Historia da pintura en Exipto

No antigo Exipto desenvolveuse unha pintura mural cuxos temas foron esencialmente narrativos, con representacións de cerimonias e feitos destacados. Xunto a estes temas aparecen representacións da vida privada ou dos animais e vexetais.

Os exipcios pintaban os baixorrelevos, os cales, pola súa escasa profundidade, propician a identificación de ambos tipos de arte. A partir da III dinastía a pintura sobre as paredes das tumbas substitúe ó baixorrelevo, do cal adopta as principais convencións.

A pintura, como todo a arte do antigo Exipto estaba sometida a uns canons ou regras moi estritas, entre as cales destacan as seguintes:

A frontalidade e a cor da pel. Pintura mural da cámara funeraria d'Amenemhêt. Imperio Novo. XVIII Dinastía, cara a 1500?1450 a.C.
A frontalidade ou representación das figuras dispoñendo a cabeza e as pernas de perfil pero cos ombreiros e o torso de fronte, cousa que proporciona ás figuras unha pose característica. A frontalidade estaba reservada á figura humana ou dos Deuses e, frecuentemente só ós personaxes máis notables.
A altura das figuras tiña unha relación directa coa súa importancia relativa, así temos que o Faraón é alto nas escenas familiares, onde as súas mulleres, os nenos e os escravos son pequenos; á súa vez, o Faraón é pequeno en presenza dos Deuses, os cales son grandes ou incluso xigantescos.

Outras convencións da pintura do Antigo Exipto son: A figura humana está orientada xeralmente cara á dereita. A cor da pel dos homes era ocre, mentres que nas mulleres era amarela. O ouro ou a súa cor eran o símbolo do Sol. Non se facían gradacións de cor nin medios tons.

A técnica pictórica dos exipcios era un antecedente da pintura ó fresco ou témpera, xa que aglutinaban pigmentos naturais, extraídos de diferentes terras de cor, con clara de ovo e disolvíano todo en auga para aplicalo sobre as paredes revestidas cun enfuscado seco de xeso.

Durante o Imperio Antigo de Exipto non é posible disociar o baixorrelevo da pintura xa que comparten os mesmos temas con idénticos propósitos: imitar a vida cotiá e a natureza para que ambas poidan ser recreadas na outra vida.

Nas tumbas, os temas representados son esencialmente materialistas: a preparación dos alimentos, do pan ou da cervexa, escenas agrícolas, escenas de caza e pesca etc.; posteriormente, engádense outros como a construción de barcos, a fabricación de xoias, estatuas, tecidos etc.

Nos temas cerimoniais e representativos, ou na figura do defunto impera o canon da frontalidade, pero nos temas de animais, como nos famosos gansos de Meidium, dáse unha gran soltura técnica. Os conxuntos de pintura máis destacados do Imperio Antigo son:

Na Mastaba de Ti (V dinastía, cara ó 2450 a.C.) hai diversos baixorrelevos pintados con escenas de traballos agrícolas, entre eles o home cunha burra e o seu burriño que porta un feixe ou a escena do paso por un vao dun escravo que leva, sobre os seus ombreiros, un tenreiro; nunha evidencia do excelente realismo da pintura de animais, o tenreiro move a súa cabeza para chamar á súa nai que vai detrás.
Pintura mural na tumba da princesa Itet, actualmente no Museo do Cairo

Ó lado: friso na cámara dedicada ó culto da tumba da princesa Itet. IV dinastía, cara ó 2700 a.C.

Na parte superior, escena de caza de aves coas seis "ocas de Meidium".

Na parte inferior, escena de traballos agrícolas.