Mosteiro de San Pedro de Tenorio

mosteiro na parroquia de Tenorio, Cerdedo-Cotobade
(Redirección desde «Igrexa de San Pedro de Tenorio»)

O mosteiro de San Pedro de Tenorio é un mosteiro medieval situado na parroquia de Tenorio, no concello de Cerdedo-Cotobade.

Mosteiro de San Pedro de Tenorio
Vista xeral do mosteiro e a igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónTenorio (Cerdedo-Cotobade)
Coordenadas42°27′59″N 8°33′12″O / 42.46638889, -8.55333333
Estiloarquitectura barroca
editar datos en Wikidata ]
Portada da igrexa.
Claustro do mosteiro.

Historia

editar

Algúns autores sitúan a súa primeira fundación no século X, e xa no ano 1073 figuraba un abade de Tenorio confirmando un documento de Lérez.

A finais do século XV, despois de que Pedro Madruga mudase ó abade por un monxe do mosteiro de Lérez, o mosteiro foi abandonado polos monxes, que non acataron o nomeamento. Posteriormente foi usado como reduto defensivo polos guerrilleiros durante a Guerra da Independencia, e acabou destruído ó ser incendiado polo exército francés. O abandono definitivo tivo lugar despois da desamortización de Mendizábal.

Arquitectura

editar

Da antiga fábrica románica do mosteiro da orde beneditina só se conserva a esquina suroeste da igrexa, e outras pezas como o Agnus Dei e un rosetón na fachada, actualmente un óculo (elementos do románico tardío ou de transición ao gótico). Ángel del Castillo tamén sinala a existencia dunha inscrición do século XIII que na actualidade resulta ilexible.[1]

Conta cunha igrexa barroca de século XVIII, construída sobre outra anterior probablemente románica a xulgar pola estrutura da bóveda e a forma dalgunhas ventás tapiadas. Probablemente a igrexa primitiva pertencese ao primitivo mosteiro fundado polos beneditinos. Hoxe non se conservan nin unha nin o outro, non obstante o conxunto é fermoso non só pola súa arquitectura senón tamén pola prácida paraxe en que está situado.

O altar maior, de 1702, ten un retablo policromado coas imaxes de San Pedro, a Inmaculada e Cristo Rei. Foi deseñado posiblemente por Domingo Rodríguez de Pazos. Á dereita da nave hai un altar coa Sagrada Familia e a Virxe do Carme. Tamén hai un altar adicado a Santo Antón e outro a San Cristóbal. No lado esquerdo hai un púlpito, a Virxe do Rosario co Neno, unha figura de San Roque, e a Virxe das Dores coas Ánimas do Purgatorio.

A fachada ten unha porta con lintel, baixo unha cruz con rosetón.

O claustro do mosteiro é do século XVI, ten dúas alturas e tres ás que recordan ás de Lérez. De planta rectangular, é de estilo barroco clásico composto por arcos semicirculares que se apoian en columnas exentas sobre un podio corrido.

No adro hai un cruceiro con base de tres chanzos. O fuste é estriado, e no capitel están nun lado a Virxe e o Neno, e no outro Cristo crucificado.

Preto do lugar atópanse restos dunha fortaleza medieval.

  1. Ángel del Castillo, Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, papeleta nº 666, páx 599.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Bango Torviso, Isidro Gonzalo (1979). Arquitectura románica en Pontevedra. páx 210, Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-300-0847-0. 
  • Ponce Couce, Leandro; Sánchez Garcia, Jesús A. (1998). Galicia, Guía do Patrimonio Arquitectónico. páx 360, Oleiros, Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-50-1. 

Outros artigos

editar