Abrir o menú principal

O humor gráfico é un xeito de expresión que ten como elemento básico a imaxe. Ás veces aparece a imaxe só, pero tamén pode levar un pequeno texto. Compaxina habitualmente dúas finalidades: conseguir o sorriso ou crear unha boa disposición de ánimo en quen o mira e a de satirizar persoas, comportamentos, situacións sociais...

O modelo máis habitual é o chiste gráfico, unha viñeta con imaxe e con ou sen texto; tamén poden aparecer varias viñetas seguidas que forman unha tira humorística.

A súa temática é moi variada e vai dende a simple caricatura que provoca o sorriso a reproducir ou recrear situacións e personaxes da vida deportiva, política e cultural dun país co fin de satirizar.

En tódolos xornais hai un espazo reservado para o humor gráfico; foron precisamente estes os que favoreceron a grande popularidade que ten. Os xornais acostuman a ter algún humorista que ilustra determinadas noticias, mesmo as máis importantes; nalgúns casos inclúese na sección de Colaboracións co mesmo nivel ca unha columna de opinión.

A linguaxe humorística utiliza diferentes recursos gráficos e lingüísticos:

  • A caricatura de persoas, especie de retrato que esaxera por defecto ou exceso algún trazo característico da expresión dos personaxes e en que se elimina todo o innecesario para fixar esa imaxe.
  • A ironía: dicir nun ton serio algo de carácter burlesco.
  • A polisemia: Empregar palabras que poidan ter varios significados.
  • Equívocos na segmentación de palabras.
  • Cambios na orde de palabras.