Abrir o menú principal

Historia de Xohanesburgo

granxa Langlaagte, 1886
Xohanesburgo 1890.

Dende metade do século a rexión estaba a ser campo de prospección dos buscadores de ouro. Foi en 1886 cando en terreos da granxa Langlaagte, nos cerros do Witwatersrand, descubriuse un filón importante. Pronto unha auténtica febre do ouro atraeu ao lugar a ducias de mineiros que se estableceron en campamentos de tendas (Ferreira's Camp o primeiro; Marshall's Town despois).

A república boer (Zuid-Afrikaansche Republijk, ou República do Transvaal) á que pertencía o territorio tentou poñer orde enviando a dous comisionados (Johannes Joubert e Johann Rissik, de aí o nome da cidade) para elixir o lugar máis axeitado para establecer unha poboación. Acoutan un triángulo entre as granxas existentes, o chamado Randjeslaagte, ao norte de Marshall's Town e nordeste de Ferreira's Camp, sen auga e non adecuado para a actividade mineira, que no prexudicaba ningún interese.

A cuadrícula déixase en mans de Eduard De Villiers con experiencia previa no deseño de cidades mineiras. As constricións que tivo (o trazado existente de Marshall's Town no sur e as aínda poucas expectativas que o goberno de Transvaal tiña na actividade extractiva), deron lugar a un plan cativo de bloques pequenos e rúas estreitas que aínda hoxe sofre o centro da cidade.

Con todo, para 1896 a febre do ouro había atraído a xentes de todo o mundo (europeos e americanos), e en solo dez anos, o poeirento campamento de mineiros contaba xa con 100.000 habitantes, sendo a maior cidade de Suráfrica. A enorme revalorización do territorio provocou a tensión e posterior guerra entre o goberno boer e os británicos (1899-1902), co resultado final do paso da soberanía de Xohanesburgo a estes últimos.

A disposición do intenso crecemento da cidade é realmente singular: sempre ao norte dos primeiros asentamentos e do Randjeslaagte, limitado polo sur como estaba pola banda leste-oeste das explotacións auríferas no Witwatersrand.

Xa dende 1903 pero especialmente a partir de 1910, a Unión Surafricana, despois República Surafricana, mantivo unha política degradante de segregación da man de obra maioritariamente de raza negra (apartheid), que tivo a súa translación urbana no confinamento destas inxentes poboacións en guetos [1]. O máis grande e mundialmente famoso, Soweto (de South Western Townships).

NotasEditar

  1. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2006. Consultado o 08 de xullo de 2008.