Historia de Kíiv

(Redirección desde «Historia urbana de Kiev»)

A historia urbana de Kíiv, a "Nai das cidades rusas", ten unha lenda por orixe, a do pobo de Ki, líder mítico dos eslavos do leste que a fundaría no ano 482 nun outeiro que domina a chaira do Dniéper. Historicamente, hai constancia de asentamentos eslavos dispersos nesa área dende o século VI e, tamén, de fortificacións erixidas no século VIII sobor dun asentamento eslavo aparentemente abandonado algunhas décadas antes [1]. Semella, segundo a Crónica de Néstor, que polo menos nos séculos VIII e IX Kíiv era un pequeno posto de fronteira (non máis dunha hectárea) posiblemente eslavo pero tributario dos xázaros. Atopouse un templo sacrificial sobor dun podio de pedra (Kapysce [2]). O conxunto no outeiro era chamado Sambat (Самбат, un primeiro nome da vila [3]).

Rus de Kíiv editar

No 882 (920 para algúns autores) os varegos conquistaron a posición establecendo nela a capital do seu dominio proveniente do norte (Novgorod). Nacía así o Rus de Kíiv e con el o comezo dun organismo proto-urbano no lugar (duns centos de habitantes a uns miles en sete décadas).

A expansión do asentamento é inmediata e dispersa (polas características topográficas e a división social): noutro outeiro ao norte semella asentárse unha elite escandinava e na chaira á beira do río (o Podil) aparece o poboamento eslavo. O outeiro do primitivo poboado fortifícase e arrodéase dun foxo (aínda só unhas 2Ha). Nel aparecen as primeiras edificacións en pedra (un pazo principesco sinaladamente) [4][5].

A Idade de Ouro da capital do principado editar

Con Vladimiro I no final do século X e baseada na puxanza económica da ruta comercial entre o Báltico e Constantinopla, Kíiv comeza a época do seu esplendor coma principal cidade do medievo no leste europeo. O centro da vila no outeiro primitivo expándese considerablemente (a "Cidade de Vladimiro", 10Ha [6]) e arrodéase de novas murallas [7]. Máis construcións en pedra e ladrillo son erixidas e, trala conversión ao cristianismo do gran príncipe no 986 (e con el a poboación en masa nas augas do Dniéper), unha grande igrexa de estilo bizantino, a da Dormición da Virxe (ou dos Décimos, 996 [8]), primeira dunha morea de templos e mosteiros nos séculos seguintes. Preto dela, dous edificios palacianos [9]. Embaixo, xunto ao río, o Podil duplica a súa área con poboación inmigrada á florecente cidade. Así, dun complexo organismo fragmentado, froito dunha segregación étnica que foi diluíndose pola progresiva eslavización da elite escandinava, Kíiv deveu unha urbe cun centro de poder monumental e fortificado arrodeado de asentamentos abertos, modelo das vilas do Rus e "nai das cidades rusas".

O cénit da capital e do principado acadouse co fillo de Vladimiro, Iaroslav I o Sabio (1019-1054). Fixo unha gran ampliación ao sur (a "Cidade de Iaroslav", 60ha [10]). Arrodeada de fortes murallas de seu (3,5 km) con impresionantes portas (a principal a Porta de Ouro [11]) dispoñíase arredor da magnífica catedral de Santa Sofía (1040, de ascendencia bizantina pero ampliando o número de cruxías, fundacional da arquitectura rusa [12][13]) escoltada polas igrexas de Sta. Irene e S. Xurxo [14], ademais de novos pazos e un mercado no extremo sur. Os sucesores de Iaroslav engadiron os apéndices do extremo nordeste, co complexo do mosteiro de San Miguel (1108 [15][16]), e do noroeste (Копирів кінець), un dominio residencial fortificado dos príncipes xunto ao barrio xudeu na insegura segunda metade do século XII [17]. O Podil embaixo continuou o seu desenvolvemento coma barrio comercial e artesanal dentro dun recinto xeral de fortificacións que chegaban ao río e fóra de murallas, nas escarpadas beiras ao longo do Dniéper cara ao sur, foran aparecendo multitude de complexos monásticos (sinaladamente o Pecherska Lavra). O enteiro organismo urbano acadaba entre 350 e 500Ha albergando arredor de 70.000 habitantes (unha das maiores de Europa nese tempo [18][19][20]).

O declinar e debilidade do Rus foi precipitado polas loitas dinásticas no final do século XII e chegou o seu fin coa conquista, saqueo e destrución da metrópole polos mongois en 1240.

Vila provincial baixo diferentes poderes editar

 
Vista de Kíiv en 1651:
o Podil baixo a cidade alta.

Nos séculos seguintes Kíiv quedou relegada a mera capital provincial de diversos poderes foráneos (Horda de Ouro, lituanos, polacos, cosacos e finalmente rusos) que foron sucedéndose no seu dominio, mantendo soamente importancia coma centro relixioso ortodoxo. Así, enfraquecida no soar urbano dentro de murallas creado no medievo por máis de cinco séculos, coa cidade alta coma sede dos poderes administrativo e relixioso e a baixa, o Podil, no seu antigo papel protoindustrial e comercial asociado ao porto do Dniéper [21].

A reconstrución non comezara ata o século XV e foi lenta. Coa incorporación progresiva á órbita do Imperio Ruso (s.XVII-XVIII) o pulo construtivo recomezou. En 1679 o príncipe Cherkassky refixo as murallas con modificacións do trazado medieval [22]. As igrexas (Sta. Sofía, San Miguel [23]) e os mosteiros ortodoxos das beiras do río restauráronse e foron enriquecidos, singularmente o Mosteiro das Covas (Pecherska Lavra) que mesmo foi aglomerando un arrabalde arredor [24][25].

Século XIX editar

O grande incendio que destruíu o Podil en 1811[26] foi o motivo da primeira planificación urbana moderna en Kíiv. Un novo Podil cun trazado reticular ordenado arredor da antiga Praza dos Contratos (Kontraktova Ploscha, a do mercado medieval [27]) foi deseñado en 1812 polos arquitectos Geste e Melensky [28], cun bulevar central que continuaba a antiga baixada da cidade alta [29][30]. Precisamente o barrio reconstruído terá un papel protagonista no renacemento da importancia de Kíiv, desta vez coma centro industrial, ao longo do século XIX [31].

Na segunda metade do século, tamén a cidade alta tivo o seu desenvolvemento burgués [32]. Foi conformándose en torno a unha nova praza (da Independencia ou da Duma porque alí erixiuse o Concello; coñecida popularmente coma Maidan [33][34]) no que era a porta de murallas cara aos mosteiros [35]. E no val do arroio que corría a carón apareceu a que devirá a rúa principal da cidade, Khreshchatyk [36]. Os arrabaldes que apareceran ao sur da vila foron así unidos, no glacis do que fora o recinto de murallas (demolidas), por unha ampliación da urbe ata a estación do ferrocarril (1868) que por alí foi trazado [37][38][39].

Na antiga vila medieval, unha praza-bulevar alongada uniu os recintos de Sta. Sofía e San Miguel [40] e foron trazadas rúas de conexión coa primitiva cidade de Vladimiro (que era practicamente tábula rasa) [41].

Século XX editar

 
A área metropolitana de Kíiv dende o satelite.

A comezos de século Kíiv era xa a terceira cidade do imperio e coa súa caída (1918) e os plans de forte industrialización da Unión Soviética, o papel de Kíiv coma importante núcleo industrial non fixo senón aumentar ao longo da centuria, coa conseguinte metropolización da urbe. Varias pontes sobor do Dniéper permitiron a extensión á beira oriental [42].

O proceso de destrución de igrexas e monumentos das décadas de 1920 e 1930 acabou con algunhas das reconstrucións trala devastación mongol (vg San Miguel, hoxe reconstruída; Sta. Sofía estivo a punto de seres demolida). Na segunda guerra mundial sufriu a ocupación nazi e de resultas o centro do século XIX, a rúa Khreschatyk e o Maidan, foron dinamitados. A posterior reconstrución fíxose segundo o monótono estilo estalinista imperante nos países socialistas nesa época [43]. A peculiar orografía de Kíiv, os seus outeiros sobor do Podil e as costas cara ó río, foran progresivamente convertidos en parques-miradoiros.

Dende 1991 capital de Ucraína (en 1934 fora trasladada dende Khárkiv a capitalidade da RSS), Kíiv tenta volver a atopar o seu lugar na Europa contemporánea, onde unha vez acadara unha esplendorosa preeminencia.

Notas editar

  1. Esquema dos asentamentos primitivos no soar de Kíiv (séculos VI-VII-VIII ata c.850) segundo a arqueoloxía, páx.93 (356);
    "The Archaeology of Kiev" pdf 14Mb, Johan Callmer
    [1][Ligazón morta]
  2. O templo sacrificial pagán do século IX; ibídem, páx. 94 (357)
  3. "Recreación da Kíiv (ou Sambat) primitiva". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  4. Esquema do asentamento proto-urbano de Kíiv (882-950): o centro principesco fortificado no sueste; ibídem nota 1, páx. 93 (358)
  5. Mapa esquemático da evolución urbana de Kíiv; (1) primeiro centro fortificado do Rus co pazo do príncipe [2]
  6. "A Cidade de Vladimiro resaltada nunha recreación da urbe no s.XII". Arquivado dende o orixinal o 17 de novembro de 2011. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  7. Esquema da extensión de Kíiv entre finais do s.X e comezos do s.XI; ibídem nota 1, páx. 98 (361)
  8. A Igrexa dos Décimos de Kíiv no contexto urbano do medievo: ao fondo, o Podil embaixo a carón do río [3]
  9. Plan de Kíiv no século XIII; a cidade de Vladimiro do s.X no centro coa Igrexa dos Décimos (1) e os pazos (2 e 3) [4] Arquivado 29 de xullo de 2012 en Wayback Machine.
  10. Maqueta da Cidade de Iaroslav en Kíiv (ao fondo a Cidade de Vladimir) [5] Arquivado 01 de febreiro de 2014 en Wayback Machine.
  11. Ver nota 9: embaixo o recinto da Cidade de Iaroslav con Sta. Sofía (7) e a Porta de Ouro na punta sur.
  12. "Reconstrución de Sta. Sofía de Kíiv no século XI". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  13. "Alzado da ábsida de Sta. Sofía en 1040 e superposta á actual". Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2012. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  14. Ver nota 9: Sta. Irene (8) e San Xurxo (9)
  15. Ídem: a Igrexa de S. Miguel de 1108 (11) no recinto do mosteiro
  16. Vista do recinto do Mosteiro de S. Miguel coa igrexa de 1108 destacada; a esquerda as murallas da Cidade de Vladimiro [6][Ligazón morta]
  17. Vista da parte occidental de Kíiv no século XII (dende o NE): embaixo á dereita, a Igrexa dos Décimos (45) na Cidade de Vladimir; encima, a Cidade de Iaroslav con Sta. Sofía; á dereita, o barrio xudeu (77) e a espiña fortificada da residencia dos príncipes (76 a 78-79) [7] Arquivado 13 de maio de 2013 en Wayback Machine.
  18. "Esquema en perspectiva do conxunto de Kíiv no apoxeo do século XII". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  19. Recreación do esplendor de Kíiv dende o norte: as cidades de Vladimir e Iaroslav no alto; á esquerda embaixo o barrio do Podil arredor da praza do mercado (futura Praza dos Contratos ou Kontraktova Ploscha) [8]
  20. "Esquema de Kíiv no medievo cos mosteiros da beira do Dniéper". Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2012. Consultado o 15 de xullo de 2012. 
  21. Vista de Kíiv en 1651 (resaltadas as igrexas católicas no Podil, resultado da época baixo dominio lituano e polaco); enriba a cidade alta con San Miguel á esquerda (a Igrexa dos Décimos estaba en ruína; o edificio é o chamado Castelo de Kíiv do s.XIV) [9]
  22. Interpretación do Plano Ushakov de Kíiv, 1695 (primeiro da vila, N á dereita): a cidade alta (Sta. Sofía, 1) e o Podil á dereita (a Praza dos Contratros, 10); á esquerda, o arrabalde do Mosteiro das Covas (9) a carón do recinto monástico (4);- A.Bunin, T.Savarenskii, "Historia del arte urbano"- [10]
  23. Detalle do Plano Ushakov (1695) coa cidade alta de Kíiv (N á dereita): Sta Sofía enriba, a Igrexa dos Décimos na Cidade de Vladimiro embaixo estaba en ruína; ibídem [11]
  24. O complexo do Pecherska Lavra co arrabalde homónimo no Plano de Ushakov de 1695; ibídem [12]
  25. Perspectiva do conxunto monástico Pecherska Lavra tralas reconstrucións e campanario do s.XVIII (a caída ao río á dereita) [13] Arquivado 29 de novembro de 2011 en Wayback Machine.
  26. Mapa de Kíiv antes do incendio do Podil cos tres conxuntos urbanos fundamentais: Cidade alta, mosteiros e Podil [14]
  27. Perspectiva da nova Praza dos Contratos (chamada así polo edificio homónimo, antiga praza do mercado medieval): o edificio do centro é un mercado erixido tralo incendio; a ábsida pertence ao edificio da Universidade [15]
  28. Mapa do Podil antes do incendio (Ushakov, 1695) e Plan do novo Podil de 1812 [16]
  29. "Plan para o Podil superposto ao antigo trazado". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2013. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  30. Outro plano do Podil reconstruído (mediados do XIX)
  31. "Vista do borde industrial do Podil e o porto no Dniéper, 1911". Arquivado dende o orixinal o 08 de setembro de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  32. Mapa da área de Kíiv (c. 1850) cos suburbios antes dos desenvolvementos da segunda metade do século [17] Arquivado 05 de setembro de 2013 en Wayback Machine.
  33. Vista do Maidan e a Khreschatyk coma foco irradiando cara a cidade de Iaroslav e Sta.Sofía nos comezos do seu desenvolvemento (1850) [18] Arquivado 26 de xullo de 2013 en Wayback Machine.
  34. "A mesma vista en 1930 co edificio do concello ocupando a praza". Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  35. Planta do centro medieval de Kíiv en 1864 antes dos desenvolvementos da metade do XIX (trazado en verde) e despois (en vermello craro); o Maidan á esquerda e tanxente pasaría a rúa Khreschatyk [19] Arquivado 14 de maio de 2013 en Wayback Machine.
  36. O centro de Kíiv (Maidan, Khreschatyk e Sta. Sofía-San Miguel) na planta dun dos proxectos de reconstrución trala IIGM [20] Arquivado 21 de maio de 2006 en Wayback Machine.
  37. "Mapa de Kíiv en 1882". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2013. Consultado o 20 de decembro de 2011. 
  38. Mapa do centro de Kíiv de 1911 cos desenvolvementos do final do XIX arredor da améndoa medieval ata a estación do ferrocarril [21] Arquivado 13 de maio de 2013 en Wayback Machine.
  39. Perspectiva debuxada do centro da cidade moderna co desenvolvemento burgués decimonónico [22]
  40. Ídem focalizada no triángulo Sta. Sofía (1)-San Miguel (4) -Maidan (8) e a Khreschatyk tanxente embaixo (ver tamén nota 36) [23] Arquivado 29 de xullo de 2012 en Wayback Machine.
  41. Ver nota 35
  42. Mapa da área de Kíiv en 1941
  43. Ver notas 36 e 40