Abrir o menú principal

Gonzalo de Mondoñedo

relixioso galego
(Redirixido desde "Gonzalo Froilaz")

Gonzalo de Mondoñedo, tamén coñecido como San Gonzalo, ou Gonzalo Froilaz, foi un nobre e relixioso galego, membro da familia Froilaz-Traba, fillo de Froila Bermúdez e irmán de Pedro Froilaz, conde de Galiza e Trastámara[1]. Ocupou o bispado de Mondoñedo entre os anos 1070 e 1108. Durante o seu mandato impulsou a obra románica da Catedral de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e mantivo varios preitos territoriais tentando conservar os dominios da súa diocese. Especial relevancia tivo o litixio mantido co bispo Diego Xelmírez polos arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos. A súa figura, santificada polo pobo (non está canonizado pola igrexa), está envolta na lenda ao atribuírselle o afundimento dunha armada normanda e outros milagres.

Gonzalo Froilaz
Bispo de Mondoñedo (1070-1108)

Falecemento1112
SepulturaBasílica de San Martiño de Mondoñedo
PredecesorSuario II (1058-1070)
SucesorPedro I (1108-1112)
Liñaxe / DinastíaFamilia Froilaz-Traba
ProxenitoresFroila Bermúdez
Elvira de Faro

Escudo de Gonzalo de Mondoñedo

Índice

BiografíaEditar

 
Un bispo santo. Óleo do pintor flamengo Pieter Claeissens o vello S.XVI

Gonzalo Froilaz, foi monxe beneditino e abade do mosteiro de Sahagún até o seu nomeamento como bispo de Mondoñedo. A primeira referencia documental na que aparece neste cargo é do 13 de xaneiro do ano 1071, momento no que confirma unha doazón da infanta Urraca, irmá dos reis García II e Afonso VI[2].

Durante o comezo do seu mandato, Gonzalo foi bispo de dúas dioceses episcopais, a de Mondoñedo (antiga Bretoña) e a de Dumio. A diocese de Dumio fora trasladada desde Braga nos anos da chegada do islam á península ibérica[3]. Entre o ano 1071 e o 1108 o bispo Gonzalo figura como confirmante en numerosos diplomas, nalgunhas ocasións asinando como minduniensis episcopus e noutras como bispo dumiensis[4].

Asistiu no 1088 ao Concilio de Husillos, no ano seguinte da tentativa feita por parte da nobreza galega de repoñer no trono o recluído rei García II. Neste concilio o rei Afonso VI depuxo e encarcerou o bispo compostelán Diego Páez implicado na conxura[5]. Da asistencia de Gonzalo ao concilio e de posteriores confirmacións documentais xunto ao rei Afonso pode deducirse que non participou no alzamento. Tampouco existen referencias de que participasen os membros da súa estirpe familiar malia ter sido Froila Bermúdez, pai de Gonzalo, un firme partidario de García, do que os cartularios do Mosteiro de Xuvia indican que non chegou a aceptar nunca a Afonso VI como rei, só como rexente. O conde Froila morreu na vila de Cospeito durante unha visita ao seu fillo Gonzalo no ano 1091, este conduciuno ao mosteiro familiar de Xuvia onde foi sepultado na súa presenza[6].

No ano 1099, o papa Pascual II elevou a sé bracarense á categoría de metropolitana, como consecuencia o bispado de Mondoñedo tivo que retornarlle a diocese de Dumio. Nesta mesma bula papal foilles imposto aos bispos galegos a admisión de San Xeraldo de Braga como arcebispo, e así foi recoñecido un ano despois nun concilio en Palencia, lugar no que todos os seus bispos sufragáneos lle amosaron testemuña de obediencia coa excepción de Gonzalo de Mondoñedo, home de "carácter tenacísimo"[7], que se negou a bicarlle o anel. Esta negativa motivou unha reprensión do papa[8][9]. A perda de Dumio supuxo para Mondoñedo unha redución nas súas rendas económicas e no seu prestixio eclesiástico, Mondoñedo tivo que devolver a Braga as reliquias de San Martiño custodiadas até entón na basílica de San Martiño de Foz.

Catedral de San MartiñoEditar

 
Ábsidas da Basílica de San Martiño de Mondoñedo, construídas na época do bispo Gonzalo Froilaz.
 
Pintura mural do século XII da Catedral de San Martiño. Descuberta no ano 2008[10], o profesor Manuel Castiñeiras atribúe a súa autoría a Bernardo, tesoureiro de Xelmírez e iluminador do Tombo A de Compostela[11].

O bispo Gonzalo ocupou a sé mindoniense nun momento de prosperidade económica e de expansión territorial. Favorecida a súa igrexa por importantes doazóns, como as dos condes de Galiza Raimundo e Urraca no ano 1096[12] ou a de Ermesenda Nuñez, herdeira do conde Osorio Guterrez e motivo dun preito cos monxes do mosteiro de Lourenzá[13], iniciou unha ambiciosa obra para o enaltecemento da súa sé episcopal.

Esta reforma edificouse sobre a anterior catedral prerrománica, obra do século X emprendida polo seu antecesor Rosendo de Celanova, e que aínda pode apreciarse nos muros norte e sur do actual edificio[14]. A construción de San Rosendo tiña remodelado unha construción aínda mais antiga, datada polos arqueólogos no período suevo[15], e da que se pensa foi o Mosteiro Máximo citado no Parochiale suevorum do século VI, residencia do bispo Maeloc e sé episcopal dos bretóns fuxidos dos ataques bárbaros ás Illas Británicas[16].

Na obra románica de San Gonzalo construíuse a parte central da basílica, o arco triunfal, as absidiolas e o ciborio. Así como outros elementos como o retablo que se atopa sobre o altar ou os capiteis. No arranque da bóveda a norte do cruceiro figura unha inscrición na honra do bispo Gonzalo: "ONOREM SCI MARTINI GUNDISALBUS EP"[17]. O proxecto do bispo Gonzalo ficou inconcluso na hora da súa morte, e foi rematado posteriormente polo bispo Munio Afonso. Nese momento xa estaba tomada a decisión de trasladar a sé episcopal cara o interior polo que o remate da obra foi notabelmente mais modesto do planificado. A este momento pertencen unha serie de columnas sen capitel nin base incrustadas no muro que perderon o seu sentido ao reducirse as pretensións da obra[17].

Preito dos arciprestadosEditar

 
Diego Xelmírez, bispo de Compostela, mantivo unha longa inimizade con Gonzalo de Mondoñedo
 
Mosteiro de Sahagún en León. Gonzalo Froilaz foi o seu abade nos anos anteriores á súa consagración como bispo mindoniense.

O asunto que marcou o bispado de Gonzalo Froilaz foi o seu longo enfrontamento co poderoso bispo de Compostela Diego Xelmírez. A restauración da diocese bracarense non só foi prexudicial para o bispado de Mondoñedo, senón que tamén afectou aos de Lugo e Compostela. Estes dous bispados deixaron de percibir importantes ingresos (Compostela posuía a metade da cidade de Braga) o que motivou que os tres bispados galegos iniciasen unha loita polos seus territorios limítrofes. Santiago reclamou a Mondoñedo os arciprestados de Salaxia, Bezoucos e Trasancos alegando que lle foran cedidos á sé mindoniense como préstamo[18][19] e o bispado de Lugo, reclamou o de Montenegro[20].

Para dirimir esta disputa celebrouse un sínodo episcopal na vila de Carrión no ano 1103. Ao mesmo asistiu o bispo de Compostela, Diego Xelmírez, pero non Gonzalo de Mondoñedo alegando problemas de saúde. A consecuencia do concilio, Bernardo de cluny arcebispo de Toledo, solicitou por carta ao bispo mindoniense a devolución dos arciprestados. Diante da negativa do bispo, a mesma solicitude foi repetida, un ano mais tarde, polo bispo de Burgos e polo rei Afonso VI. No ano 1105 o propio pontífice Pascual II ordenou terminantemente a devolución dos arciprestados: "se vos opoñedes á xustiza, sentiredes mais vivamente a súa espada"[21]. Malía as presións recibidas, o bispo Gonzalo, amparado polo poder da súa familia, propietaria da xurisdición civil do territorio en disputa, continuou retendo os arciprestados[7].

A situación non mudou até a morte do rei Afonso VI, naquel momento Pedro Froilaz, cabeza familiar da liñaxe Traba, protexía os dereitos do infante Afonso Raimúndez ao trono do Reino de Galiza diante da súa nai Urraca (filla de Afonso VI) e do seu marido Afonso I de Aragón. Os Traba precisaban da alianza de Diego Xelmírez, que se debatía entre o bando de Afonso Raimúndez e o da súa nai Urraca. Convenientemente, San Gonzalo cesou no seu cargo, e nomeouse bispo a Pedro Amiguiz, abade do Mosteiro de Caaveiro e confesor de Pedro Froilaz[22]. Probabelmente unha solución concertada entre as partes, e unha saída airosa para Gonzalo Froilaz[23].

En febreiro do 1110 a familia Froilaz entrega ao bispado compostelán os arciprestados en litixio mediante un documento no que todos os cregos, cabaleiros e vasalos dos Traba nos territorios disputados prometen obediencia ao bispo Xelmírez. Un documento que asinan en primeiro lugar: Pedro Froilaz de Traba, a súa esposa Dona Maior Guntroda, e as súas irmáns Munia Froilaz e Visclávara Froilaz.

Non foi esta a única concesión que os Traba fixeron ao prelado compostelán, desexoso de reducir a importancia da sé mindoniense, rival da súa[24]. No momento do falecemento de Gonzalo Froilaz no ano 1112, o bispo Pedro regresou ao mosteiro de Caaveiro e foi nomeado para o cargo Munio Afonso, secretario persoal de Xelmírez e un dos redactores da Historia Compostelá[25]. Este bispo tivo frecuentes enfrontamentos coa nobreza mindoniense e rematou por dimitir do seu cargo, regresando a Santiago[17]. Unha das primeiras decisións do seu bispado foi o traslado da sé mindoniense cara o interior, á vila de Vilamaior do val de Brea, o seu actual emprazamento[26], e o abandono de San Martiño en Foz, alegando o perigo que supuña a proximidade ao mar da sé episcopal. Esta decisión tomouse no ano 1113 nun concilio en Palencia solicitado polo mesmo Xelmírez[27], e no que asinan diversos persoeiros ofendidos polo bispo Gonzalo durante o longo preito polos arciprestados[24].

O tesouro do bispo santoEditar

 
Báculo de Mondoñedo. Pertencente ao bispo de Mondoñedo Paio de Cebeira (1199-1218)

O bispo Gonzalo faleceu no ano 1112, foi soterrado na súa igrexa de San Martiño de Mondoñedo nun sartego de granito, conservado até hoxe na nave sur da catedral. Este sartego foi aberto en sete ocasións ao longo dos séculos. A primeira vez en 1648 polo bispo de Mondoñedo Francisco Torres Grijalba, atopando no interior a osamenta do santo[28], restos da vestimenta, un báculo e un cíngulo de ouro e prata[29]. Testemuñas da apertura do sartego narran como o bispo retirou reliquias do sarcófago e as repartiu entre os eclesiásticos que o acompañaban[30], entre elas as moas do santo[31]. Nunha posterior apertura, no ano 1704, o bispo Manuel Navarrete cortou e retirou un óso do sepulcro[31].

A comezos do século XX, foron retirados do sartego[32] os dous símbolos clásicos do bispo, o báculo[33] e o anel[34]. Datados no século XII[29], hoxe consérvanse no museo parroquial de San Martiño de Mondoñedo[35].

  • O báculo[36], que representa a función pastoral do bispo coa súa freguesía, era unha vara de madeira de 1,45 m xungida a unha voluta de cobre dourado de pequeno tamaño, uns dez centímetros. Decorada con triángulos alternos, orixinaban no centro unha especie de rombos; nos seus extremos unhas molduras daban paso ao bastón e á espiral superior. Esta ten forma de serpe, e rematada nunha cabeza animal con unha bóla na boca[29]. Na apertura do sepulcro de 1916 refírese unha inscrición, hoxe desaparecida, na base do báculo na que se podía ler: "GUNDISALVUS"[37]
  • O anel[38], que representa o matrimonio do bispo con Deus e coa súa diocese, é de ouro, cun cuarzo suxeito por catro traballadas cabezas de páxaro. Posúe unha inscrición que di: "NOLO ESSE DATUS NEQUE VENUM DATUS". "Non quero ser dado nin vendido"[29], epígrafe posibelmente relacionado con tradicións de orixe céltica[39]. O profesor de paleografía Manuel Lucas Álvarez da universidade de Santiago apreciou influencias irlandesas na inscrición do anel, estimando a súa antigüidade arredor do século X[40].

Lendas e milagresEditar

 
Frota viquinga invadindo Inglaterra. Iluminación do S.XII.
 
Ermida do bispo santo no monte da cruz do agrelo lugar ao que ascendeu o bispo Gonzalo fuxindo da armada viquinga. Nas proximidades (Pico da Lebre) existen indicios dunha fortificación posibelmente coetánea dos feitos[41].
 
A Fonte da Zapata, supostamente feita brotar por un zapato de San Gonzalo en tempo de intensa seca, é a cristianización do anteriormente chamado "rego de lavar as mans".

A figura de San Gonzalo está asociada á lenda do afundimento dunha armada normanda no esteiro da ria de Foz. A lenda, para a que se poden atopar similitudes no folclore céltico[42], é racionalizada por algúns historiadores atribuíndo os naufraxios a causas naturais[43] ou ao descoñecemento dos perigos da costa galega[44].

Se ben existen multitude de versións do relato[45][46][47][48], todas narran mais ou menos os seguintes feitos:

Conta a lenda que cando unha poderosa armada normanda asomou polas costas mariñáns, os veciños da comarca, aterrados polo que lles ía pasar, acudiron ante a autoridade máis importante, o bispo da Sé episcopal de Mondoñedo, que nese tempo (864 – 1117) estaba asentada no lugar de San Martiño de Mondoñedo. O bispo Gonzalo, sabedor de que os soldados que defendían a catedral eran a única forza armada ca que se podería contar para repele-lo ataque, decide marchar en procesión ata o monte coñecido como A Cruz do Agrelo. O prelado portaba unha cruz de madeira que se lle facía cada vez máis pesada, debido a que el era xa unha persoa de idade avanzada e á orografía do camiño, para alivia-lo peso descansaba cada pouco, aproveitando ese tempo para rezar. Por cada vez que se axeonllaba e pregaba a Deus, un barco normando se afundía. Así cando chegaron ao alto do monte tan só quedaba unha nave, tres noutras versións, á que deixa marchar para que informe aos seus paisanos do poder de Deus.
De normandos e bispos santos - Xoán Ramón Fernández Pacios[49]

Nos anos posteriores ao "milagre", o bispo Gonzalo comezou a rodearse dun aura de santidade e a xerarse un culto popular en torno á súa figura.

Esta santificación, feita polo pobo, nunca foi recoñecida oficialmente pola igrexa católica, San Gonzalo non está canonizado. Porén, admitiuse o seu culto local e o "santo" foi incluído nos calendarios da catedral de Mondoñedo no século XIV, douscentos anos despois da morte do bispo.

A comezos do XVI, a igrexa aproveitou esta veneración popular para rematar con algúns dos ritos pagáns e supersticiosos presentes na zona[50]:

- Edificouse arredor do 1577[51] no monte da cruz do Agrelo a ermida do bispo santo, afirmando que alí foi onde se produciu o milagre de San Gonzalo. Oportunamente apareceu no monte soterrada unha imaxe de madeira do santo. Neste mesmo monte da cruz do Agrelo existe unha fonte chamada, fonte dos Mouros á que peregrinaba a xente á procura de curación nas súas augas[52]. Coa construción da capela, cristianizouse tamén a asistencia da xente ao lugar dando orixe á tracional romaría focense coñecida como festa do Santo.

- Xurdiu o milagre da fonte da Zapata no lugar coñecido popularmente como "rego de lavar as mans". Neste regato levábanse a cabo remedios e ritos encamiñados a conseguir a curación dos enfermos. A igrexa tentou frear este costume aplicando primeiro excomuñóns coercitivas a algún veciño e posteriormente inventando outro milagre do santo Gonzalo[53], o nacemento da fonte da zapata. Cóntase que os veciños, acuciados pola falta de auga nun período de intensa seca, acudiron ao santo e este lanzou un dos seus zapatos a un lugar próximo no que naceu unha fonte de auga milagreiras capaz de curar enfermidades[45].

Debate historiográficoEditar

 
Bispos no xadrez da illa de Lewis. Século XII

Unha parte dos historiadores que desde o século XVII se teñen ocupado da figura do bispo Gonzalo e a súa lenda, teñen negado a identificación do bispo santo de Mondoñedo co bispo Gonzalo Froilaz do período 1070-1108. Esta negativa baseábase en dous motivos principais:

1.- Non hai ataques normardos en Galiza despois da época do bispo Cresconio (1037-1066)[54].

Porén, os ataques dos piratas foron o motivo oficial do traslado da sé mindoniense desde Foz até Vilamaior do Val de Brea (lugar onde se asenta nos nosos días) decidido no Concilio de Palencia do ano 1113. A historia compostelá refire nas súas páxinas dúas incursións entre os anos 1108 e 1115[55], e mesmo existe unha doazón do pai de San Gonzalo, Froila Bermúdez, ao mosteiro de Xuvia no que di que cede ao mosteiro as vila de Domirón e San Xiao de Mondego, ocupadas polos normandos e recuperadas polo seu fillo o bispo Gonzalo[56]

2.- O conflictivo bispo Gonzalo, carece da humildade e a obediencia necesarias para ser santificado pola igrexa[57].

Durante o litixio dos arciprestados o bispo Gonzalo refusou acatar ordes do arcebispo de Toledo, do rei Afonso VI e do papa Pascual II, motivo polo que semella difícil que a xerarquía eclesiástica resolvese conceder a santidade á súa figura. Porén, quen santificou o bispo non foi a igrexa senón a tradición popular. O bispo Gonzalo non é santo oficialmente pois non está canonizado pola igrexa católica, é un santo elevado polo pobo e mesmo existiron tentativas dalgúns dos bispos mindonienses de deter o seu culto[58].

Ademais da refutación destes argumentos, as inspeccións do contido do sepulcro da catedral de San Martiño[32], identificado tradicionalmente co de San Gonzalo, datan os achados na época de Gonzalo Froilaz. Así o corroboran as investigacións do profesor Ramón Yzquierdo Perrín, que data báculo e anel nos primeiros anos do século XII[59], as análises realizadas dos restos das roupas, remitidas ao museo arqueolóxico nacional, que datan a súa factura no século XII, e os estudos do esqueleto realizadas polos profesores Xosé Carro Otero e María Luisa Varela Ogando chegan á mesma conclusión[60].

Por outra parte, a súa pertenza á familia Froilaz-Traba foi posta en dúbida polo medievalista británico Richard A. Fletcher que sinala que a idade canónica para a elección dun bispo eran os trinta anos. Sendo Gonzalo bispo de Mondoñedo desde o 1071 o seu nacemento tivo que producirse antes do 1041 o que o distanciaria demasiado do seu segundo irmán Pedro nado arredor do 1075[61].

Dignidades da Igrexa católica
Predecesor:
Suario II
 Bispo de Mondoñedo 
1071 - 1108
Sucesor:
Pedro I

NotasEditar

  1. "Liñaxe Froilaz-Traba". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 17/10/2018. 
  2. Flórez, Henrique (1764). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España 18. p. 118. 
  3. Yzquierdo Perrín, Ramón (2000). Las Catedrales de la diócesis de Mondoñedo en la Edad Media (PDF). Universidade da Coruña. p. 108. ISBN 84-95322-46-3. 
  4. Cal Pardo, Enrique (2003). Episcopologio mindoniense. Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento". pp. 74–78. 
  5. González López, Emilio (1978). Grandeza e decadencia do reino de Galicia. Galaxia. p. 177. ISBN 84-7154-303-6. 
  6. "Froila Bermúdez". Real Academia de la historia. Consultado o 30/10/2018. 
  7. 7,0 7,1 López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 264. 
  8. Cal Pardo, Enrique (2003). Episcopologio mindoniense. Instituto de estudios gallegos "Padre Sarmiento". p. 78. 
  9. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 62
  10. "SAN MARTÍN DE MONDOÑEDO - A.Garcia Omedes". www.arquivoltas.com. Consultado o 2018-11-02. 
  11. "«Los frescos de San Martiño son el hallazgo más importante de los últimos 30 años en Galicia»". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-06-24. Consultado o 2018-11-02. Mondoñedo e Santiago tiveron durante moitos anos un gran preito pola posesión de territorios. (...) eu estou convencido, seguramente este ciclo pictórico está en relación con Bernardo, que fose tesoureiro da Catedral de Santiago. Enfadouse con Xelmírez, este botouno e veu aquí, de exilio. 
  12. Flórez, Henrique (1764). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España 18. p. 119. 
  13. Florez, Henrique (1764). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España 18. p. 123. 
  14. Yzquierdo Perrín, Ramón (2000). Las Catedrales de la diócesis de Mondoñedo en la Edad Media (PDF). pp. 111–113. ISBN 84-95322-46-3. 
  15. Sá Bravo, Hipólito (1972). El monacato en Galicia 1. Librigal. p. 473. 
  16. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 68-69
  17. 17,0 17,1 17,2 FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 70-71
  18. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 258–267. 
  19. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia Compostelá. Akal. Clásicos latinos medievales. pp. 133–142. 
  20. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 62.
  21. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 65
  22. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 177. 
  23. Cal Pardo, Enrique (2003). Episcopologio Mindoniense. Instituto de estudos galegos "Padre Sarmiento". p. 88. 
  24. 24,0 24,1 "San Gonzalo. Bispo mindoniense". terraetempo.gal. Consultado o 30/10/2018. 
  25. Flórez, Henrique (1764). España Sagrada. Theatro geographico-histórico de la iglesia de España 18. pp. 124–134. 
  26. Yzquierdo Perrín, Ramón (2000). Las Catedrales de la diócesis de Mondoñedo en la Edad Media (PDF). Universidade da Coruña. p. 131. ISBN 84-95322-46-3. 
  27. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. Akal. Clásicos latinos medievales. p. 220. 
  28. Interior do sartego do bispo Gonzalo de Mondoñedo. Imaxe do libro editado pola academia galega de belas artes: Lugo no obxectivo as nosas raices. Manuel Chamoso Lamas. Ano 1995
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 Yzquierdo Perrín, Ramón (2000). Las Catedrales de la diócesis de Mondoñedo en la Edad Media (PDF). Universidade da Coruña. pp. 130–131. ISBN 84-95322-46-3. 
  30. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 113-114
  31. 31,0 31,1 FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 123
  32. 32,0 32,1 Imaxe do sartego do bispo Gonzalo
  33. "Imaxe do báculo do bispo Gonzalo". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2016. Consultado o 02 de novembro de 2018. 
  34. "Imaxe do anel do bispo Gonzalo". Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2016. Consultado o 02 de novembro de 2018. 
  35. "Museo Parroquial de San Martiño de Mondoñedo". museos.xunta.gal. Consultado o 2018-11-04. 
  36. Consello da Cultura Galega. Báculo do Bispo Gonzalo de Mondoñedo (Modelo 3D). 
  37. FERNÁNDE PACIOS 2008. p. 118
  38. Consello da Cultura Galega. Anel do Bispo Gonzalo de Mondoñedo (Modelo 3D). 
  39. "San Gonzalo. O famoso bispo santo". Proxecto Gaelaico. Consultado o 27/10/2018. 
  40. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 124
  41. "Cando as lendas se volven realidade: o Bispo Santo e o refuxio de San Martiño". Capítulo 0. 2011-02-20. Consultado o 2018-11-02. 
  42. Murphy, Anthony. "Mythical Ireland - Myths & Legends - The Sons of Mil". Mythical Ireland - New light on the ancient past (en inglés). Consultado o 2018-11-01. 
  43. FERNÁNDEZ PACIOS 2008 p. 90
  44. Vicetto, Benito (1871). Historia de Galicia (PDF) 4. p. 48. 
  45. 45,0 45,1 Cal Pardo, Enrique (2003). Episcopologio Mindoniense. Instituto de Estudos Galegos "Padre Sarmiento". p. 85. 
  46. "Lenda O bispo santo e os normandos, Mondoñedo, Lugo, Galicia, lendas galegas". lendasgalegas.swred.com (en castelán). Consultado o 2018-10-31. 
  47. Comunicación, Abertal. "El Obispo Santo y los Normandos". www.pangalaica.com. Consultado o 2018-11-01. 
  48. "The Bispo Santo and the Normans - Fascinating Spain". España Fascinante (en inglés). Consultado o 2018-11-01. 
  49. Fernández Pacios, Xoán Ramón. "De Normandos e Bispos Santos". www.terraetempo.gal. Consultado o 2018-11-01. 
  50. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 90-91
  51. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 138
  52. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 93-94
  53. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 99-100
  54. Almazán, Vicente (1986). Gallaecia scandinavica: Introducción ó estudio das relacións Galaico/Escandinavas durante a Idade Media. Galaxia. p. 118. ISBN 84-7154-524-1. 
  55. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 52
  56. LÓPEZ SANGIL 2005 p. 17
  57. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. p. 56
  58. Leonardi, C. (2000). Diccionario de los santos 1. San Pablo. p. 956. ISBN 84-285-2258-8. 
  59. Yzquierdo Perrín, Ramón (1994). De Arte et Architectura: San Martín de Mondoñedo. Deputación de Lugo. p. 57. ISBN 84-86824-48-6. 
  60. FERNÁNDEZ PACIOS 2008. pp. 48-50
  61. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF). Oxford University Press. p. 36. 

Véxase taménEditar