Igrexa de San Martiño de Sobrán

templo parroquial de Sobrán, Vilagarcía de Arousa

A igrexa de San Martiño de Sobrán é a igrexa parroquial de Sobrán, no concello de Vilagarcía de Arousa. De orixe medieval chegou ata os nosos días en bastante bo estado de conservación, conservando boa parte da fábrica románica.

Igrexa de San Martiño de Sobrán
Fachada
PaísEspaña
LocalizaciónSobrán (Vilagarcía de Arousa)
Coordenadas42°35′08″N 8°47′13″O / 42.58552778, -8.78705556Coordenadas: 42°35′08″N 8°47′13″O / 42.58552778, -8.78705556
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseArquidiocese de Santiago
Arquitectura
EstiloRománico
Localización de Igrexa de San Martiño de Sobrán en Galicia
Igrexa de San Martiño de Sobrán
Localización.
editar datos en Wikidata ]

Historia editar

 
Sepulcro medieval.

Segundo relata Hipólito de Sá tense noticia da existencia dun mosteiro de Sobrán por unha doazón que da igrexa fixo ao convento de San Paio de Antealtares o conde Raimundo de Borgoña xunto coa súa esposa dona Urraca o 28 de marzo de 1098, mosteiro patrimonial e dúplice. Descoñécese a que documento fai referencia o autor.

Na Historia Compostelá[1] recóllese como no ano 1114 xa era só unha igrexa que foi doada á catedral de Santiago por Ramiro Muñoz. Outros documentos veñen a corroborar a existencia do templo como igrexa regular, conservados na Colección de documentos do mosteiro da Armenteira. Unha venda de Arias Salvadorez a Armenteira en 1235, outra venda en xullo de 1245, outra en xaneiro de 1252 e outra en abril de 1254.[2]

Pertenceron á diocese de Iria Flavia, pasando á compostelá. Pasado un tempo, estas terras de Sobrán pasarían por aforamento da mitra compostelá, á casa dos Soutomaior.

Descrición editar

 
Porta occidental.
 
Fachada meridional.

Trátase dunha igrexa dunha soa nave e ábsida semicircular. Pode datarse a súa construción nunha data próxima e non posterior ao ano 1170 para o testeiro e posteriores os beirís da nave.

Exterior editar

A fachada occidental divídese verticalmente por dous contrafortes en tres rúas, e horizontalmente en catro corpos divididos por tres impostas.

No centro ábrese unha porta de arco semicircular e tímpano liso apoiado sobre batente derruído. Ten chambrana de cinco liñas de tacos, as arquivoltas de media cana entre baquetóns que se apoian en columnas de bases e capiteis entregos e fustes monolíticos[3] acaroados. As bases son de perfil ático con garras. O plinto presentan as caras con decoracións moi desgastadas. Os capiteis exteriores decóranse con motivos vexetais, follas curtas con pomas e sobre elas calículos en espiral. Os capiteis interiores non se conservan. O ábaco con chafrán recto decórase con vexetación sinuosa e trevos, que continua pola fachada ata os contrafortes.

Enriba da porta un tornachoivas con tellas de cubrir en caveto sostido por canzorros en proa. No corpo superior unha ventá con arquivoltas tóricas, o tímpano e chambrana son da mesma tipoloxía que as da porta. As arquivoltas apóianse en dous pares de columnas entregas.

O campanario é de feitura posterior.

A fachada meridional queda enmarcada nos seus extremos polos muros transversais da fachada occidental e o muro testeiro[4], que sobresaen a modo de contrafortes.

Divídese en tres panos por medio de dous contrafortes centrais, que foron engrosados ao longo dos anos. No primeiro pano cara a occidente ábrese unha ventá con chambrana de rombos e arquivolta tórica que se apoia sobre un par de columnas de capiteis e bases entregos. Os capiteis decóranse con follas en espiral. O plinto é dunha base con tres fiadas de tacos. No pano central ábrese unha porta con arco de medio punto, con arquivolta de media cana e touro apoiado sobre un par de columnas. Os capiteis decóranse con entrelazos de vástagos que saen das bocas dunhas cabezas de lobo.

 
Pano e ventá da fachada setentrional.

O tímpano liso apóiase sobre mochetas. A porta tiña chambrana de cinco fiadas de tacos, hoxe en día practicamente desaparecida. No terceiro pano ábrese unha ventá de arquivolta semicircular moi arruinada e capiteis historiados, o dereito de contido indescritible debido ao seu mal estado de conservación, e o esquerdo representando quizais dous monos coas extremidades superiores agarradas entre si. O beiril é de cornixas en caveto e canzorros en proa.

A fachada setentrional presenta unha estrutura e decoración similares ás da meridional. No tramo central un dos capiteis da porta presenta un cuadrúpede decapitado.

 
Detalle da ábsida, capitel e canzorros.

A ábsida únese á nave por medio dun anco que sobresae a modo de contraforte. Configúrase cun tramo recto limitado por un machón rectangular e o hemiciclo dividido en cinco panos por medio de catro columnas entregas. Nos tres panos centrais ábrense unha ventá con arco de medio punto con chambrana de billetes, arquivolta de media cana entre listeis e bocel apoiado sobre un par de columnas.

 
Ábsida.

Os capiteis presentan diversos motivos decorativos: monos enfrontados, aves apicadas, cuadrúpedes enfrontados coas cabezas mirando cara a abaixo, un capitel con tres volutas e un medio roto. As ventás apóianse sobre unha imposta de billetes.

As columnas con fustes de 13 semitambores apoiados sobre podios e bases de perfil ático con garras. Os capiteis historiados cos seguintes temas: dous monos xuntos de costas collen polas patas sendas aves, un capitel de cesta lisa con volutas, outro con dúas aves de longo pescozo coas testas enfrontadas para picar a un cuadrúpede indefinido, e unha figura antropomórfica vestido ata os xeonllos dobrando o brazo sobre o peito semellando estar a tirar dun cabalo.[5]

 
Beiril de tellas de cubrir da ábsida.

O beiril é de tellas de cubrir en caveto e canzorros historiados: cabeza de bóvido, de dous lóbulos, figura antropomórfica que sostén un vulto sobre os xeonllos coas mans, folla en espiral, ave collendo un baquetón, canzorro de rizos, felino coas patas apoiadas na nacela, un liso, un personaxe que de xeonllos na curva da nacela saca a súa cabeza entre as pernas amosando o membro viril. outro de dous lóbulos e unha cabeza. Nun perpiaño do pano central gravadas as letras gregas Alfa e Omega

Na nave e mais no cemiterio apareceron sartegos antropoides e moedas dos reis visigodos Égica e Vitiza, achados que puideron ser descubertos cando se acometeron unhas obras entre 1874 e 1880, estando de crego Vicente María Tettamanzi. Estas obras consistiron na construción dunha escaleira de perpiaño que dá entrada ao adro do camposanto, unha parede que separa o adro da rúa e outra que deslinda o camposanto co adro.

Na obra Legado Histórico de Fermín Bouza-Brey, de Marcelino Abuín, comenta os indicios da presenza sueva onde aparecen algunhas novas de achados arqueolóxicos nesta freguesía, novas recollidas no xornal El Porvenir de Santiago de Compostela, no ano 1876. Abuín expón o contido destes achados no seu libro: No adro cemiterio da igrexa parroquial, a máis de dous metros de profundidade... descubriuse casualmente ao abri-los cimentos para construír unha capela unida ao hastial do norte, un antigo cemiterio. Sete foron polo menos as sepulturas descubertas só na profunda gabia aberta para a devandita obra e, ademais, indicios das moitas que existiron primitivamente naquel chan. Na súa maior parte compoñíanse de grandes lastras de máis de tres metros de alto, que formaban a maneira dunha caixa máis ancha na cabeceira que nos pés e cun fondo que estaba revestido de grandes ladrillos e nalgunhas tamén de baldosas. Había algunhas que tiñan as paredes laterais formadas de ladrillos, unha atopábase escavada na rocha ata a terceira parte da súa altura. Varios foron os ladrillos enteiros que, uns de barro e outros de cal, se sacaron, e todos eran notables polas súas dimensións. Habíaos cadrados de máis dun pé de lado e rectangulares de dúas cuartas e media de longo e unha de largo e tres polgadas de espesor. Nalgunhas das sepulturas foron depositados varios cadáveres. Débese nota-lo tamaño dos ósos extraídos, así como o espesor dos cranios, que nalgúns chegaba a catro liñas. Ao nivel dos sepulcros tamén se descubriu un pequeno arco de perpiaño curvado por un lado e cuberto no seu interior de terra negra, que parecía cinza descomposta; a pouca distancia encontrouse unha capa de muíño de man.

Interior editar

 
Vista do coro desde a Capela Maior.

A nave editar

Cóbrese con bóveda de canón, con perpiaño ata a metade e o resto de cascallo. A bóveda apoiase en dous arcos faxóns de aresta baquetoneada, sobre columnas con bases de perfil ático, fustes de semitambores e capiteis vexetais, de follas carnosas e nervadas e follas picudas con pomas e sen elas. Os ábacos en caveto liso.

En cada tramo do muro norte ábrense unha ventá con arco de medio punto, cunha seteira de aresta, outra tetralobulada con tacos e dentes de serra.

 
Ventá do muro norte.

O muro sur presenta dúas ventás cada unha no seu extremo e que comparten unha mesma tipoloxía estrutural, de arquivolta tórica con capiteis lisos.

Ao pé da igrexa unha grande escaleira serve de acceso á moderna tribuna e a torre. Tamén no pé da igrexa, no muro occidental ábrese unha ventá con arco semicirculares de similar tipoloxía que as dos muros laterais e por riba dela un rosetón.

Baixo todas estas ventás rodea toda a nave unha imposta de billetes.

No interior consérvase o sepulcro de estatua xacente de don Juan Mariño Soutomaior, obra do século XV.

Testeiro editar

 
Capela maior.
 
Capitel do arco triunfal.

O tramo recto cóbrese con bóveda de canón é o hemiciclo con bóveda de forno. Ambas presentan un enlucido.

O arco triunfal é de medio punto dobrado e en aresta viva. No tramo recto da Capela Maior e paralelo ao arco triunfal un arco faxón coa mesma tipoloxía. Apóiase o triunfal sobre columnas entregas e o faixón sobre columnas acaroadas. As entregas de basas áticas con garras, fustes de once semitambores e capiteis un con follas e pomas e o outro representa dous cuadrúpedes ameazando a unha figura cun vestido longo situado na cara dereita. As bases das columnas acaroadas son de perfil ático co plinto redondeado, o fuste componse de dúas pezas separadas por un anel. Os capiteis o meridional decorado con follas grandes e estreitas con pomas e unha figura humana a carón do muro, e o setentrional tres facianas tocadas cunha especie de bonete e aos lados dúas figuriñas vestidas ata os nocelos e os brazos cruzados.

 
Ventá da ábsida polo exterior.

A media altura dos fustes corre por todo o hemiciclo unha imposta de billetes. No centro do hemiciclo ábrense tres ventás con arco de medio punto coa aresta baquetoneada e con columnas de capiteis con motivos vexetais moi deteriorados. As seteiras teñen derramo interno.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Líber I, carp. C. 4, páx 188.
  2. Arquivo Histórico Nacional, cartafol 1753 (documento 20), 1755 (documento 18), 1759 (documentos 2 e 19).
  3. Dunha soa peza.
  4. O muro co que remata a nave cara o leste, cara a ábsida da cabeceira, e onde se abre no interior o arco triunfal.
  5. Esta figura é similar a unha representada na basílica de San Martiño de Mondoñedo.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar