Abrir o menú principal

Hassiba Boulmerka (en árabe: حسيبة بولمرقة), nada en Constantina o 10 de xullo de 1968 é unha ex-atleta alxeriana de carreiras de media distancia, campioa olímpica de es metros nos Xogos Olímpicos de 1992 e campioa mundial en 1991 e 1995. En 1995 foi galardoada co premio Príncipe de Asturias dos Deportes, para o que o xurado tivo en conta as súas cualidades como atleta e tamén os seus valores humanos.

Hassiba Boulmerka
Nacemento10 de xullo de 1968
 Constantina
NacionalidadeAlxeria
Ocupaciónatleta, mediofondista e corredora
PremiosPremio Príncipe de Asturias dos Deportes
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Comezou a facer atletismo aos dez anos,[1] e axiña se especializou nas probas de media distancia. Empezou a participar nalgunhas competicións do seu país e máis tarde a nivel continental.

En 1988 e 1989 gañou os 800 e os 1500 metros nos Campionatos de África que se disputaron na cidade alxeriana de Annaba e en Lagos, respectivamente. Un mes máis tarde participou nos Xogos Olímpicos de Seúl, a súa primeira gran competición internacional, onde participou nos 800 e nos 1500 metros, aínda que non pasou as eliminatorias. Nos anos sucesivos os seus resultados foron mellorando pouco a pouco, e en 1991 chegou a súa consagración, ao gañar a medalla de ouro dos 1500 metros dos Campionatos do Mundo de Toquio. Foi a primeira muller africana que gañaba un título mundial de atletismo. Ese ano acabou segunda no ránking mundial da proba cunha marca 4:00,00 lograda en Zúric pouco antes dos mundiais.

Boulmerka espertou a atención dos medios de comunicación internacionais non só polos seus éxitos deportivos, senón polas ameazas de morte[1] que recibiu de grupos fundamentalistas islámicos do seu país polo feito de correr en pantalón curto e negarse a usar o veo nos actos públicos, o que segundo eles ía en contra da súa relixión. Isto obrigouna a trasladar a súa residencia a Europa, en concreto a Francia.

O seu maior éxito deportivo chegou nos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, onde era unha das grandes favoritas e gañou a medalla de ouro nos 1500 metros nunha chegada moi apertada coa rusa Lyudmila Rogachova. O tempo de Boulmerka foi 3:55,30 mellor marca mundial do ano e mellor de toda a súa vida. Foi a primeira medalla de ouro lograda por Alxeria nuns Xogos Olímpicos, e a segunda medalla de ouro lograda por unha atleta musulmá, despois de Nawal El Moutawakel.

Nos dous anos seguintes o seu rendemento baixou bastante, aínda que logrou unha medalla de bronce nos 1500 metros nos Campionatos do Mundo de Stuttgart 1993. Cando parecía que a súa carreira deportiva estaba en declive, deu a sorpresa gañando a medalla de ouro nos Campionatos do Mundo de Gotemburgo 1995, no que era o seu segundo título mundial. Esa foi a súa única vitoria ao longo da temporada, e foi a súa última gran vitoria.

Participou nos Xogos Olímpicos de Atlanta 1996, mais foi eliminada nas semifinais. Tras non participar nos Campionatos do Mundo de Atenas 1997, a finais desa temporada anunciou a súa retirada do atletismo. Máis tarde foi elixida para a comisión de atletas do Comité Olímpico Internacional.[2]

Trala súa retirada, Boulmerka traballou para promover o deporte entre as mulleres do seu país como unha forma de combater o machismo. Ademais, volveu a Alxeria como muller de negocios.[1]

ResultadosEditar

Ano Competición Lugar Posición Marca
1989 Copa do Mundo Barcelona 7.ª en 800 m 2:00,21
1991 Campionato do Mundo Tokio 1.ª en 1500 m 4:02,21
1992 Xogos Olímpicos Barcelona 1.ª en 1500 m 3:55,30
1993 Campionato do Mundo Stuttgart 3.ª en 1500 m 4:04,29
1994 Copa do Mundo Londres 1.ª en 1500 m 4:01,05
1995 Campionato do Mundo Gotemburgo 1.ª en 1500 m 4:02,42

Marcas persoaisEditar

  • 800 metros: 1:58,72 (Roma, 17 de xullo de 1991)
  • 1500 metros: 3:55,30 (Barcelona, 8 de agosto de 1992)

Tamén tivo o récord de África da milla con 4:20.79, obtido en 1991 en Oslo, durante dezasete anos ata que foi superado pola etíope Gelete Burika, con 4:18.23 en 2008.[3]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Hassiba Boulmerka: Defying death threats to win gold, BBC, 11 de febreiro de 2012. Consultado o 11 de febreiro de 2012.
  2. "Hassiba Boulmerka: Algerian Role Model". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2008. Consultado o 13 de febreiro de 2012. 
  3. IAAF, 7 de setembro de 2008: Powell cruises to 9.77 and 9.82 in Rieti – IAAF World Athletics Tour

Véxase taménEditar