Glam rock

subxénero do rock

O glam rock (tamén coñecido coma glitter rock), é un subxénero do rock que se desenvolveu no Reino Unido na época post-hippie de principios dos anos 70. O seu nome é un apócope da palabra "glamour".

Glam rock
Orixe musicalrock and roll, garage rock, folk rock
Orixe culturalanos 70 en Inglaterra
Instrumentos típicosguitarra, baixo, batería, piano, saxofóns, sintetizadores, cordas
Derivadosrock gótico, New Romanticism
Xéneros de fusión
glam metal - glam punk - Neo-glam - Post glam

Un fenómeno británico en grade medida, o glam rock chegou á súa cima a mediados dos anos 70. O s seus expoñentes máis famosos foron Marc Bolan e T. Rex, Gary Glitter e Slade. Outros influentes artistas tanto británicos coma estadounidenses son Elton John, David Bowie, Alice Cooper, Sweet, Wizzard, Roxy Music, Mud, Mott the Hoople, Queen, The Glitter Band, The New York Dolls, Sparks, Kiss, The Tubes e Suzi Quatro.

Historia

editar

O glam rock xurdiu das escenas inglesas do rock psicodélico e o and art de finais dos anos 60 e pode verse como unha extensión desas tendencias. Musicalmente era moi diverso, variando entre o rock sinxelo e o revivalismo de figuras como Alvin Stardust ata a complexidade do art rock de Roxy Music, e pode ser visto tanto como unha moda como un sub-xénero musical. Visualmente era unha mestura de varios estilos, indo do glamour de Hollywood dos anos 30, pasando polo sex appeal pin-up dos 50, a teatralidade do cabaret de pre-guerra, o estilo e a literatura vitoriana, e a ciencia ficción, ata o misticismo e a mitoloxía; manifestándose en roupas extravagantes, maquillaxe, peiteados e botas con plataformas. O glam destaca pola súa ambiguedade sexual e de xénero e as representacións da androxinia, xunto a un amplo uso do teatro.

 
David Bowie a principios dos anos 70

As orixes do glam rock están asociadas con Marc Bolan, que renoumeou ao seu dúo como T. Rex e fixéronse con instrumentos eléctricos cara finais dos anos 60. Adoita a citarse como o momento do surximento a súa aparición no programa británico de televisión Top of the Pops en marzo de 1971, levando purpurina e roupa de satén, interpretando o que sería o seu primeiro sinxelo en acadar o número 1, "Hot Love". Dende finais de 1971, o nese intre menos coñecido, David Bowie desenvolveu a súa personaxe Ziggy Stardust, incorporando elementos de maquillaxe profesional, mímica e performance nas súas actuacións. Estes artistas foron rapidamente seguidos por xente como Roxy Music, Sweet, Slade, Mott the Hoople, Mud e Alvin Stardust. Aínda que estaban a ser un grande éxito nas listas de sinxelos británicas, moi poucos destes músicos foron capaces de ter un impacto serio nos Estados Unidos; sendo Bowie a principal excepción ao converterse nunha estrela a nivel internacional e provocando a adopción do estilo glam en artistas como Lou Reed, Iggy Pop, New York Dolls e Jobriath, coñecéndose a miúdo como "glitter rock" e con letras máis escuras que as dos seus homólogos británicos.

No Reino Unido o termo glitter rock foi máis usado para referirse á versión máis extrema do glam representada por Gary Glitter e a súa banda, The Glitter Band, que conseguiron 18 sinxelos no top 10 do Reino Unido entre 1972 e 1976. Unha segunda fornada de artistas de glam rock, onde se inclúe a Suzi Quatro, Wizzard e Sparks, dominou a lista británica de sinxelos de 1974 ata 1976.

Houbo artistas, algúns deles non considerados fundamentais para o xénero, que tamén adoptaron o estilo glam, como Rod Stewart, Elton John, Queen e, durante un tempo, incluso os Rolling Stones. O punk rock a miúdo vese como unha reacción á artificialidade do glam rock, aínda que usando algúns elementos deste coma a maquillaxe e realizando versións de temas glam, e a súa aparición axudou a poñer fin á súa mode de cara ao ano 1976.

Influencia posterior

editar

A pesar de que a popularidade do glam rock foi en declive na segunda metade dos 70, foi unha influencia directa para bandas que se fixeron famosas posteriormente, como Kiss e os artistas estadounidenses de glam metal Quiet Riot, W.A.S.P., Twisted Sister e Mötley Crüe. Foi tamén a principal influencia de bandas británicas de New Romantics como Adam Ant e Flock of Seagulls, e a súa androxinia e política sexual foi recollida por grupos como Culture Club, Bronski Beat e Frankie Goes to Hollywood. Tivo tamén unha pequena influencia directa na aparición do rock gótico, que adoptou a maquillaxe, as roupas e a teatralidade. Nos anos 90, no Xapón o visual kei estivo fortemente influenciado pola estética glam rock. Dende os anos 70 o glam tivo algunhas modestas recuperacións con artistas como Prince e bandas como Marilyn Manson, Placebo, Chainsaw Kittens e The Darkness.