Grelo

especie de planta

O grelo[1] é un sinónimo de xermolo que se aplica en moitas partes de Galicia exclusivamente ao gromo do nabo (Brassica rapa). Porén, ás veces é tratada coma Brassica rapa subsp. rapa, Brassica rapa ruvo, Brassica rapa rapifera, Brassica ruvo, ou Brassica campestris ruvo.

A aparencia é a dun gromo máis ou menos groso do que saen algunhas follas e, no extremo, as flores.

Emprégase para preparar o caldo galego e outros pratos típicos, como o lacón con grelos.

O grelo é comestíbel mentres está tenro. Cando abrocha a flor, o grelo endurécese e xa non é posíbel o seu consumo, pois non amolece por moito que se coza.

Un bo sistema para saber se o grelo é mol ou non consiste en darlle un corte transversal no seu extremo. Se o centro está moi branco (branco neve) o grelo xa non é comestíbel a causa da súa dureza.

Hai que denotar a diferenza do grelo e as nabizas: estas últimas son as primeiras follas, tenras, que produce o nabo.

Do nabo sae a nabiza,
Da nabiza sae o grelo,
son tres persoas distintas
e un so Deus verdadeiro.

No mes de xaneiro de 2008, a Real Academia Galega aceptou o termo greleiro como Persoa ou entidade que se dedica ao cultivo dos grelos ou que negocia con eles, despois de que o grupo Gadisa o propuxese.[2][3]

Propiedades editar

Ademais de posuír un alto contido en vitaminas, os grelos axudan a previr o cancro.[4] Esta propiedade foi descuberta pola Misión Biolóxica de Galicia, centro dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O causante desta son os glucosinolatos os mesmos causantes do sabor acedo característico da verdura.[4]

Entre as vitaminas destaca o seu alto contido en calcio, facendo do grelo unha alternativa ao leite para os alérxicos á lactosa e recomendables para persoas que padezan de osteoporose.[4]

Cando se somete ao grelo ás altas temperaturas da cocción, parte dos nutrientes pérdense de xeito irremediable mentres que outra parte fican no alimento e na auga onde se cocen, polo que é recomendable comelos co seu caldo para aproveitar así os glucosinolatos preventores do cancro. Outros xeitos de conservar as súas propiedades son a súa cocción ao vapor ou pasalos na prancha.[4]

Grelos de Galicia editar

Artigo principal: Grelos de Galicia.
 
Grelos no mercado da Pobra do Caramiñal

O 8 de xaneiro de 2010 aprobouse o regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Grelos de Galicia [5]. Recolle dúas variedades ou ecotipos, de Santiago e de Lugo.

Produción en Galicia editar

Segundo os datos da Consellería de Medio Rural, cada ano, apáñanse en Galicia arredor de 100.000 toneladas de grelos.[4] Calcúlase que en Galicia existen unhas 6.500 hectáreas dedicadas ao cultivo deste vexetal para o consumo humano, polo que a superficie total é superior a esta cifra ao haber outras plantacións nas que a colleita emprégase como complemento na alimentación do gando.[4]

No ano 2004, segundo as Contas Económicas da Agricultura, o grelo destinado ao consumo humano supuxo o 15% das producións hortícolas de toda a comunidade.[4] Isto supón o 40% dos 16,7 millóns de euros que acada a venda de grelo galego cada ano.[4] A temporada do grelo é de outubro a febreiro.

A produción actual de grelos non só se comercializa en fresco, hai empresas que ofrecen os grelos en conserva, conxelados e deshidratados.

Os grelos na cultura popular galega editar

Nabo,
nabiza e grelo,
trindade do galego.

Probou a vella os grelos
e lambeuse os dedos.

Non chas quero, non chas quero,
nabizas do teu nabal;
non chas quero, non chas quero,
que me poden facer mal.

Patacas novas,
lacon con grelos,
repolo de Betanzos
e máis xurelos.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para grelo.
  2. A RAG acepta o termo "greleiro" Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine. El Correo Gallego, 28/01/2008 (en castelán) Consultada 0 28/1/2012.
  3. "O termo greleiro | Vídeo". Portal das Palabras. Consultado o 2022-10-11. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Os greleiros aumentarán a produción para conquistar o mercado español El Progreso (en galego) Consultada o 25/03/2020.
  5. DOG nº 4, de 8.01.2010. O rexistro europeo xa fora establecido por Regulamento 1029/2009, de 29 de outubro (DOUE 283, de 30.10.2009).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar