Historia de Qingdao

A historia urbana de Qingdao desenvólvese nunha rexión, a da baía de Jiaozhou na península de Shandong, que ten sido habitada dende o neolítico con diversas culturas senlleiras (Dawenkou, Longshan e Dongyeshi).

Acuartelamento QingEditar

 
Vista do acuartelamento de Jiao'ao (enriba) e a colonia alemá posterior (embaixo).
 
Mapa de Tsingtao en 1914 cos plans de expansión.

No tempo da dinastía Ming unhas primeiras fortificacións foron construídas na entrada da baía (o lugar onde aséntase a cidade actual), e seica un pequeno poboado con ancoradoiro creceu a carón. O cal continuaba a existires cando a administración Qing en 1891 decidiu creares un acuartelamento de tropas. Ampliaron as fortificacións asemade cun primitivo peirao-ponte na baía. Ao ano seguinte foi fundada unha poboación (coñecida entón coma Jiao’ao [1][2]).

En resposta ao asasinato duns misioneiros, en 1897 os alemáns (que xa tiñan explorado a zona coma posible base naval) forzaron ao por entón moi debilitado imperio chinés unha concesión colonial na área da baía [3].

Tsingtau, colonia alemáEditar

 
Planta de Tsingtau arredor de 1903 (publicado en 1912).

Aproveitando en principio o asentamento chinés, de seguido foi deseñado un plan de ampliación da vila que chamaron Tsingtau, centro administrativo da concesión de Kiautschou [4]. Rúas e avenidas amplas coas infraestruturas e servizos dunha cidade moderna, tiña o propósito fundamental de servires a un porto estratéxico (base naval) comunicado co interior cun ferrocarril (1899-1904). A extensión urbana ata costa sur do istmo, cun novo porto exterior, sería a área residencial europea e almacéns portuarios mentres a poboación local permanecería na antiga vila ao norte ou trasladada a novos poboados no leste. Unha industria cervexeira de importancia nacional ata hoxe (Cervexa Tsingtao) tivo nacemento en 1903.

Entre 1905 e 1908 foi desenvolto o gran porto previsto ao norte, na baía [5]. Cara alí debería estenderse a cidade pero en 1914 os xaponeses ocupárona (novamente en 1938) e no 1922 foi devolta á soberanía da República da China [6].

Qingdao contemporáneaEditar

Trala Segunda Guerra Mundial e a instauración da República Popular da China [7] o desenvolvemento portuario (especialmente coma base naval da frota chinesa do norte) da agora chamada Qingdao foi consolidando o seu crecemento [8], que tivo o punto de inflexión en 1984 cando, coa política de apertura económica da China, a vila ten experimentado nas últimas décadas unha expansión extraordinaria (comercial e industrial ao abrigo do porto) arredor da baía ata consolidar unha verdadeira metrópole.

A recente inauguración da maior ponte do mundo sobre da auga (42'5 km), unindo polo norte as dúas ourelas da baía, confirma a puxanza desta área metropolitana cara ao futuro [9].

NotasEditar

  1. Perspectiva debuxada de Jiao'ao no final da época Qing; nótese a ponte-peirao na baía [1]
  2. Vista de Jiao'ao fortificada dende a baía
  3. "Páxina web sobre Tsingtau (en alemán)". Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2011. Consultado o 19 de xullo de 2011. 
  4. "Plan de Tsingtau, 1901". Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2007. Consultado o 19 de xullo de 2011. 
  5. "Vista debuxada de paxaro, Tsingtau 1909". Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2007. Consultado o 19 de xullo de 2011. 
  6. "Mapa de Tsingtao en 1922". Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2012. Consultado o 30 de xullo de 2012. 
  7. "Mapa da cidade en 1947". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2012. Consultado o 26 de xullo de 2012. 
  8. "Mapa de Qingdao en 1969". Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2012. Consultado o 13 de xullo de 2012. 
  9. Vista satelital da baía de Qingdao co trazado da longa ponte[Ligazón morta]