Herminia Fariña
Herminia Fariña Cobián, nada en Santiago de Compostela o 4 de abril de 1904[1] e finada en Simes (Meaño) o 16 de outubro de 1967[2], foi unha poeta e dramaturga galega.
Herminia Fariña | |
---|---|
![]() Herminia Fariña en 1927. | |
Nome completo | Herminia Fariña Cobián |
Nacemento | 4 de abril de 1904 |
Santiago de Compostela | |
Falecemento | 16 de outubro de 1966 |
Meaño | |
Nacionalidade | España |
Ocupación | poeta e escritora |
Pai | José Fariña González |
Irmáns | Ramón Fariña Cobián |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Filla de José Fariña González, militar, e Regina Cobián Tejo. Viviu a súa infancia en diferentes cidades debido á profesión do pai. Aos dez anos trasládase a Simes, á casa da súa avoa materna, onde comeza a desenvolver a súa vocación literaria.
Os seus versos apareceron en Vida Gallega, publicación da que foi asidua colaboradora, e na revista Gloria Femenina. O seu primeiro libro foi de poemas en castelán, publicado en Pontevedra en 1922 co título de Cadencias. En 1924 publicou Seara, con poemas en galego. Tamén publicou en galego o poema dramático Margarida a malfadada e a peza cómica O soldado froita e outros diálogos e monólogos. Margarida a malfadada xunto coa comedia en castelán La marquesa de Miraflores, foron estreados no Teatro Principal de Santiago o 23 de marzo de 1927[3]. Colaborou en La Temporada en Mondariz e publicou nesa vila Pétalos líricos (1927). Foi elixida membro non numerario da Real Academia Galega en 1925.
Marchou a Buenos Aires, onde colaborou coa prensa (Céltiga, La Razón, El Mundo de Montevideo) e publicou Bajo el cielo porteño (1930) e Hosanna (1931)[4]. Regresou a Galicia en xaneiro de 1932[5] e escribiu unha zarzuela en tres actos e un cadro, O avarento, con música de José Jané. Foi vivir co seu pai destinado en Calatayud, onde fundou e dirixiu a revista Fortaleza dende febreiro de 1935[6]. A finais de 1935 malvivía en Madrid ata o punto que se solicita unha subscrición popular para aliviar a súa situación económica[7].
En 1937 publicou ¡Por España y para España! (El libro del combatiente) con 14 poemas de exaltación relixiosa e do bando franquista, dez deles en castelán e catro en galego, que foi utilizado como propaganda polos sublevados[8]. Ante o goberno franquista de Burgos publicitábase como orfa do pai "asasinado polos republicanos"[9]. Colaborou en La Noche, Sonata Gallega e Ciudad. En 1950, con motivo das festas de Vigo, publicou o folleto Cantiga serea con tres poemas[10].
A principios da década dos sesenta instálase definitivamente en Simes, onde morreu en 1967.
Vida persoalEditar
Casou con Eduardo del Río en xullo de 1922[11]. Viúva de Eduardo del Río, casou con Pedro Fontenla Camiña o 7 de xuño de 1930 en Buenos Aires[12][13]. Novamente viuva, volveu casar con Isaac Sánchez Alonso en Madrid en 1939. Era irmá de Ramón Fariña Cobián.
NotasEditar
- ↑ Marco, Aurora (1996). "Herminia Fariña Cobián. Un corazón inxel na bretemosa Compostela". Andaina: revista do Movemento Feminista Galego, (15): 29–31.
- ↑ El Pueblo Gallego, 17-10-1967, p. 14.
- ↑ El Orzán, 23-3-1927, p. 1.
- ↑ Vida Gallega, 30-6-1931, p. 8.
- ↑ Vida Gallega, 10-2-1932, p. 8.
- ↑ El Avisador Numantino, 13-2-1935, p. 3.
- ↑ "¡Humanidad! Gallegos en pie", El Progreso, 29-12-1935, p. 1.
- ↑ El Pueblo Gallego, 20-6-1937, p. 9.
- ↑ "El dolor de la poetisa huérfana. Un general que murió en su cama". La Vanguardia: 3. 19-5-1938.
- ↑ La Noche, 26-8-1950, p. 6.
- ↑ La Integridad, 1-8-1922, p. 2.
- ↑ El Progreso, 12-7-1930, p. 2.
- ↑ Vida Gallega, 10-8-1930, p. 39.
Véxase taménEditar
BibliografíaEditar
- Alvarellos, Enrique (1993). Mulleres destacadas de Galicia. Alvarellos Editora. p. 90. ISBN 84-85311-96-5.
- Carballo Calero, R. (1975) [1963]. Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. p. 609-610. ISBN 84-7154-227-7.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario Bio-bibliográfico de Escritores (en castelán) II. Bibliófilos Gallegos. p. 13.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. pp. 133–134. ISBN 84-7492-465-0.
- Marco, Aurora (2007). Dicionario de Mulleres Galegas. Edicións A Nosa Terra. p. 153. ISBN 978-84-8341-146-9.
- Rodríguez Lema, Guillermo (1996). Herminia Fariña. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-1591-9.
- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 199. ISBN 84-8288-019-5.
- "Fariña Cobián, Herminia". Gran Enciclopedia Galega (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- "Fariña Cobián, Herminia". Dicionario biográfico de Galicia 2. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 43.