Hesíone
Na mitoloxía grega houbo varias mulleres co nome de Hesíone. A máis coñecida foi a filla de Laomedonte, rei de Troia. Un oráculo dixera que para liberar a cidade de Troia dun monstro mariño enviado por Poseidón[1], Hesíone debía ser dada como sacrificio ó monstro. Laomedonte, disposto a seguir as instrucións do oráculo, encadeou á súa filla fronte ó mar, para que fose comesta e aplacar así a Poseidón. Outra tradición di que Laomedonte intentou evitar o sacrificio da súa filla esixindo que fosen os nobles troianos os que entregasen as súas fillas ó monstro, pero estes alegaron que, sendo Laomedonte o único culpable do que acontecía, era el quen debía sacrificar á súa filla[2]. Hixino conta que os troianos xa levaban tempo entregando as súas fillas ó monstro ata que lle chegou a vez a Hesíone[3].
Pero nese momento recalou na Tróade o heroe Heracles, que regresaba de obter o cinto de Hipólita, a raíña das Amazonas[4]. Heracles quitoulle as cadeas a Hesíone e fixo un pacto con Laomedonte, polo cal, se conseguía matar ó monstro, recibiría como premio unhas eguas sagradas que tiña o rei de Troia, e que Zeus lle regalara a Tros, pai de Laomedonte, en compensación por haber raptado ó seu fillo Ganimedes. Heracles matou o monstro, pero Laomedonte non cumpriu a súa parte do trato, co que o heroe regresou anos despois[5], como represalia, nunha expedición de conquista e saqueo. Pero existe outra versión segundo a cal Laomedonte entregou a Hesíone a Heracles coa condición de que a deixara en Troia (a ela e ás eguas) ata que rematase cos seus traballos, ou ata que regresase da sús expedición cos Argonautas; mesmo se di que intentou enganar ó heroe entregándolle uns cabalos normais en lugar das eguas sagradas. O caso é que logo se arrepintiu e negouse a dar o premio prometido.
Tras esta expedición, Hesíone foi tomada como esposa por Telamón (pai de Áiax o Grande), que tamén participara na operación de castigo e fora o primeiro en atravesar as murallas da cidade. Xa que Heracles lle permitira levar consigo a quen quixese, elixiu o seu irmán Podarces, que a partir de entón foi chamado Príamo[6].
Príamo, por ser o único descendente varón de Laomedonte que quedaba vivo, pasou a ser rei de Troia e logo dalgúns anos decidiu tratar de conseguir o regreso da súa irmá. El pretendía recuperala pola forza pero os conselleiros recomendaron, primeiro, utilizar a vía diplomática. Enviou ó seus conselleiros Anténor e Anquises a Grecia, pero os gregos se negaron á devolución. Segundo algunhas versións, o motivo da viaxe de Paris, fillo de Príamo, a Esparta (que trouxo consigo o rapto de Helena e a conseguinte Guerra de Troia), foi precisamente volver a reclamar o regreso de Hesíone ou castigar ós gregos por negarse a devolvela, mesmo mediante o rapto doutra princesa grega como refén a cambio dela. De feito, cando os embaixadores de Agamenón, nos prolegómenos da Guerra de Troia, esixiron a Príamo a devolución de Helena, el botoulles en cara a negativa dos gregos a devolver a Hesíone.
Hesíone e Telamón foron pais de Teucro, que posteriormente participaría na guerra de Troia, no bando dos aqueos, como arqueiro destacado[7]. Posteriormente fuxiu (o que parece indicar algún sentimento negativo cara Telamón) e foi dar a Mileto, onde a acolleu o rei Arión, e alí deu a luz un fillo de Telamón, chamado Trambelo, que Arión criou como propio.
Outros personaxes do mesmo nome
editarHesíone foi tamén o nome dunha ninfa filla de Xapeto e Clímene, ou unha oceánide, filla por tanto de Océano e Tetis, seguindo outras versións.
Segundo Esquilo e Acusilao de Argos, Hesíone foi a esposa de Prometeo, o titán benfeitor dos humanos, co que tivo a Deucalión.
Era o nome tamén da segunda esposa de Nauplio e nai de Palamedes, Éax e Nausimedonte.
Notas
editar- ↑ Laomedonte prometeu un pago a Poseidón e a Apolo se lle construían unha muralla -divina- ó redor de Troia. Os deuses así o fixeron pero Laomedonte non cumpriu co prometido, polo que Poseidón vingouse del mandándolle un mostro mariño que devoraba ós habitantes de Troia.
- ↑ Graves, px. 577.
- ↑ Hixino 89.3.
- ↑ Un dos doce traballos que Heracles tivo que superar para ser purificado. Os mitógrafos adoitan situar a chegada de Heracles a Troia no regreso deste traballo (Apolodoro II, 5.9), pero tamén se afirma que foi con ocasión da viaxe dos Argonautas cara a Cólquide (Hixino 89.3).
- ↑ Unha vez recuperada a cordura e despois de servir como escravo a Ónfale.
- ↑ Apolodoro II, 6.4.
- ↑ Nun momento determinado, Agamenón dille o seguinte ó ver o elevado número de baixas que Teucro está provocando entre os troianos: "Teucro Telamonio, persoa para min moi querida, caudillo do pobo, segue disparando así para que te convertas en luz de salvación para os dánaos e para o teu pai Telamón, que te criou cando eras pequeno e, aínda que eras bastardo, coidou de ti no seu propio fogar. Cúbrelle, pois, de honor, por lonxe que estea" (Ilíada VIII, 281).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hesíone |
Bibliografía
editar- Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán)
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán)
- Homero (trad. Óscar Martínez García) (2010, 1ª ed; 2013, 3ª reimpr.). Ilíada. Alianza Editorial. ISBN 9788420678344. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)