Igrexa de Barlingbo

igrexa de Suecia

A igrexa de Barlingbo (sueco: Barlingbo kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Barlingbo, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.

Igrexa de Barlingbo
Datos xerais
PaísSuecia Suecia
RexiónGotland
LocalizaciónBarlingbo
Coordenadas57°33′52″N 18°27′47″L / 57.56452778, 18.46308333Coordenadas: 57°33′52″N 18°27′47″L / 57.56452778, 18.46308333
Culto
CultoIgrexa de Suecia
DioceseDiocese de Visby
editar datos en Wikidata ]

Historia e arquitectura editar

A presente igrexa foi rematada ao redor do ano 1280. Porén, estivo precedida por outra igrexa, das cales se atoparon os cimentos baixo o chan da actual. As partes máis antigas do edificio son o coro e a ábsida.[1] Estas partes foron datadas no 1225.[2] Posteriormente construíuse a nave e por último a torre. En conxunto toda a igrexa data do século XIII.[1]

A igrexa ten tres portais, dous dos cales son de estilo gótico e o outro, o máis antigo, de estilo románico. O máis grande dos portais góticos semella ter sido insertado despois de que se construísen os muros, xa que é obviamente moi grande para a fachada e as paredes fixéronse máis grosas ao seu redor para acomodalo.[1] Este portal data de ao redor do ano 1300.[2] Na fachada occidental da torre hai un rosetón. Tamén hai fiestras góticas con vidreiras de ao redor de 1280 na ábsida e na fachada sur.[1]

No interior, a igrexa de Barlingbo está dividida por bóvedas en tres seccións lonxitudinalmente. É unha igrexa dunha soa nave. O seu plan interpretouse como unha influencia da arquitectura cisterciense.[3] As paredes están decoradas con frescos de distintas épocas. Os máis vellos son varios triángulos grises e cruces soamente decorativos, probablemente do primeiro período de construción da igrexa. Un conxunto de frescos máis monumental pero tamén puramente decorativo na nave e ao redor da fiestra oriental da ábsida datan de ao redor de 1280. Tamén hai frescos do século XIV na ábsida, que representan seis apóstolos e son de aparencia única en Gotland.[1]

Entre o mobiliario, o altar medieval (que probablemente chegou a albergar unha reliquia) ten unha parte superior barroca do ano 1683 e co monograma do rei Carlos XI de Suecia. A cruz triunfal é de ao redor de 1240. Quizais o obxecto menos común da igrexa sexa a pía bautismal, que data da segunda metade do século XII e está ricamente decorada con figuras talladas. Amosa figuras da Biblia e símbolos dos evanxelistas. Algunhas das figuras tamén están marcadas con runas.[1][3] A pía, tallada a partir dun único bloque de pedra calcárea, non pode compararse con ningunha outra pía de Gotland. O historiador de arte Johnny Roosval considerouna unha das mellores obras de arte da época medieval en Suecia.[3] Na pía atopounse influencia da arte inglesa da época.[2] No coro son visibles algunhas lápidas dos séculos XIII e XIV, e o púlpito, do ano 1673, foi colocado nun altar medieval lateral. Os bancos e a cuberta do órgano son do século XIX. Unha das campás da igrexa é de ao redor de 1440 e ten inscricións que evocan a Cristo, María e San Dionisio; crese que este foi o patrón da igrexa na súa época católica.[1]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Lagerlöf, Erland (1973). Rabén & Sjögren, ed. Gotlands kyrkor. Uddevalla. pp. 100–102. ISBN 9129410355. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Svenska Kyrkan (ed.). "Barlingbo kyrka". Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2018. Consultado o 11 de abril de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Riksantikvarieämbetet (ed.). "Barlingbo socken" (PDF). Consultado o 11 de abril de 2018.