Impresión, sol nacente

pintura de Claude Monet

Impresión, sol nacente (en francés Impression, soleil levant) é un cadro do pintor francés Claude Monet, cuxo título deu nome ó movemento impresionista. Realizado en 1873[1] durante unha breve estancia do artista en Le Havre, representa o amencer no porto da cidade.

Impresión, sol nacente
ArtistaClaude Monet
Data1873
TécnicaPintura ó óleo
Dimensións46 cm × 64 cm
LocalizaciónMuseo Marmottan Monet (París)

A técnica

editar

A intención do artista nesta obra non é capturar o detalle, senón plasmar un intre fugaz: o momento no que o sol se eleva no horizonte entre as néboas do porto de Le Havre. Así, Monet emprega pinceladas soltas coas que consegue que as formas desaparezan case por completo creando deste xeito unha sensación atmosférica: as figuras e a paisaxe están tan esvaídas que semellan un esbozo, coma acontece coas barcas e co fondo da escena. Asemade, para plasmar o movemento da auga emprega unhas pinceladas descontinuas na súa superficie e no reflexo do sol [2].

Contexto histórico

editar

A obra foi presentada por primeira vez en 1874 na "I Exposición da sociedade anónima de artistas pintores, escultores e gravadores" [1][3], que era unha alternativa ao Salón de París -o cal estaba ligado á Escola de Belas Artes- onde podían expoñer as súas obras artistas independentes que buscaban unha renovación das artes. O autor houbo de buscarlle un título para incluíla no catálogo da exposición:

A paisaxe non é máis ca unha impresión, unha impresión instantánea, de aí a etiqueta que nos puxeron, por certo pola miña causa. Enviei unha obra realizada en Le Havre, dende a miña fiestra, co sol na néboa e uns cantos mastros de botes erguéndose no primeiro plano... Preguntáronme por un título para o catálogo, realmente non podía considerarse coma unha vista de Le Havre, así que dixen: "Ponlle impresión"[4].

A raíz deste evento, o crítico Louis Leroy, do xornal Le Charivari, escribiu un artigo coma crítica á exposición o 25 de abril de 1874, titulado "l'Exposition des Impressionnistes" ("A exposición dos impresionistas") tentando facer un xogo de palabras despectivo co título do cadro de Monet. Deste xeito xurdiu o nome deste movemento artístico.

  1. 1,0 1,1 "Páxina do Musée Marmottan Monet de París". Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2010. Consultado o 01 de febreiro de 2010. 
  2. Páxina http://leiter.wordpress.com
  3. "Páxina de artehistoria". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2010. Consultado o 01 de febreiro de 2010. 
  4. Forge, A. e Gordon, R.: Monet, páxina 58. Harry N. Abrams, Inc. 1989.