En botánica denomínase infrutescencia ao resultado da fecundación dunha inflorescencia compacta,[1][2] así como tamén da fecundación do óvulo de certas flores apocárpicas (isto é, que teñen os carpelos separados, independentes, formando cada un ovario á parte, como ocorre, por exemplo, nos amorodos).[3]

Figos.

Etimoloxía

editar

Infrutescencia é unha adaptación do latín científico infructescentia, termo formado sobre o modelo de inflorescentia (inflorescencia), con cambio da raíz do xentitivo de flos, floris (flor) polo de fructus, fructus (froito).[1][2]

Características

editar

Nunha infrutescencia, os froitos encóntranse nunha formación onde cada un deles está contiguo e adherido a outro de forma que o conxunto aseméllase a un gran froito. A pesar da súa aparencia externa de parecer un só froito, as infrutescencias poden recoñecerse pola súa estrutura interna.

Algunhas infrutescencias e froitos agregados coñécense popularmente e son vendidas como froitas, estando os seus froitos verdadeiros dentro delas. Exemplos diso son o amorodo —que en realidade é un froito agregado, poliaquenio, formado por diminutos froitos individuais dispostos sobre un receptáculo carnoso—, o figo e a piña ou ananás —cuxo froito o forma o desenvolvemento da inflorescencia completa.

Porén, non se deben confundir as verdadeiras infrutescencias cos chamados froitos agregados, que se orixinan de tan só unha flor apocárpica (que ten carpelos libres), resultando un conxunto de froitos simples e independentes procedentes da mesma flor. É o caso das framboesas e as amoras, denominados polidrupas.

 
Infrutescencia de Ananas comosus (ananás ou piña)
 
Infrutescencia de Vitis vinifera
(vide ou videira)
 
Espigas de Hordeum vulgare
(cebada ou orxo)
  1. 1,0 1,1 infrutescencia, no Gran dicionario Xerais da lingua. Tomo II, H-Z, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009, ISBN 978-84-9914-072-8.
  2. 2,0 2,1 infructescencia e infrutescencia, en: Font Quer, Pío (1993): Diccionario de botánica. Barcelona: Editorial Labor, S. A. ISBN 84-335-0078-3.
  3. apocárpico, ca, en: Font Quer, Pío, Op. cit..

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar