Abrir o menú principal

O Himno Nacional Arxentino é o himno oficial de Arxentina. Foi escrito por Vicente López y Planes en 1812 e composto por Blas Parera un ano máis tarde. Orixinalmente foi denominado Marcha patriótica, logo Canción patriótica nacional e posteriormente Canción patriótica. Unha publicación en 1847 chamouno "Himno Nacional Arxentino", nome que conservou e co cal é coñecido.

HistoriaEditar

 
Vicente López y Planes, autor da letra do Himno Nacional Arxentino.

O 24 de maio de 1812 presentouse na "Casa de Comedia" de Buenos Aires a obra teatral "O 25 de Maio", referida á Revolución de Maio de 1810, de Luis Morante. A mesma remataba cun himno escrito polo propio Morante, ó que o español Blas Parera puxera música, coreado polos actores. Un dos espectadores, o porteño Vicente López y Planes, sentiuse inspirado e esa mesma noite escribiu a primeira estrofa dun himno para substituír ó anterior.

 
Blas Parera y Moret, autor da música do Himno Nacional Arxentino.

O Triunvirato entendeu que debía darlle ó pobo un canto nacional de maior importancia que o que até entón se entoaba. Nun oficio do 22 de xullo de 1812 dirixido ao Cabido de Buenos Aires, suxería a este que mandase a compor "a marcha da patria", para ser executada ó principio das funcións teatrais, debendo o público escoitala de pé e descuberto, así como nas escolas ó rematar diariamente as clases.

A Asemblea Xeral Constituínte do Ano XIII ordenou compor a letra do himno con data 6 de marzo de 1813 e aprobouno como "Marcha Patriótica" o 11 de maio dese ano. O día seguinte encargoulle compor unha nova música a Blas Parera. Nunha soa noite terminou a partitura.

Segundo a tradición, o 14 de maio de 1813, na casa de Mariquita Sánchez de Thompson cantouse por primeira vez, sendo aquela dama quen interpretou as súas estrofas.[1] Estímase que a obra foi presentada o mesmo día 25 de maio de 1813, xa que o día 28 dese mesmo mes cantouse no teatro durante unha función patriótica efectuada durante a noite. Logo coñeceríase como Canción Patriótica Nacional, e máis tarde simplemente como Canción Patriótica. Pero nunha copia de 1847 aparece titulada como Himno Nacional Arxentino, nome que recibe na actualidade.

NotasEditar

  1. Ministerio de Educación da Nación. Efemérides Culturais Arxentinas http://www.me.gov.ar/efeme/diahimno/parera.html