Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais

asociación numismática
(Redirección desde «IAPN»)

A Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais (AINP), coñecida tamén polas siglas IAPN (do inglés International Association of Professional Numismatists), é unha organización internacional sen ánimo de lucro fundada en 1951 que agrupa as principais empresas de numismática do mundo. O seu principal obxectivo é o desenvolvemento dun comercio numismático acorde aos estándares máis estritos de ética empresarial e comercial.[1][2]

Asociación Internacional de Numismáticos Profesionais
AcrónimoIAPN e AINP
Tipoasociación internacional
Campo de traballonumismática
Área de operaciónInternacional
Data de fundación12 de maio de 1951
Fundador(es)Leonard Forrer
Na rede
https://www.iapn-coins.org/ e https://iapn-coins.org
editar datos en Wikidata ]

Na procura do obxectivo de estimular a investigación numismática, a asociación publicou ou colaborou na publicación dun bo número de monografías acerca de temas relacionados.[3]

Historia editar

A AINP formalizouse durante un encontro mantido en Xenebra en 1951, ao que asistiron como invitados os responsables das empresas máis salientables do sector, que se constituíron como os 28 membros fundadores da asociación. Á parte do establecemento dunha deontoloxía profesional no comercio numismático, perseguíase tamén o estímulo da investigación con criterios científicos e a difusión do coñecemento numismático, así como a creación de relacións duradeiras e amigables entre os numismáticos profesionais de todo o mundo.[4]

Funcionamento editar

Afiliación editar

A afiliación non é persoal, senón que son as empresas as que constitúen a asociación, así como os departamentos ou gabinetes numismáticos de diversas institución e outras entidades, ata alcanzar máis de 110 membros situados nos cinco continentes e en máis dunha vintena de países.

O proceso de afiliación non é doado. Os solicitantes teñen que ser patrocinados por tres membros e o proceso a partir da solicitude adoita ser longo. Para ser admitido cómpre, ademais, estar establecido no comercio numismático durante polo menos catro anos, e o comité de selección debe ter probas suficientes de que durante ese tempo a entidade desenvolveu as súas actividades con rigor e ética, así como do seu coñecemento xeral da numismática e da experiencia en diversos campos desa disciplina.[4]

Os membros españois da AINP (ningún deles galego) son os seguintes en 2019:[5]

  • Jesús Vico, SA (Madrid). Vicepresidente segundo da AINP.[6]
  • Cayón - Jano, SL (Madrid).
  • Segarra Numismática (Madrid).
  • Áureo & Calicó, SL (Barcelona).
  • Martí Hervera (Barcelona).

Estrutura editar

A asemblea xeral é o órgano supremo da asociación e convócase anualmente, normalmente en cada ocasión nun país diferente.[7][8][9]

O comité executivo compóñeno de doce a quince persoas procedentes de polo menos seis países diferentes e inclúe o presidente, dous vicepresidentes (un procedente de cada hemisferio), o secretario xeral e o tesoureiro. Hai diversas subcomisións para se encargar de asuntos como a afiliación, a resolución de conflitos, as publicacións, os labores contra a falsificación, o establecemento dun calendario internacional de poxas ou as relacións públicas.[6]

Loita contra a falsificación editar

En 1965 a AINP organizou un congreso internacional en París centrado no estudo e na loita contra a falsificación de moedas, e en 1975 a asociación estabeleceu a Axencia Internacional para a Supresión da Falsificación de Moedas Moedas (IBSCC, da denominación en inglés International Bureau for the Suppression of Counterfeit Coins), que mantén contactos con casas de moeda, forzas policiais, museos e coleccionistas para a elaboración de informes especializados na falsificación. A partir de xaneiro de 1997, toda a información e as fortografías das novas falsificacións detectadas están dispoñibles en liña, así como a publicación Counterfeit Coin Bulletin ("Boletín da Moeda Falsificada"), unicamente accesibles para os membros da asociación.[10]

Ademais, as entidades da AINP teñen como condición para a súa afiliación garantiren a autenticidade de todas as moedas e medallas coas que comercien.[4]

Premios editar

Medalla de Honra da AINP editar

A Medalla da Honra da asociación estableceuse en 1963 en memoria do seu primeiro presidente, Leonard Forrer. O presidente outórgalla ás persoas que se distinguiron polos seus servizos prestados á asociación, como recoñecemento ao seu labor.[4]

Premio literario da AINP editar

Como medida de apoio e estímulo á publicación de monografías de interese científico sobre numismática, a asociación estableceu en 1982 un premio que se lle concede á que considere como a mellor publicación do ano, consistente nunha medalla, un diploma e unha contía económica. Para tal efecto, as candidaturas débenselle presentar ao comité de publicacións polo menos 90 días ante da celebración da asemblea xeral do ano correspondente.[11]

Estes son os numismáticos galardoados desde a fundación do premio:[11]

Publicacións editar

Ao longo da súa historia, a AINP sacou á luz diversas publicacións (á parte da xa citada, de carácter periódico, Counterfeit Coin Bulletin), entre elas as actas de varias edicións do Congreso Internacional de Numismática, organizados polo Consello Internacional de Numismática, organización coa que tamén colabora no proxecto Survey of Numismatic Research. A seguir, algunhas destas publicacións:[13]

  • (1967): First international congress for the study of and the defence against coin forgery, Paris, 1965: analytical report.
  • (1974): O'Hara, M. Some forgeries of Byzantine gold coins from the "Beirut" and other "Schools".
  • (1975): Probszt, G.; Cahn, E. Die Münzen Salzburgs. ISBN 9783201009454
  • (1976): Actes du 8ème congrès international de numismatique. New York - Washington, Septembre 1973.
  • (1976): Spahr, R. Le monete Siciliane. 1: dai Bizantini a Carlo i d'Andiò (582-1282).
  • (1982): Spahr, R. Le monete Siciliane. 2: dagli Aragonesi ai Borboni (1282-1836).
  • (1982): Actes du 9ème congrès international de numismatique. Berne, Septembre 1979.
  • (1986): Numismatics: witness to history. Articles by members of the IAPN to commemorate its 35th anniversary.
  • (1986): Lowick, N. Islamic Near and Middle East.
  • (1989): Actes du 10ème congrès international de numismatique. Londres, Septembre 1986.

Notas editar

  1. "International Association of Professional Numismatists – IAPN". En Coin Week.
  2. "International Association of Professional Numismatists (IAPN)". Union of International Associations.
  3. "Association Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "History Arquivado 14 de setembro de 2022 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  5. "Members Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  6. 6,0 6,1 "President and Committee Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine.", No sitio web de IAPN-AINP.
  7. "International Association of Professional Numismatists members gather in New Orleans". En Coin World. 27 de agosto de 2015.
  8. "I.A.P.N. Annual Conference 2017 in Lucerne". En Coins Weekly. 9 de agosto de 2018.
  9. "IAPN Congress 2018 in Prague Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". En Coins Weekly. 9 de agosto de 2018.
  10. "IBSCC Rules Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  11. 11,0 11,1 "IAPN-Book Prize Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine.". No sitio web de IAPN-AINP.
  12. 12,0 12,1 "IAPN Book Prizes for 2021 and 2022". En Coins Weekly. 30 de xuño de 2022.
  13. Publicacións de International Association of Professional Numismatists en WorldCat.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar