Ingrid Bergman

actriz sueca

Ingrid Bergman, nada en Estocolmo o 29 de agosto de 1915 e finada en Londres o 29 de agosto de 1982, foi unha actriz sueca gañadora dos premios Óscar e Globo de Ouro. Considerada como un dos mitos da Sétima Arte, segundo a listaxe realizada polo American Film Institute é a cuarta estrela máis importante na historia do cinema, sendo as tres primeiras Katharine Hepburn, Bette Davis e Audrey Hepburn. É probablemente unha das actrices máis prolíficas do século XX, desenvolvendo a súa carreira en cinco idiomas (sueco, alemán, inglés, italiano e francés), actuando en cinema, teatro e televisión en Suecia, Alemaña, Estados Unidos, Canadá, Italia, Inglaterra, Francia, España e Israel. Faleceu o día do seu 67º aniversario, tras pasar anos con tratamentos contra o cancro de mama.

Ingrid Bergman
Ingrid Bergman, 1944.
Nacemento29 de agosto de 1915
LugarEstocolmo, Suecia
Falecemento29 de agosto de 1982
LugarLondres, Inglaterra
CausaCancro de mama
SoterradoCemitério do Norte
NacionalidadeSuecia
Relixiónluteranismo
Educada enDramatens elevskola e Palmgrenska samskolan
PaiJustus Bergman
Cónxuxe(s)Petter Aron Lindström (1937–1950)
Roberto Rossellini (1950-1957)
Lars Schmidt (1958-1975)
Fillos4
ProfesiónActriz (1934 - 1982)
Na rede
http://www.ingridbergman.com
IMDB: nm0000006 Allocine: 1180 Allmovie: p5652 72764 TV.com: people/ingrid-bergman IBDB: 66876
Facebook: IngridBergmanforeverloved Spotify: 15MbfqH1Lg24TM5Vhos6z7 Musicbrainz: 669c349d-ba44-48e8-8649-2fc8d1769eaf Discogs: 359254 WikiTree: Bergman-344 Find a Grave: 1665 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Quedou orfa de nai cando tiña dous anos e o seu pai morreu once anos despois. A súa infancia transcorreu na casa paterna, logo cunha das irmás do seu pai (falecida soamente seis meses máis tarde) e finalmente con outro tío paterno e a súa familia.

Inicios en Suecia editar

 
Ingrid Bergman ós 14 anos.

Decidiu facerse actriz para combater a súa extrema timidez ("son máis eu mesma cando son outra persoa"[1]) e deu os seus primeiros pasos no cinema como extra aos 16 anos, pero a súa verdadeira meta era o teatro. Ao dezaoito anos foi elixida entre centos de aspirantes para estudar na Real Escola de Teatro Dramático (onde tamén estudou Greta Garbo). Grazas ao seu pai, Justus, que tiña unha tenda de fotografía, ao morrer, deixoullo todo á súa filla asegurándose, de que ela tivese diñeiro para converterse en actriz.[1]

Cando Ingrid lle dixo ao seu tío Otto que quería ser actriz, este opúxose, pois naquela época ser actriz estaba mal visto. El pensaba que como se lle daban tan ben os estudos, non necesitaba ser actriz, pero como Ingrid insistía, o seu tío fíxoa prometer que se se presentaba e non era escollida, non o volvería a tentar. The Royal Dramatic Theater School requiría a cada actor que representase tres pezas, despois os xuíces seleccionarían dous delas, se o aspirante era rexeitado dábaselle un sobre marrón e se era aceptado, un sobre branco. Ingrid decidiu representar unha comedia. Mentres actuaba, os membros do xurado non parecían verlle a graza, nin sequera prestaban moita atención. De súpeto, tras a primeira lectura, dixéronlle que podía retirarse sen darlle a oportunidade da segunda. Máis de medio século despois Ingrid lembraba o seu desengano:

Cando abandonaba o escenario estaba de loito, atopábame nun funeral. O meu. Era a morte do meu eu creativo. Tiña o corazón roto de verdade. Ao saír á rúa, Estocolmo, que sempre me pareceu tan fermosa, xa non o era, e os actores e actrices que esperaban a recoller a súa sobre, rían e burlaban da miña, 'Por que non o colliches?' preguntábanme entre risas. Cada vez sentíame peor. Aínda que case non vía nada porque tiña os ollos cheos de bágoas. Cando cheguei a casa, estaban a esperarme as miñas curmás, dixéronme que chamara un actor amigo delas que participara nas probas. El conseguira un sobre branco e preguntou que por que eu non recollera o meu. Pregunteille se sabía de que cor era o meu sobre. Díxome que era branco. Saín voando. Corrín todo o intre até recoller o meu sobre branco. Estaba entusiasmada. Levada pola axitación, rompín o papel de dentro ao abrir o sobre. Anos despois coñecín a un dos membros do xurado e pregunteille por que interromperan a miña lectura axiña que. El díxome: "Encántonos a súa seguridade e a súa impertinencia. Falamos e non vimos ningunha necesidade de perder o tempo. Sabiamos que era fabulosa e tiña un talento innato. O seu futuro como actriz estaba asegurado". Aquela noite, cando me decatei do do sobre branco, foi a noite que cambiou a miña vida.

A súa primeira oportunidade para actuar deulla Greta Danielsson, unha antiga amiga do seu pai, que lle ofreceu un papel como extra. En 1933 conseguiu entrar en The Royal Dramatic Theater School de Estocolmo. A súa primeira película foi Munkbrogreven de Edvin Adolphson. En 1937 casa co dentista Petter Lindström, relación da que nace a súa filla Pia Lindström. Petter anímaa a facer unha película en Alemaña. Durante a rodaxe do pacto do catro, Ingrid coñece a Goebbels, quen tenta convencela para que faga películas para o Terceiro Reich, dado que era medio alemá e sabía o idioma. A súa sexta película Intermezzo tivo moito éxito e fixo que un importante produtor de Hollywood comprase os dereitos da película para que Ingrid a fixese en inglés.[1]

Debut nos Estados Unidos editar

En 1939, e despois de protagonizar unha ducia de películas en Suecia, trasládase aos Estados Unidos para protagonizar a nova versión de Intermezzo producida por David O. Selznick.

Estrela grazas a Casablanca editar

En 1942 convértese nunha das estrelas da época ao protagonizar xunto a Humphrey Bogart a película de Michael Curtiz Casablanca. 1943 supón o ano no que recibe a súa primeira candidatura aos Óscar, neste caso polo seu brillante labor na película For Whom the Bell Tolls, aínda que perde o premio ante Jennifer Jones por The Song of Bernadette. Con todo, Ingrid Bergman móstrase satisfeita e declara publicamente fronte a Jennifer Jones: A túa Bernadette é mellor que a miña María.... No entanto, ao ano seguinte obtén o Óscar á mellor actriz, esta vez polo seu papel en Gaslight. En 1945 recibe a súa terceira candidatura consecutiva aos Óscar, esta vez pola película The Bells of St. Mary's. A actriz recibiría a súa cuarta candidatura aos Óscar na categoría de mellor actriz en 1948, polo seu papel en Joan of Arc.

Escándalo con Roberto Rossellini editar

En 1949 Ingrid ve a película que cambiaría a súa vida e a súa a carreira como actriz, Roma, cidade aberta de Roberto Rossellini. A película gustoulle tanto que decidiu escribir unha carta[2] a Rossellini expresándolle o seu desexo de traballar nalgunha das súas películas. Cando Rossellini recibe a carta vai aos Estados Unidos para coñecer a Petter e a Ingrid.[1]

En 1949 trasládase a Italia con 300 dólares e pensando volver nuns meses (eses meses convertéronse en anos), para rodar ás ordes de Roberto Rossellini a película Stromboli, terra di dio. Durante a rodaxe comeza unha relación co director italiano. Froito desta relación, Bergman queda embarazada do seu fillo Roberto Ingmar Rossellini (que nacerá o 2 de febreiro de 1950), o que provoca un grande escándalo nos Estados Unidos. O escándalo chegou cando o vicepresidente e director de Códigos de Produción, Joseph Breen, pídelle que desminta os rumores de que estaba a piques de divorciarse e abandonar a súa filla para casar con Rossellini. Foi criticada pola Igrexa Luterana de Suecia e sacerdotes da Igrexa Católica, sobre todo en América, e tamén recibiu cartas de persoas que pensaban que debía ser queimada na fogueira, non como Xoana de Arco, senón como as bruxas.[1] O escándalo foi tal que mesmo provocou que a actriz fose declarada persona non grata en territorio americano, o que fixo que se exiliase en Italia, deixando o seu marido e a súa filla nos Estados Unidos.

Chegábanme cartas atroces, cada sobre ía cheo de odio. Nalgunhas puña que eu ardería no inferno por toda a eternidade. Outras dicían que era unha axente do diaño e que o meu pequeno era fillo do diaño. E aínda outras que o meu bebé nacería morto ou sería amolado. Falaban de toda clase de horrorosas deformacións que afectarían o meu fillo. Chamábanme puta e fulana. Non podía crer que me odiase tanta xente. Á marxe do que pensasen sobre a miña vida, tratábase da miña vida privada, e eu non lles fixera nada. Estaba en estado de shock. Chegaban cartas de todas partes, pero a maioría de América. América é moi grande, así que había xente para escribir cartas de todas clases. Roberto preguntábame por que as lía se me afectaban tanto. Dicía que era como ler recensións de críticos a quen nunca lles gusta o teu traballo. Que sentido ten? Eu respondíalle que era o único modo para atopar cartas de amigos que me animaban e me apoiában[1].

Despois de separarse de Lindström e tras o nacemento do seu fillo, a actriz e o director casan o 24 de maio de 1950. Co director italiano ten ademais outras dúas fillas en 1952, as xemelgas Isabella e Isotta. Finalmente, separarase de Rossellini en 1957. Durante a súa estancia en Italia traballou en seis películas dirixidas polo seu marido, Stromboli, Europa '51, Siamo Donne, Heite querer sempre, Giovanna d'Arco al Rogo e A Paura, no seu momento fracasos de público e crítica, aínda que máis tarde revaloradas, moi especialmente pola crítica europea e os creadores da Nouvelle Vague francesa.

Regreso ao cinema internacional editar

Os fracasos do seu traballo conxunto con Rossellini levaron o matrimonio a unha crise tanto artística como financeira e así foi que en 1956, Rossellini permitiulle traballar baixo as ordes do mestre Jean Renoir en Elena et les hommes co que o éxito volveu sorrirlle. Ese mesmo ano protagoniza en Inglaterra a película Anastasia pola que gañaría o seu segundo Óscar á mellor actriz, sendo o seu amigo Cary Grant quen recolle o premio no seu nome.

O éxito o redobra co seu triunfo nas táboas en París, en Tea and Sympathy de Robert Anderson, durante a temporada 1956-57. En 1959 volve por primeira vez a Hollywood despois do escándalo do seu matrimonio para presentar o Óscar ó mellor filme na 31ª edición da cerimonia de entrega dos Premios da Academia. A sala recíbea cunha pechada ovación. O 23 de decembro de 1958 casa co produtor teatral sueco Lars Schmidt.

A partir de entón comeza a alternar películas en Estados Unidos e en Europa, así como aparicións ocasionais en dramas televisivos e en obras de teatro. Dese período destacan os seus labores en The Turn of the Screw (1959), pola que recibe o seu primeiro premio Emmy; Hedda Gabler (1962, que a reúne cun brillante elenco xunto a Sir Michael Redgrave, Sir Ralph Richardson e Trevor Howard); The Visit (1964); Stimulantia (episodio "The Necklace", filmado a fins de 1964 sobre un relato de Guy de Maupassant que a reuniu co seu antigo compañeiro da Escola de Arte Dramática, Gunnar Björnstrand, dirixidos ambos polo vello mentor de Ingrid, Gustaf Molander, na que fose o seu último labor para o cine); The Human Voice (1966); Cactus Flower (1969, coa que regresou por primeira vez a filmar en Hollywood logo de vinte anos de exilio); A Matter of Time (1976, película tamén titulada Nina, xunto a Liza Minnelli, e dirixidas ambas por Vincente Minnelli, nunha película na que ademais tiña unha inesquecible escena xunto a Charles Boyer e na que actuaba a súa propia filla, Isabella Rossellini no seu debut nas pantallas e era maquillada pola súa xemelga, Ingrid Isotta Rossellini); Höstsonaten (1978, dirixida por Ingmar Bergman, considerada por moitos o seu mellor traballo no cinema).

En 1974, Bergman recibiu o seu terceiro Óscar, esta vez na categoría de mellor actriz secundaria, pola súa participación na película Asasinato no Orient Express. En 1975 diagnostícaselle un cancro de mama e nese mesmo ano divórciase de Lars Schmidt. A pesar da súa fráxil saúde segue traballando a tempo completo.[1] Faleceu mentres celebraba o seu 67º aniversario.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar