Hafnarfjörður
Coordenadas: 64°04.07′N 21°57.25′O / 64.06783, -21.95417
Hafnarfjörður ou Hafnarfjordur ['hapnarˌfjœrðør̥] é unha cidade portuaria situada na costa suroeste de Islandia, a uns 10 km ao sur de Reiquiavik. É a terceira cidade máis poboada de Islandia, despois de Reiquiavik e de Kópavogur, e ten unha poboación de 25.434 habitantes. A poboación de Hafnarfjörður acadou os 25.000 habitantes o 29 de febreiro do 2008.
Hafnarfjörður | ||
---|---|---|
![]() | ||
Vista da cidade | ||
Localización | ||
País | ![]() | |
Distrito electoral | Suðvesturkjördæmi | |
Rexión | Höfuðborgarsvæði | |
Condado | Gullbringusýsla | |
Xeografía | ||
Superficie | 143 km² | |
Demografía | ||
Poboación | 26.099 hab. (2011) | |
Densidade | 181,8 hab./km² | |
Outros datos | ||
Código postal | 220-221-222 | |
Páxina oficial de Hafnarfjörður |
Ao ser a terceira maior cidade de Islandia, en Hafnarfjörður hai variedade de industrias, de actividades urbanas e celebración de festivais anuais.
HistoriaEditar
1910 | 1.547 |
---|---|
1920 | 2.366 |
1930 | 3.591 |
1940 | 3.686 |
1950 | 5.087 |
1960 | 7.160 |
1970 | 9.696 |
1980 | 12.205 |
1990 | 15.151 |
2000 | 19.640 |
2008 | 25.107 |
Hafnarfjörður (que significa Porto do Fiorde) debe o seu nome ao excelente porto natural da súa localización. A cidade é nomeada por primeira vez no Libro dos Asentamentos, e os primeiros informes de viaxes a Hafnarfjörður datan de finais do século XIV.
Os ingleses comezaron comerciar en Hafnarfjörður no século XV, os comerciantes alemáns seguiron aos ingleses e remataron por desprazalos. Desde aquela os comerciantes Hanseáticos prevaleceron na cidade ata 1602, coa súa base en Hvaleyri. Nesa data a monarquía dinamarquesa estableceu un monopolio dinamarqués no comercio en Islandia que duraría ata fins do século XVIII. Durante ese período, Hafnarfjörður foi o centro de comercio máis importante do país.
En 1793 Bjarni Sívertsen asentouse en Hafnarfjörður e fíxose influente nos negocios locais e no comercio internacional, establecendo a principal empresa de pesca comercial. A súa empresa e iniciativa sinala o comezo dun comercio importante na cidade. Desde entón foi chamado “o pai de Hafnarfjörður” e alcumado “Sir Bjarni”. Arredor de 1870 houbo uns cambios dramáticos na pesca islandesa. Os habitantes de Hafnarfjörður seguiron a tendencia crecente en Islandia de usar barcos con cuberta en vez de barcos de remos. Isto conduciu a un maior emprego e un rápido crecemento e Hafnarfjörður adquiriu o status oficial de municipio en 1908.
A primeira estrada entre Reiquiavik e Hafnarfjörður foi rematada en 1898. O primeiro arrastreiro islandés, Coot, estivo atracado en Hafnarfjörður entre 1905 e 1908. A súa zona estaba limitada pola unión de Reykjavíkurvegur, Strandgata e Vesturgata. O seu primeiro alcalde foi Páll Einarsson, quen máis tarde chegou a ser alcalde de Reiquiavik. Un porto para barcos comerciais maiores foi construído en 1912.
Despois da segunda guerra mundial arrastreiros máis modernos e numerosos barcos con motor foron engadidos á frota. O primeiro arrastreiro de popa na cidade apareceu en 1973. Hoxe en día Hafnarfjörður é un dos maiores centros pesqueiros do país e o primeiro mercado grosista de peixe de Islandia. Ao longo do tempo a dinámica economía local de Hafnarfjörður estivo fortemente vencellada á pesca, aínda que o transporte de mercadorías chegou a ser recentemente a maior actividade portuaria. Actualmente a cidade é o segundo porto de Islandia en importancia de importacións e exportacións.
CulturaEditar
Hafnarfjörður está considerada a capital do rock and roll en Islandia (se ben anteriormente era considerada Keflavík), e nela teñen orixe grupos coma Botnleðja, Jet Black Joe, HAM, Sign, Úlpa, Lada Sport e Jakobínarína.
Días BrillantesEditar
Cada ano en maio ten lugar o festival do Días Brillantes. Os actos inclúen curtametraxes e concertos e normalmente conclúen cun día en homenaxe aos mariñeiros islandeses.
Festival viquingoEditar
No solsticio de verán ten lugar un festival viquingo, iniciado polo pub-restaurante Fjörukráin,no que entusiastas da cultura viquinga de todo o mundo fan reconstrucións da vestimenta viquinga, artesanía, loitas con espadas etc.
ElfosEditar
Hafnarfjörður é coñecida por ser un dos máis populares lugares de residencia de elfos en Islandia. A cidade está construída sobre lava e rodeada de grandes montículos, que se cre que son as casas destes seres mitolóxicos. A cultura popular di que é moi difícil e practicamente imposible destruír estas casas. Hai a posibilidade de facer excursións polos arredores de Hafnarfjörður para visitar as casas máis populares dos elfos, e aínda que a crenza nos elfos diminuíu nos últimos tempos seguen a ser moi populares entre os islandeses e os turistas.
Cidades irmásEditar
Uppsala (Suecia) e Tartu (Estonia).
DeportesEditar
O equipo de fútbol local o FH Hafnarfjörður gañou a Liga de primeira división islandesa tres temporadas consecutivas (2004-2005-2006-2008).
O club de balonmán Haukar Hafnarfjörður gañou a Liga Islandesa de Balonmán no 2007/08 e xoga a Champions League da EHF na temporada 2008/09.
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hafnarfjörður |
A Galipedia ten un portal sobre: Islandia |