Partos

(Redirección desde «Imperio parto»)
Para o nacemento dun ser humano, véxase Parto.

Os partos (en latín, Parthi) eran un pobo que fundou no século III a.C. un imperio no territorio do que hoxe en día é Irán.

Extensión aproximada de Escitia e os idiomas escitas (en laranxa) no século I a.C.

A rexión de Partia quedaba ao nordeste de Irán, coñecido sobre todo por ser a base política e cultural das Dinastías arsácidas polo que o Imperio arsácida é coñecido tamén como o Imperio parto.

O nome latino Parthia deriva do antigo persa Parthava ou Partawa, que era a designación que se daban a si mesmos os partos no seu idioma, e que significaba "dos partos".

Xeografía

editar

Partia correspóndese en liñas xerais coa metade occidental do Khorasán. Estaba limitada pola cadea montañosa Kopet Dag no norte, o que hoxe sería a fronteira entre Irán e Turkmenistán, e o deserto de Dasht-e-Kavir no sur. Limitaba con Media no oeste, Hircania no noroeste, Marxiana no nordeste e Aria no sueste.

Durante a época arsácida, Partia uniuse con Hircania, que hoxe queda en parte en Irán e en parte en Turcomenistán, como unha soa unidade administrativa, e esa rexión é polo tanto frecuentemente, segundo o contexto, considerada unha parte da propia Partia.

Historia

editar

Baixo os aqueménidas

editar

Os partos orixinalmente eran unha tribo pertencente aos escitas, que se distinguían por seren criadores de cabalos, camelos bactrianos e por seren comerciantes da Ruta da seda, co nome de parnos (parni ou aparni), e que residían no sueste do Mar Caspio. Despois de conquistar a provincia persa de Partia adoptaron o nome de partos, derivado deste lugar.

 
Darío I, O Grande, rei dos persas.

Como unha rexión habitada polos partos, Partia aparece por primeira vez como unha entidade política nas listas aqueménidas dos gobernos locais ("satrapías") baixo o seu dominio. Antes diso, os pobos da rexión parece que estiveran sometidos aos medos,[1] e textos asirios do século VII mencionan un país chamado Partakka ou Partukka (aínda que pode que non coincidira topograficamente co que logo foi Partia).[2]

De calquera maneira, un ano despois de que Ciro I derrotase ao medo Astiaxes, Partia converteuse nunha das primeiras provincias en recoñecer a Ciro como o seu gobernante, "e esta alianza asegurou os flancos orientais de Ciro e lle permitiron dirixir a primeira das súas campañas imperiais contra Sardes".[3] Segundo as fontes gregas, despois de que Darío I se fixera co trono aqueménida, os partos uníronse co rei medo Fraortes para rebelarse contra el. Histaspes, o gobernador aqueménida da provincia, conseguiu reprimir a revolta, o que parece que ocorreu contra aos anos 522 a.C. / 520 a.C.

A primeira mención irania indíxena de Partia está na inscrición de Behistún de Darío I, onde Partia está incluída entre as satrapías cerca de Drangiana. A inscrición data de ao redor do ano 520 a.C. O centro da administración "puido estar no [o que máis tarde sería coñecido como Hecatómpilo".[4] Os partos tamén aparecen na lista de pobos sometidos aos aqueménidas de Heródoto; o historiador trata aos partos, corasmianos, sogdianos e areicos como pobos dunha soa satrapía (a 16ª),[5] cuxo tributo anual ao rei di Heródoto que era de tan só 300 talentos de prata.[5] Isto "causou con razón inquietude aos modernos eruditos".[5]

Na batalla de Gaugamela, en 331 a.C., entre as forzas de Darío III e as de Alexandre Magno, unha de tales unidades partas era comandada por Fratafernes, que daquela era o gobernador aqueménida de Partia. Tras a derrota de Darío III, Fratafernes entregou o seu goberno a Alexandre cando o macedonio chegou alí no verán de 330 a.C. Fratafernes foi nomeado de novo gobernador por Alexandre.

Baixo os seléucidas

editar
 
Alexandre combate contra o rei persa Darío III na batalla de Issos.
Detalle do mosaico da Casa do Fauno de Pompeia. (Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles).
 
Moeda de Andrágoras, o último sátrapa seléucida de Partia. Proclamou a independencia de Partia ao redor do ano 250 a.C.

Despois da morte de Alexandre, na Partición de Babilonia do ano 323 a.C., Partia converteuse nunha rexión seléucida con Nicanor. Fratafernes, o anterior gobernador, converteuse en gobernador de Hircania.

En 320 a.C., no Pacto de Triparadiso, Partia reasignouse a Filipo, anterior gobernador de Sogdiana. Uns poucos anos máis tarde, a provincia foi invadida por Peitón, gobernador de Media Maior, quen intentou facer gobernador ao seu irmán Eudamo. Peitón e Eudamo foron derrotados, e Partia permaneceu como unha rexión por dereito propio.

En 316 a.C., Estasander, un vasalo de Seleuco I Nicátor e gobernador de Bactria e ao parecer tamén de Aria e Marxiana, foi nomeado gobernador de Partia. Durante os seguintes sesenta anos, varios seléucidas serían gobernadores da provincia.

En 247 a.C., despois da morte de Antíoco II Theos, Tolomeo III tomou o control da capital seléucida en Antioquía, e "desta maneira deixou o futuro da dinastía seléucida por un momento en cuestión".[6] Aproveitando a incerteza da situación política, Andrágoras, o gobernador seléucida de Partia, proclamou a súa independencia e comezou a cuñar as súas propias moedas.

"Un home chamado Arsaces, de orixe escita ou bactriana, [foi] elixido líder dos Parni",[7] uns pobos iranios orientais do val do río Taxen, ao sueste do Mar Caspio.[8] Despois da secesión de Partia con respecto ao Imperio seléucida e a consecuente perda do apoio militar seléucida, Andrágoras tivo dificultades para manter as fronteiras e, contra o ano 238 a.C., baixo o mando de "Arsaces e o seu irmán Tirídates"[9] os Parni invadiron Partia e tomaron o control de Astabene (Astawa), a rexión setentrional daquel territorio, cuxa capital administrativa era Kabuchan.[10]

Desde 250 a.C. a 238 a.C. os partos conquistaron, baixo o seu rei Arsaces, as rexións persas do Imperio dos seléucidas e renovaron desta maneira o Imperio persa.

Un pouco despois de que os parni tomaran o resto de Partia a Andrágoras, matárono no proceso. Aínda que unha inicial expedición punitiva dos seléucidas con Seleuco II non tivo éxito, os seléucidas baixo Antíoco III o Grande recuperaron o territorio controlado polos arsácidas en 209 do sucesor de Arsaces (ou Tirídates), Arsaces II. Arsaces II pediu a paz e aceptou un status de vasalo,[11] e non foi até o tempo do neto de Arsaces II (ou seu sobriño-neto) Fraates I cando os arsácidas/Parni comezarían de novo a afirmar a súa independencia.[12]

O Imperio parto

editar

Desde a súa base en Partia, os arsácidas co tempo estenderon o seu dominio até incluír nel a maior parte do Gran Irán. Incluso cando os arsácidas só esporadicamente tiveron a súa capital en Partia, a base do seu poder estaba alí, entre as familias feudais partas, de cuxo apoio militar e financeiro dependían os arsácidas. A cambio do seu apoio, estas familias recibiron amplas concesións de terra nos territorios conquistados adxacentes a Partia, que a nobreza parta entón gobernou como gobernadores provinciais. As máis grandes destas cidades-estado foron Kuchan, Semnán, Gorgan, Merv, Zabol e Yazd.

 
Imperio parto na súa máxima expansión, a finais do século I a.C.

No ano 141 a.C., con Mitrídates I como rei, os partos engadiron Mesopotamia ao seu imperio. Mitrídates foi o primeiro en ostentar o título de "Sháh an Sháh" (Rei de reis).

Con Mitrídates II (124/12388/87 a.C.) ábrese, no ano 115 a.C., a ruta da seda, recibindo unha delegación do emperador chinés Liu Che, o Guerreiro (Wu Di).

Desde ao redor do ano 105 a.C. en adiante, o poder e a influencia do grupo de familias nobres partas era tal que frecuentemente se opuxeron ao monarca e, co tempo, chegarían a ser un "factor decisivo na caída da dinastía".[13]

Desde o ano 130 a.C. en adiante, Partia sufriu numerosas incursións por varias tribos nómades, incluíndo aos sakas, os ieuchi e os masaxetas.

Cada vez, os arsácidas responderon, facéndoo incluso cando había ameazas máis severas dos seléucidas ou dos romanos, que os ameazaban nas fronteiras occidentais do seu imperio, como ocorreu con Mitrídates I).

Defender o Imperio dos nómades custoulle a vida a Fraates II e a Artabano I.[14]

 
Xinete parto, actualmente exposto no Palacio Madama de Turín.
 
Reprodución dun arqueiro parto tal como está representado na Columna de Traxano.

Pouco despois do seu primeiro encontro cos romanos, o Imperio parto convértese en rival de Roma para conseguir a hexemonía ao leste do Mediterráneo. Unha infinidade de confrontacións militares caracterizou desde entón a relación entre os dous estados.

Unha das derrotas romanas máis soadas foi seguramente a batalla de Carrhae, do ano 53 a.C., na que 20.000 soldados romanos perderon a vida e 10.000 quedaron cativos dos partos. A causa desta batalla fora a ruptura do contrato do ano 69 a.C. que recoñecía ao Éufrates como fronteira entre ambas as potencias, por parte de Marco Licinio Craso, gobernador romano da provincia de Siria.

Ao redor do ano 32 a.C. unha guerra civil estalou entre un tal Tirídates, que se rebelou contra Fraates IV, probabelmente co apoio da nobreza que Fraates perseguira previamente. A revolta foi inicialmente exitosa, pero fracasou o ano 25 a.C.[15]

No ano 20 a.C., baixo Augusto, o Imperio romano e o Parto recoñeceron de novo o Éufrates, coa cidade Dura Europos, como fronteira.

No ano 9 ou 8 a.C., a nobreza parta conseguiu poñer ao rei que prefería no trono, pero este, Vonones, demostrou ser demasiado estrito controlando o orzamento, así que o trono foi usurpado por Artabano I, quen parece que era un nobre parto non arsácida.

Pero cando Artabano intentou consolidar a súa posición, fracasou nas rexións onde os gobernantes provinciais partos prevaleceron.[16]

Houbo novos conflitos bélicos co Imperio romano baixo o mandato de Nerón (5468 d.C.).

Traxano conseguiu vitorias importantes sobre os partos, polo que recibiu o sobrenome de "Pártico", aínda que non conseguiu a aniquilación completa do territorio.

Con Adriano seguiu unha época de paz relativa aínda que xa baixo Marco Aurelio volveron a producirse enfrontamentos e os partos recuperaron os territorios perdidos.

A miúdo nas guerras cos partos demóstrase o mesmo esquema: tras unha ofensiva sorprendente que moitas veces conseguía chegar até Siria ou a Armenia, segue un contraataque romano con tropas de reforzo. Estas frecuentemente eran exitosas e conseguían reconquistar Armenia e Mesopotamia. A capital parta, Ctesifonte, tamén caeu repetidas veces.

Porén, os romanos nunca conseguiron consolidar as súas conquistas e, despois da súa retirada, restablecíase a situación inicial. Á vista das numerosas guerras, a fronteira do Éufrates mostrouse sorprendentemente estábel.

O poder militar dos partos residía sobre todo na súa cabalaría con arqueiros, a súa cabalaría pesada, os Katafraktoi ou catafractos, e os Klibanoforoi.

O fin baixo os sasánidas

editar

No século II d.C. as guerras con Roma e cos nómades, e as loitas internas entre a nobreza parta, debilitara aos arsácidas até o punto de que xa non podían defender os territorios sometidos. O imperio dividiuse conforme os vasalos comezaron a reclamar a súa independencia ou eran sometidos por outros. O ano 200 empezou un levantamento en Persia baixo Ardacher I, membro da dinastía sasánida. Os arsácidas finalmente foron derrocados polos sasánidas persas, que anteriormente eran un vasalo menor do sueste de Irán. Ardacher matou en abril de 224 ao último rei parto Artabán IV. Ardacher foi coroado rei e fundou a dinastía dos sasánidas.

Baixo o goberno sasánida, Partia foi incorporada á provincia recentemente formada, Khorasán, e por tanto deixou de existir como unha entidade política. Parte da nobreza parta seguiu resistíndose ao dominio sasánida durante algún tempo, pero a maior parte cambiaron a súa alianza cos persas moi pronto. Varias familias que reclamaban descender das familias nobres partas convertéronse nunha institución sasánida chamada as "Sete dinastías", cinco das cales son "con toda probabilidade" non partas, pero inventaron xenealoxías "para enfatizar a antigüidade das súas familias".[17]

Organización política

editar

Politicamente tratábase dun estado feudal onde se instauraron condados dinásticos. O goberno central tiña pouca importancia, mentres que o poder dos nobres si o era. A falta de autoridade sobre o Imperio por parte do rei comportou a inestabilidade no trono, e as loitas internas eran constantes. No ámbito cultural os partos eran tolerantes e estaban abertos sobre todo á cultura helenística, aínda que no comezo da nosa era empezaron a dar máis importancia á influencia irania.

Lingua e literatura

editar
Artigo principal: lingua parta.

Os partos falaban parto, un idioma iranio noroccidental relacionado co medo. Non sobrevive nada da literatura parta anterior ao período sasánida na súa forma orixinal,[18] e parece que puxeron por escrito só unha pequena parte. Os partos, porén, tiveron unha cultura oral de poetas xograres, até o extremo de que a súa palabra para xograr –gosan– sobrevive até a actualidade en moitos idiomas iranios.

Estes profesionais estaban presentes en cada faceta da vida cotiá parta, desde o berce até a sepultura, e entretiñan o mesmo aos reis que ao pobo, proclamando a riqueza dos seus mecenas a través da asociación con heroes e gobernantes míticos. Estes poemas heroicos partos, coñecidos "principalmente a través de redaccións persas e árabes do perdido Xwaday-namag en persa medio e, especialmente, a través da obra de Firdusi Shahnameh, estaban sen dúbida non perdidos por completo no Khorasán da época de Firdusi".[19]

Na propia Partia, o uso documentado de parto escrito está limitado a case 3000 ostraca encontrados (no que parece unha adega de viño) en Nisa, no que hoxe é Turkmenistán. Un feixe doutras evidencias de parto escrito se encontraron tamén fóra de Partia; a máis importante destas á a parte dun documento de venda de terra encontrado en Avroman (no que hoxe é o Curdistán Iraniano), e máis ostraca, graffiti e o fragmento dunha carta de negocios encontrada en Dura (no que hoxe é Siria).

Os arsácidas partos non parece que usaran o parto até relativamente tarde, e a linguaxe aparece por primeira vez en moedas arsácidas durante o reinado de Vologases I (51 - 58).[20] A evidencia de que o uso do parto foi de todos modos amplo vén dos primeiros tempos sasánidas; as declaracións dos primeiros reis persas foron —ademais do seu persa medio nativo— tamén inscritas en parto.

Sociedade

editar
 
Gárgola parta, séculos I - II.

As cidades estado de "certo tamaño considerábel" existían xa en Partia tan cedo como no I milenio a.C., "e non só desde a época dos aqueménidas ou os seléucidas".[21]

Porén, na súa maior parte, a sociedade era rural, e estaba dominada por grandes terratenentes con gran número de servos, escravos e outra man de obra contratada á súa disposición.[21]

Tamén existían comunidades con campesiños libres.

Na época arsácida, a sociedade parta estaba dividida en catro clases de homes libres. No alto estaban os reis e os membros achegados da súa familia. Seguíanos os nobres menores e o sacerdocio xeral, á súa vez seguidos pola clase mercantil e os funcionarios de rango menor, estando os granxeiros e os gandeiros na base.

Pouco se sabe da economía parta, pero a agricultura debeu de ter o máis importante papel nela. O comercio significativo ocorreu por primeira vez co establecimiento da ruta da seda, en 114, cando Hecatómpilos se converteu nun importante cruzamento de camiños.

  1. Diakonoff, I. M. (1985): "Media I: The Medes and their Neighbours", in Gershevitch, Ilya, Cambridge History of Iran, 2. Cambridge University Press, páx. 127.
  2. Diakonoff, Op. cit. páx. 104.
  3. Mallowan, Max (1985): "Cyrus the Great", in Gershevitch, Ilya, Cambridge History of Iran, 2, Cambridge University Press, páx. 406.
  4. Cook, J. M. (1985): "The Rise of the Achaemenids and Establishment of their Empire", in Gershevitch, Ilya, Cambridge History of Iran, 2, Cambridge University Press, páxs. 200-291.
  5. 5,0 5,1 5,2 Cook, Op. cit., páx. 252.
  6. Bivar, A. D. H. (2003): "Pre-Islamic History", Encyclopaedia Iranica, 11, New York: Iranica.
  7. Bivar, A.D.H. (1983), "The Political History of Iran under the Arsacids", in Yarshater, Ehsan, Cambridge History of Iran, 3.1, London: Cambridge Umiversity Press.
  8. Lecoq, Pierre (1987): "Aparna"", Encyclopaedia Iranica, 2, New York: Routledge & Kegan Paul, páx. 151.
  9. Bivar, Op. cit., páx. 29.
  10. Bickerman, Elias J. (1983): "The Seleucid Period", in Yarshater, Ehsan, Cambridge History of Iran, 3.1, Cambridge University Press, páx. 19.
  11. Bivar, Op. cit. páx. 29.
  12. Bivar, Op. cit., páx. 31.
  13. Schippmann, Klaus (1987): "Arsacids II: The Arsacid Dynasty", Encyclopaedia Iranica, 2, New York: Routledge & Kegan Paul, páx. 527.
  14. Schippmann, Op. cit., páx. 527.
  15. Schippmann, Op. cit., páx. 528.
  16. Schippmann, Op. cit., páx. 529.
  17. Lukonin, Vladimir G. (1983): "Political, Social and Administrative Institutions", in Yarshater, Ehsan, Cambridge History of Iran, 3.2, Cambridge University Press, páx. 704.
  18. Boyce, Mary (1983): "Parthian writings and literature", in Yarshater, Ehsan, Cambridge History of Iran, 3.2, Cambridge University Press, páx. 1151.
  19. Boyce, Op. cit., páx. 1157.
  20. Boyce, Op. cit., páx. 1153.
  21. 21,0 21,1 Schippmann, Op. cit. páx. 532.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bickerman, Elias J. (1983): "The Seleucid Period" in Cambridge History of Iran volume 3.1. Cambridge University Press. Ed. Ehsen Yarshater, páxs. 3-20.
  • Bivar, A. D. H. (1983): "The Political History of Iran under the Arsacids" in Cambridge History of Iran volume 3.1. Cambridge Unuiversity Press. Ed. Ehsen Yarshater, páxs. 21-99.
  • Bivar, A. D. H. (2003): "Pre-Islamic History" in Encyclopaedia Iranica, volume 11, Nova York: Iranica.
  • Boyce, Mary (1983): "Parthian writings and literature" in Cambridge History of Iran, volume 3.2. Cambridge University Press. Ed. Ehsan Yarshater, páxs. 1151-1165.
  • Cook, J. M. (1985): "The Rise of the Achaemenids and Establishment of their Empire" in Cambridge History of Iran, volume 2. Cambridge University Press. Ed. Ilya Gershevitch, páxs. 200-291.
  • Diakonoff, I. M. (1985): ""Media I: The Medes and their Neighbours" in Cambridge History of Iran, volume 2. Cambridge University Press. Ed. Ilya Gershevitch, páxs. 36-148.
  • Lecoq, Pierre (1987): "Aparna" in Encyclopaedia Iranica, volume 2. Nova York: Routledge & Kegan Paul, páx. 151.
  • Lukonin, Vladimir G. (1983): "Political, Social and Administrative Institutions" in Cambridge History of Iran, volume 3.2. Cambridge University Press. Ed. Ehsan Yarshater, páxs. 681-747.
  • Mallowan, Max (1985): "Cyrus the Great" in Cambridge History of Iran, volume 2. Cambridge University Press. Ed. Ilya Gershevitch, páxs. 392-419.
  • Schippmann, Klaus (1987): "Arsacids II: The Arsacid Dynasty" in Encyclopaedia Iranica, volume 2. Nova York: Routledge & Kegan Paul, páxs. 525-536.
  • Yarshater, Ehsan (2006): "Iran ii. Iranian History: An Overview" in Encyclopaedia Iranica, volume 13. Nova York: Iranica.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar