Historia da filosofía occidental

A aparición da filosofía desenvólvese na antiga Grecia, hai 2.500 anos, e descríbese como "o paso do mito aos logos". Os mitos son narracións extraordinarias protagonizadas por seres divinos ou sobrenaturais, que se refiren a sucesos fantásticos ou lendarios, e non teñen só a función de satisfacer a curiosidade intelectual, senón que serven tamén para organizar e configurar as relacións persoais e sociais. Pola contra, os logos indican unha reflexión argumentada e razoada baseada na observación da natureza que non recorren a factores sobrenaturais para explicar a orixe e a estrutura do mundo, da sociedade ou dos seres humanos ("pensamento racional").

Non obstante, os mitos non posúen o valor de coñecemento válido no mesmo sentido que a razón, pero poden cumprir funcións importantes na filosofía. Por exemplo, Platón nas súas obras utilizaba os mitos para a argumentación lóxica dos temas filosóficos.

Época clásica da filosofía grega editar

A época de maior esplendor comprende os séculos V e IV a.C., e os protagonistas principais foron Sócrates, Platón e Aristóteles.

  • Sócrates buscaba o saber mediante o método de pregunta e resposta, un concepto ou unha definición das verdades e os valores que fose considerado universalmente válido.
  • Platón seguiu as ensinanzas de Sócrates e realizou a primeira formulación racional e sistemática de conceptos tan básicos como os de ciencia, moral, beleza ou política. Defendeu a necesidade de establecer as condicións do saber científico como un saber seguro e indiscutible. Co fin de difundir estas doutrinas creou a primeira universidade da historia, a Academia de Atenas.
  • Aristóteles foi discípulo de Platón e iniciador de moitas das nosas actuais ciencias (bioloxía, física, astronomía, lóxica, ética, política, etc.). Pero sobre todo destacou por descubrir a metafísica. Foi o encargado de educar o príncipe Alexandre e tamén fundou unha escola en Atenas coñecida como Liceo.

[1]

Antigüidade e Idade Media editar

Os gregos incorporaron como tarefa propia da filosofía a formulación racional fronte ao mítico-relixioso de cuestións pertencentes ao ámbito da filosofía práctica, como a da orixe e o destino do home, ou a da educación para conducirse rectamente na vida. Tras a morte de Platón e Aristóteles, a filosofía práctica adquiriu máis importancia ca a filosofía teórica e "filosofía" veu significar, sobre todo, un estilo de vida: a busca intelixente da felicidade persoal.

Durante a Idade Media, considerouse que a filosofía grega fora un produto insuperable da razón e non se aspiraba a cambiala, aínda que, debido á importancia de relixións como o cristianismo, o xudaísmo ou o islamismo, a filosofía serviu de instrumento para reforzar, xustificar e defender estas relixións.

A filosofía moderna editar

A fusión do pensamento grego co monoteísmo xudeocristián durante a Idade Media consolidou as bases do que hoxe coñecemos como civilización occidental e fixo xurdir cuestións filosóficas moi importantes. A partir do Renacemento, a filosofía desenvolveuse independente dos intereses relixiosos. Este esforzo culminou na obra de René Descartes, iniciador da filosofía moderna, que intentou liberala da tradición medieval e da tradición grega. Un punto de partida radical accesible só mediante o exercicio individual, autónomo e crítico da propia razón.

Pero sobre todo foi Kant, na súa obra Crítica da razón pura[2], quen renovou a concepción da filosofía. A metafísica, entendida como saber sobre a totalidade do real, non é unha ciencia, e obrigou a que a filosofía se concibise como un conxunto de tarefas con pretensións máis modestas.

A filosofía hoxe editar

Un exercicio de crítica raciona editar

O máis característico da filosofía actual é que xa non existe un concepto unitario, entendido como un conxunto de respostas claras e xeralmente para as preguntas últimas: "quen somos?", "de onde vimos?", "que sentido ten a nosa vida?". Actualmente, a filosofía consiste en exercitar a acción de pensar de xeito racional, crítico e autónomo sobre toda forma de coñecemento e de acción humana

A filosofía non ten a misión de lle proporcionar ao ser humano respostas seguras, verdadeiras e definitivas, tal como fai a relixión. A filosofía é, máis ben, certo xeito de preguntar, unha interrogación continua e crítica sobre o que existe e os seus modos de ser.

Un preguntar que non ten fin editar

En filosofía, criticar non consiste en falar mal de algo ou de alguén, senón que é un xeito de pensar e de argumentar que busca mirar sempre por detrás das nosas certezas para tratar de sacar á luz os prexuízos e os intereses enmascarados tras un exame crítico dos problemas.

Na actualidade, a filosifía diríxese cara á clarificación das distorsións da linguaxe que obstaculizan o desenvolvemento e a comunicación do saber. Recórdanos que a visión do mundo e das cousas que ten todo ser humano ou toda a sociedade é limitada e revisable, e está sempre aberta aos avances no propio cñecemento ("atrévete a pensar").

As preguntas filosóficas son dunha amplitude e dunha profundidade que fan que non as poidamos responder nunca dunha vez por todas. Isto débese a que os seres humanos temos limitacións que non podemos superar.

As tarefas máis urxentes editar

A principios do século XXI, a filosofía segue traballando aínda nos problemas filosóficos clásicos. Pero tamén xurdiron problemas novos nos que a filosofía ten un compromiso de reflexión moi importante e urxente:

  1. Crítica das inxustizas sociais, económicas e políticas, e axuda para repensar o noso modelo de desenvolvemento económico globalizado.
  2. Aceleración do avance actual das ciencias e da técnica.
  3. Colaboración con ciencias cognitivas como a neuroloxía, a neurolingüística ou a intelixencia artificial para esclarecer o funcionamento da mente humana e a relación entre o cerebro e a mente humana.
  4. Finalmente, reconsiderar a súa propia natureza e o papel que debe representar na cultura global do novo milenio.

Notas editar

  1. "La Scuola di Atene". www.google.es. Consultado o 2015-12-04. 
  2. "Inmanuel Kant. Crítica de la Razón Pura". Consultado o 2015-12-04. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Filosofía. Bacharelato. Editorial Anaya, 2015. [978‐84‐678‐2821‐4]

Ligazóns externas editar