O hidrograma é un gráfico que mostra a variación no tempo dalgunha información hidrolóxica tal como o nivel da auga, o caudal, a carga de sedimentos... para un río, un regato ou unha canle. Tipicamente representa o caudal fronte ao tempo. Isto é equivalente a dicir que é o gráfico da descarga (L3/T) dun fluxo en función do tempo. Estes poden ser hidrogramas de tormenta e hidrogramas anuais, os que á súa vez se dividen en perennes e intermitentes.

Permite observar:

  • As variacións na descarga a través dunha tormenta ou a través do ano hidrolóxico
  • O pico de escoamento (caudal máximo da avenida).
  • O fluxo de base ou achega das augas subterráneas ao fluxo.
  • As variacións estacionais dos caudais se se grafica nun período de tempo dun ou varios anos.

Os hidrogramas son útiles, entre outras cousas, para comparar os tempos de descarga e caudais pico de varias correntes ou cuncas hidrográficas, para así coñecer as diferenzas entre as súas capacidades de resposta ante avenidas.

Tipos editar

 
Exemplo dun hidrograma unitario (en castelán)

Hidrograma unitario editar

É a curva básica de resposta a unha unidade de precipitación que describe a forma na que unha cunca devolve un ingreso de choiva distribuído no tempo. Baséase no principio de que a dita relación entrada-saída é lineal, é dicir, que poden sumarse linealmente. Constrúese con base nun "Hidrograma en S", que, á súa vez, se constrúe detallando varias tormentas e os seus hidrogramas reais producidos.

Os seguintes pasos utilízanse na aplicación do método do hidrograma unitario:

  • Síntese dunha choiva de deseño, a partir dunha análise de intensidade-duración-frecuencia de chuvascada de curta duración.
  • Determinación dun índice de infiltración característico da cunca.
  • Cálculo da choiva de exceso a partir da choiva total de deseño e da infiltración esperada.
  • Determinación do hidrograma unitario da cunca.
  • Aplicación da choiva de exceso ao hidrograma unitario.
  • Interpretación dos resultados para estimar o caudal pico de crecente.

O método está limitado a cuncas homoxéneas.

Cálculo dun hidrograma editar

Para o cálculo dun hidrograma unitario, que é unha constante da cunca e representa o efecto de todos os factores físicos que a caracterizan, e debido á inexistencia de medias de caudal na cunca, óptase por utilizar un método sintético de cálculo, exactamente o método de Mockus.

Hidrograma Sintético editar

É un hidrógrama unitario estimado con base en fórmulas que inclúen parámetros físicos da cunca en estudo como área, lonxitude do leito principal, pendente media e outros. Son os hidrogramas sintéticos máis coñecidos o triangular do USDA, o de Schneider e o de Clark.