmo (Arxentina usa 950 e 987). Andorra ten dous números propios e independentes do castelán ou francés: 99913 e 99920;
  • Estes van seguidos cun código que identifica a editorial ou casa impresora. O número de díxitos do código da casa editora correspóndese normalmente co seu volume de títulos: o código da entidade con maior volume editor da lingua galega, a Xunta de Galicia, tén tres cifras mentres que o resto ten tres, catro ou máis (véxase unha breve listaxe abaixo);
  • Tras estas partes vai un número dado pola editorial consecutivamente para os seus libros;
  • Ó final aparece un díxito de control (que pode ser un número ou a letra X);

O ISBN vai normalmente dividido con guións e especificado nalgún ou en todos estes lugares do libro:

  • Na parte superior do código de barras, normalmente na lapela exterior posterior do libro;
  • Na páxina anterior ó título, en páxina par, normalmente xunta o depósito legal;
  • Na última páxina do libro, onde indica o obradoiro gráfico e a data onde se imprimiu o libro;

Historia editar

En 1965 W. H. Smith era o maior distribuidor en Londres que quixo poñer en funcionamento un sistema de orde nos seus novos almacéns informatizados. Asesorado polo British Publishers Association's Distribution and Methods Committee (BPADMC, Comité para a distribución e métodos da Asociación de editoriais británicas), ideouse o SBN en 1966 e aplicouse en 1967.

Contra esas datas, o Comité Técnico 46 da ISO estudou a aplicación a nivel mundial do método SBN: houbo primeiro unha reunión con representantes da UNESCO, Dinamarca, Francia, Alemaña, Éire, Holanda, Noruega, Reino Unido e EUA e logo outras dúas en Berlín e Estocolmo, xa con membros da ISO. Tras este tempo aprobouse a implantación do ISBN mediante a norma ISO 2108.

En 2015, o Publishers' International ISBN Directory (PIID, Guía ISBN Internacional de Editoriais) contiña máis de 1.100.000 editoriais de máis de 221 países e territorios[1]. A partir do ano 2007 implantouse o sistema de ISBN con números de 13 díxitos. En España tódolos editores teñen un código asignado, e tódolos libros á venda teñen ISBN, pois só se exceptúan os gratuítos.

Códigos ISBN nacionais dun ou dous díxitos editar

Rexión xeográfica Código
EUA, Bermudas, Canadá, Australia, Nova Zelandia, Zambia, Suráfrica e Xibraltar outras rexións anglófonas 0 e 1
Francia e francófonos belgas, suízos, canadenses e africanos 2
Alemaña, Austria e xermanófonos belgas 3
Xapón 4
Rusia e algúns outros países da antiga Unión Soviética 5
China 7
Chequia 80
India 81 e 93
Noruega 82
Polonia 83
España 84
Brasil 85
Serbia e Montenegro e algúns países da antiga Iugoslavia 86
Dinamarca 87
Italia 88
Corea 89
Países Baixos e os belgas flamengos, pero non Antillas Neerlandesas 90
Suecia 91
Institucións multinacionais e supranacionais (ONU, FAO, UNESCO, OMS, OMC, UE, CEE) 92
India 93 e 81

Códigos ISBN para países iberoamericanos editar

Rexión xeográfica Código
Arxentina 950 e 987
Chile 956
Colombia 958
Cuba 959
México 968 e 970
Portugal 972 e 989
Venezuela 980
Panamá 9962
Costa Rica 9968 e 9977
Perú 9972
Uruguai 9974
Ecuador 9978
Bolivia 99905
Andorra 99913 e 99920
Guatemala 99922 e 99939
O Salvador 99923
Nicaragua 99924
Paraguai 99925
Honduras 99926
República Dominicana 99934

Subcódigos ISBN para algunhas editoriais galegas editar

Editorial Código
Xunta de Galicia (administrativa): 453
Editorial Galaxia (viguesa): 8288, 400, 7154
Edicións Xerais de Galicia (viguesa): 7507, 9782, 8302
Consello da Cultura Galega (compostelá): 505, 87172, 95415
Real Academia Galega (coruñesa): 600, 604, 606, 87987
Ir Indo (viguesa): 7680
Ediciós do Castro (de Sada): 300, 7492, 8485, 85134
Edicións A Nosa Terra = Promocións culturais galegas (viguesa): 404, 604, 89138, 89976, 922032, 95350, 96202, 96203, 96403
AS-PG (coruñesa): 300, 604, 605, 89679, 920453, 921126, 930421
Nigra (pontevedresa): 87709
Trea (de Xixón): 87733, 89427, 95178, 9704
NigraTrea (galegoasturiana): 95364, 604
Linteo (ourensá): 930058
Tristram (luguesa): 89377
3C3 (ourensá): 932667

Evolución da produción editorial en galego editar

Fonte: Panorámica de la edición española de libros Arquivado 25 de xuño de 2023 en Wayback Machine. edicións de 2014 e 2019. Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura. Ministerio de Cultura e Deporte. Os datos a partir do 2013 non inclúen reimpresións.

Características xerais editar

Como se pode comprobar, as relacións non sempre son biunívocas para as editoriais nin para os códigos (604 úsase para Edicións A Nosa Terra, AS-PG e NigraTrea), pero isto non impide que sexa un número único para cada edición dun libro. Tamén se pode observar que non teñen relación en absoluto coa localidade sede da editorial. As chamadas autoedicións ou edición de autor teñen números moi diversos. Por outra banda, as chamadas reimpresións conservan o mesmo ISBN có orixinal: dentro destas considéranse aqueles libros onde só se modificou o prezou ou menos dun 5% dos contidos. Para as reedicións, renovacións e modificacións de formato, úsase un novo ISBN. Os ISBN úsanse para edicións non perecedoiras (calendarios, axendas) e se xorden da colaboración entre dúas entidades editoras é preferible que teñan dous ISBN. En certos países é obrigatorio por lei (en España non, dende 2009). Existen países nos que hai que pagar inicialmente para conseguir un código de editorial (na zona 0-1, dende 33 dólares australianos) mentres que noutros códigos territoriais é gratuíto.

Notas técnicas editar

A Wikipedia identifica automaticamente a cadea ISBN que vaia seguida dun código numérico separada simplemente por un espazo. Non é necesario colocarlle un punto nin dous puntos para separala: pode verse un exemplo na bibliografía de Lorenzo Varela, onde os ISBN non están marcados con dobres corchetes [[]].

Debe notarse tamén que, en moitas ocasións, a consecución dun ISBN territorial propio considérase unha cuestión identitaria. Que as Antillas holandesas, as antigas repúblicas soviéticas ou iugoslavas e os territorios de fala propia en estados multilingües (cataláns con Andorra en España, flamengos en Bélxica, alemáns e italianos en Suíza ou franceses no Canadá, Suíza e Bélxica) cheguen a ter un código territorial distintivo dentro do ISBN é interesante para as súas reclamacións culturais e mesmo aspiracións independentistas. Neste sentido, o seu comportamento é o mesmo que ante a consecución de dominios de Internet.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar