Historia de Nova Zelandia

Nova Zelandia é unha das masas de terra máis recentemente poboadas. Os primeiros poboadores coñecidos foron os polinesios que, de acordo coa maioría dos investigadores, chegaron en canoa entre os anos 1250 e 1300 a.C.[1] Algúns investigadores suxiren que no 150 d.C. existiu outra onda de inmigrantes; anos máis tarde estes habitantes morreron ou abandonaron as illas.[2][3][4] Ao longo dos séculos seguintes, os inmigrantes polinesios crearon unha cultura distinta, agora coñecida como maorí. A poboación dividíase en iwi (tribos) e hapu (subtribos) que cooperaban, competían e, en ocasións, loitaban entre si. Nalgún momento, un grupo maorí emigrou ás Illas Chatham, onde desenvolveron unha cultura distinta, a moriori.[5][6]

De Polinesia oriental, os maorís establecéronse en Nova Zelandia, concluíndo unha larga cadea de migracións.

Antes da colonización editar

 
O primeiro contacto entre os maorís e os europeos, en 1642.

Orixinariamente, Nova Zelandia estivo poboada por nativos da Polinesia, entre os anos 1000 a 1300 a.C., aínda que se atoparon evidencias que suxiren que se estableceron desde moito antes. Aqueles que se instalaron en Nova Zelandia convertéronse no pobo maorí. Separadamente, nos asentamentos nas diminutas illas Chatham, ao leste de Nova Zelandia, achábanse os moriori, pero aínda se descoñece se chegaron directamente desde Polinesia ou estaban no continente e logo aventuráronse cara ao leste.

Os nativos orixinais eran cazadores de moas, a súa fonte preferida de alimento, sendo estas as maiores aves non voadoras, similares aos avestruces e os ñandús. As moas foron empuxadas á súa extinción, xa que non soportaron a depredación humana e dos mamíferos. Antes da chegada do home, as moas foron vítimas dos harpagornis, a maior ave de rapina coñecida. As harpagornis, fóronse extinguindo xunto ás súas vítimas. Os cazadores de moas poderían haberse mesturado cos poboadores que chegaron de Polinesia, quen, de acordo á tradición maorí, arribaron entre os anos 20 e 40 a.C. Algúns dos maorís chamaban a estas terras Amadohenianicio, normalmente traducida como terra da longa nube branca.

Nova Zelandia non ten mamíferos autóctonos, excepto por algúns raros morcegos. Posteriormente os maorís, en gran parte subsistiron cultivando unha especie de batata doce, que eles traerían da Polinesia, así como da caza de animais menores (incluída a rata polinésica, introducida de forma talvez involuntaria e que se cebou sobre as nidadas de aves e réptiles autóctonos.

Exploradores europeos editar

Os primeiros europeos en chegar á rexión fixérono na probable viaxe de Juan Jufré e de Juan Fernández á Oceanía, ocasión na cal descubrirían Nova Zelandia para España, a fins de 1576; este suceso baséase nun documento que se presentou a Filipe II e en vestixios arqueolóxicos (cascos estilo español) atopados en covas no extremo superior da Illa Norte. Pero máis famoso é a viaxe do neerlandés Abel Janszoon Tasman quen chegou cos seus barcos Heemskerck e Zeehaen, e ancorou no extremo norte da Illa Sur en decembro de 1642, pero navegou cara ao norte, cara á illa Tonga, seguindo os enfrontamentos cos poboadores maorís. Tasman debuxou seccións das costas das dúas illas principais. O nome de Nieuw Zeeland aparecía nas cartas de navegación da área próxima. O tenente James Cook, a bordo do Endeavour fixo un recoñecemento, medindo e inspeccionando as costas de ambas illas en 1769 e 1770.

Galegos en Nova Zelandia editar

Véxase tamén: San Lesmes.

Os galegos chegaron a Nova Zelandia durante as primeiras expedicións españolas ás illas oceánicas. No 1982 Roger Hervé, do Departamento de Mapas da Biblioteca Nacional de París publicou un primeiro estudo sobre a presenza de galegos nas illas, no seu estudo “O descubrimento fortuíto de Australia e Nova Zelandia por navegantes portugueses e españois”. O profesor da Universidade de Camberra, Robert Langdom tamén amparou a teoría no seu libro The Lost Caravel no que afirma que os galegos asentáronse nas costas de Nova Zelandia, Australia e a illa de Amanu cando a carabela San Lesmes extraviouse da expedición de García Jofre de Loaisa en 1526. No século XX atopáronse indicios dos seus restos a Amanu, unha das illas Tuamotu. Algunhas especulacións indican que a tripulación sobreviviu e que ou ben seguiron ata Australia, ou ben quedaron nas illas veciñas de Amanu deixando rastros culturais que chegarían ata Nova Zelandia. Langdon afirma que os náufragos e os seus descendentes ocuparon unha posición preeminente nas illas onde se estableceron. A influencia xenética explicaría porque os primeiros exploradores europeos (Pedro Fernández de Quirós 80 anos máis tarde, e James Cook 240 anos máis tarde) atoparon mesturados cos indíxenas uns individuos de pel clara, ollos claros e pelo vermello ou louro. A similitude europea ata explicaría a atracción mítica cara ás mulleres dos Mares do Sur. A influencia espiritual notaríase a partir da relixión que xurdiu en Raiatea ao redor do deus Oro. Explicaría as similitudes da creación do mundo co Xénese e a existencia do concepto da Santa Trindade. Outra influencia sería a construción da piragua dobre con vela latina e a construción dunhas barcas con casco. A influencia cultural explicaría porque, nalgunhas illas, saudábanse encaixando as mans ou porque no século XVI comezan a aparecer en Nova Zelandia unhas construcións similares aos hórreos galegos.[7]

Cazadores de Maribeles e outros seres editar

Desde 1790, as augas que rodean a Nova Zelandia foron visitadas por barcos baleeiros ingleses, franceses e estadounidenses, cuxa tripulación tivo conflitos cos habitantes maorís. O arribo de comerciantes e misioneiros entre os anos 1800 e 1810, sumou máis disputas locais. O primeiro descendente de europeos nado nestas terras foi Thomas King, en 1815 en Baía das Illas, ao nordeste da Illa Norte.

A iniciación dun programa a grande escala de asentamentos e de compras de terras de parte da Compañía de Nova Zelandia, xunto co incremento de intereses franceses sobre as illas, provocaron que o goberno británico tomase control da situación.

Colonia británica editar

 
Morte de Gustavus von Tempsky durante as Guerras de Nova Zelandia.
 
Primeira colonia escocesa en Nova Zelandia. Póster de 1839 promovendo a inmigración escocesa cara o país.

Nova Zelandia converteuse en colonia británica en 1840, como consecuencia da firma do Tratado de Waitangi entre a Coroa e os xefes maorís. Os británicos estaban motivados polo desexo de anticiparse a posibles asentamentos doutros europeos, xa que ese mesmo ano Francia empezaba a establecerse na Península de Banks (centro-leste da illa Sur de Nova Zelandia), e para terminar coas desordes provocadas por baleeiros e comerciantes, especialmente británicos. Pola súa banda os xefes maorís, aceptaron asinar este tratado polas promesas de protección das súas posesións (que foron parcialmente cumpridas) e pola promesa de protexer á súa xente dos ataques doutros maorís, que foran provistos de mosquetes por algúns comerciantes, (entre 1820 e 1835 había ter lugar un conflito entre tribos coñecido como a guerra dos mosquetes).

Posteriormente houbo unha gran cantidade de asentamentos que se produciron nas illas, principalmente de Inglaterra, Escocia e Irlanda. Os primeiros europeos que se estableceron crearon provincias. De sur a norte, son as seguintes:

A provincial de Southland (capital Invercargill) atopábase separada pero logo foi unida a Otago. Para 1859 os europeos e os seus descendentes (pakeha en lingua maorí), que habitaban a zona xa eran maioría, alcanzando un millón de persoas en 1911.

A separación política das dúas illas foi unha cuestión importante nos anos de 1860. A Illa Norte era a máis poboada e estaba afectada por guerras e unha situación confusa, mentres que a Illa Sur estaba prosperando, especialmente despois de que fose atopado ouro en Otago en 1861. A illa Sur foise cansando de apoiar financeiramente á illa Norte e recibir moi pouco a cambio: existía un amargo sentimento entre Auckland e Otago. Julius Vogel, un xornalista que traballaba en Dunedin, a capital de Otago, comezou unha forte campaña para facer que a Illa Sur fose completamente independente. O tema foi posto a votación no Parlamento o 19 de setembro de 1865. Como resultado, 17 membros votaron pola separación e 31 pola unidade, polo tanto Nova Zelandia permaneceu unida. Posteriormente, en 1873, Vogel foi Primeiro Ministro de Nova Zelandia.

Aínda que a Illa Sur era habitada maiormente por brancos, logo de 1900 a Illa Norte foi máis poboada superándoa en número. A poboación maorí, en cambio, diminuíu o seu número considerablemente debido ás guerras entre tribos e ás enfermidades que trouxeron os novos poboadores, como o sarampelo, a tose ferina, a gripe e posteriormente, a febre tifoide, reducindo de 100.000 ou 120.000 maorís a 62.000 en 1857 e a 44.000 en 1891. O crecemento da poboación maorí foi lento pero continuo e de xeito constante, especialmente logo da epidemia de influenza ou gripe de 1918. Pero para o ano 1900, os maorís perderan a maior parte das súas terras, normalmente como resultado de vendas ou confiscacións, logo de manter conflitos armados coas novas autoridades.

Nun principio, Nova Zelandia estaba administrada como unha parte da colonia australiana de Nova Gales do Sur, ata que se converteu nunha colonia separada en 1841.

Concedéuselle a súa autonomía en 1852, baixo a Constitución de Nova Zelandia polo Parlamento do Reino Unido, cunha Asemblea Xeral, que consistía dun Consello Lexislativo e a elección dunha Cámara de Representantes. En 1867, os maorís gañaron o dereito de ter unha cantidade reservada de escanos no Parlamento. Durante este período, a industria da gandería comezou a expandirse. Cara ao final do século XIX, a mellora dos medios de transporte, foi posible grazas á exportación das, carnes e produtos de granxa.

Na década de 1890, as autoridades parlamentarias democráticas arraigáronse e as institucións sociais de Nova Zelandia asumiron a forma que existe actualmente. En 1893 converteuse no primeiro país do mundo en conceder ás mulleres o dereito a votar en eleccións nacionais.

Gradualmente, viuse incrementado o número de maorís, e debido ás familias que formaron con descendentes de europeos, fóronse adaptando á nova cultura.

Séculos XX e XXI editar

En 1907, Nova Zelandia declarouse un dominio dentro do Imperio británico e en 1947,[8] adoptou o Estatuto de Westminter, que a converteu nun membro da Mancomunidade de Nacións, malia que na práctica, o Reino Unido deixara de xogar un papel importante no goberno de Nova Zelandia desde había tempo. A medida que o país volveuse politicamente máis independente, crecía a súa dependencia económica; na década de 1890, o envío refrixerado permitiu a exportación de carne e produtos lácteos cara a Reino Unido, un comercio que serviu de base para o crecemento económico neozelandés.[9]

Cando foi membro do Imperio británico, os soldados de Nova Zelandia combateron ao seu lado na Guerra dos Bóeres, a Primeira e a segunda guerra mundial.[10] O país segue en gran parte as tendencias da economía mundial e sufriu como outros na Gran Depresión da década de 1930.[11] A crise económica conduciu á elección dun goberno liderado polo Partido Laborista, que estableceu un amplo Estado de benestar e unha economía proteccionista.[12]

 
Representantes do pobo maorí no Foro de Asuntos dos Pobos Indíxenas da ONU.

Desta forma, a economía experimentou unha crecente prosperidade trala segunda guerra mundial.[13] Porén, estábanse desenvolvendo algúns problemas sociais, sobresaíndo o feito de que os maorís comezaron a deixar a súa típica vida rural para trasladarse ás cidades en busca de traballo.[14] Desenvolveuse un movemento de protesta maorí, que criticou o eurocentrismo e traballou para un maior recoñecemento da cultura maorí e o Tratado de Waitangi, que segundo sentían, non fora cumprido totalmente.[15] En 1975, creouse un tribunal Waitangi para investigar denuncias de violacións do Tratado, e en 1985 aínda seguía activo para investigar varios agravios históricos.[16] Do mesmo xeito que noutros países desenvolvidos, a evolución social acelerouse na década de 1970 e os costumes sociais e políticas cambiaron.

O acceso do Reino Unido á Comunidade Económica Europea en 1973, reduciu drasticamente as exportacións de Nova Zelandia ao que algunha vez foi o seu maior mercado.[17] Isto e a crise do petróleo de 1973 trouxeron consigo importantes cambios económicos e sociais durante a década de 1980, todo isto baixo o cuarto mandato do goberno laborista, encabezado polo Ministro de Facenda, Roger Douglas. Este personaxe introduciu unha serie de medidas para transformar a economía, comunmente denominadas como Rogernomics, as cales comezaron a funcionar desde 1984.[18]

As novas políticas económicas levaron á liberalización da economía de Nova Zelandia, o cal evitou unha crise económica e levou ao país a manter relacións diplomáticas con máis estados, destacando Australia e Estados Unidos, ademais de participar en varios conflitos armados ao redor do mundo. Para principios do século XXI, mantense como un dos países con mellor calidade de vida, segundo a ONU; aínda que a inmigración, a desigualdade social e outros fenómenos como a fuga de cerebros, son algúns dos problemas que aínda prevalecen no país.

Notas editar

  1. Irwin, Geoff e Walrond, Carl (2009). "When was New Zealand first settled? – The date debate". Te Ara - Enciclopedia de Nova Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  2. (Mein Smith 2005, p. 6)
  3. Lowe, David J. (2008). David J. Lowe, ed. Guidebook for Pre-conference North Island Field Trip A1 ‘Ashes and Issues’ (28–30 November 2008). Australian and New Zealand 4th Joint Soils Conference, Massey University, Palmerston North (1–5 December 2008) (en inglés). New Zealand Society of Soil Science. pp. 142–147. ISBN 978-0-473-14476-0. 
  4. Sutton, Douglas; et al. (2008). "The timing of the human discovery and colonization of New Zealand". Quaternary International (en inglés) 184: 109–121. doi:10.1016/j.quaint.2007.09.025. 
  5. Clark, Ross (1994). "Moriori and Maori: The Linguistic Evidence". En Sutton, Douglas. The Origins of the First New Zealanders. Auckland: Auckland University Press. pp. 123–135. 
  6. Davis, Denise (2007). "The impact of new arrivals". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelanda (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  7. http://www.gciencia.com/historias-gc/un-estudo-atopa-horreos-galegos-en-nova-zelandia/
  8. GMR. "Datos Relevantes". Nueva Zelandia en Red.com. Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2012. Consultado o 1 de abril de 2013. 
  9. Hugh Stringleman y Robert Peden (2009). "Sheep farming – Growth of the frozen meat trade, 1882–2001". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  10. "War and Society". New Zealand History.net.nz (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  11. Brian Easton (2010). "Economic history - Interwar years and the great depression". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelanda (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  12. Mark Derby (2010). "Strikes and labour disputes - Wars, depression and first Labour government". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelanda (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  13. Brian Easton (2010). "Economic history - Great boom, 1935–1966". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  14. Basil Keane (2010). "Te Maori i te ohanga – Maori in the economy - Urbanisation". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  15. Te Ahukaramu Charles Royal (2009). "Maori - Urbanisation and renaissance". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  16. John Wilson (2009). "Government and nation - The origins of nationhood". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  17. John Wilson (2009). "History - The later 20th century". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 
  18. Brian Easton (2010). "Economic history - Government and market liberalisation". Te Ara - Enciclopedia de Nueva Zelandia (en inglés). Consultado o 30 de xaneiro de 2011. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Michael King (2003) The Penguin History of New Zealand.
  • Smith, Philippa Mein. A Concise History of New Zealand (Cambridge Concise Histories) (2nd ed. 2012) 368pp; excerpt and text search
  • James Belich, Making Peoples: A History of the New Zealanders from the Polynesian settlement to the end of the nineteenth century (1996) e Paradise Reforged: A History of the New Zealanders from 1880 to the Year 2000 (2001).
  • Ranginui Walker (2004), Ka Whawhai Tonu Matou: Struggle Without End.
  • Keith Sinclair, ed., (1996) The Oxford Illustrated History of New Zealand.
  • Keith Sinclair, A History of New Zealand. 1959 in Questia
  • Giselle Byrnes (2009). The New Oxford History of New Zealand. Oxford University Press. 

Ligazóns externas editar