Igrexa de Stenkumla

A igrexa de Stenkumla (sueco: Stenkumla kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Stenkumla, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby. Na idade media a igrexa estaba dedicada a San Lourenzo.[1]

Igrexa de Stenkumla
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónStenkumla
Coordenadas57°32′52″N 18°16′07″L / 57.54773, 18.26852Coordenadas: 57°32′52″N 18°16′07″L / 57.54773, 18.26852
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

Historia e arquitectura editar

A parte máis antiga da igrexa é a torre, que foi construída a comezos do século XIII. Orixinalmente estivo unida a unha igrexa románica do século XII, pero esta foi substituída polo presente edificio en distintas etapas. O coro é de mediados do século XIII, mentres que a nave foi construída a comezos do XIV. Dende a idade media a igrexa permaneceu case inalterada.[2]

A nave case cadrada está soportada por un único píar central. As paredes están decoradas con frescos do século XV, realizados polo artista coñecido como Passionsmästaren. Un conxunto de frescos representa a Paixón de Cristo e outro varias santas, que probablemente son Santa Bríxida, Santa Sabela, Santa Bárbara, Santa Catarina e Santa Margarida. As fiestras da nave e do coro teñen fragmentos das vidreiras orixinais. No coro hai outro conxunto de frescos, que datan do século XIII. Representan a San Lourenzo, San Pedro, San Bertomeu e San Paulo. O coro tamén ten un tabernáculo de madeira do século XIV.

Baixo o arco do presbiterio entre o coro e a nave hai unha cruz triunfal do século XII. Foi descrita como a mellor peza de arte da igrexa e fíxose para o anterior edificio románico. Representa a Cristo cravado na cruz só a través das súas mans; os pés colgan libres e de feito están cubertos con zapatos. O resto do mobiliario é de despois da Reforma, como o retablo de arenita, feito en 1681. O púlpito é de mediados do século XVII e a pía bautismal do século XVIII. A igrexa tamén ten dúas pedras rúnicas do século XI.[1][2]

No seu cemiterio atópase a tumba de Konrad Petterson Lundqvist Tector, un ladrón e asasino que foi decapitado no exterior da igrexa o 18 de maio de 1876.[1]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Stenkumla kyrka". Svenska Kyrkan. Consultado o 24 de xullo de 2018. 
  2. 2,0 2,1 Jacobsson, Britta; Johansson, Eva; Johansson, Per; Andersson, Rolf (1990). Våra kyrkor. Västervik: Klarkullens förlag AB. p. 682. ISBN 91-971561-08.