Gerolamo Cardano
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Gerolamo Cardano, nado en Pavia o 24 de setembro de 1501 e finado en Roma o 21 de setembro de 1576 foi un médico, matemático, astrólogo e estudoso do azar italiano, coñecido tamén como Girolamo Cardano, Geronimo Cardano e Hyeronimus Cardanus.
Filósofo e enciclopedista, foi autor dunha das primeiras autobiografías modernas.
Traxectoria
editarGerolamo Cardano era fillo ilexítimo de Fazio Cardano, avogado con talento para as matemáticas, que foi amigo de Leonardo da Vinci. En 1520 ingresou na Universidade de Pavia e estudou medicina en Padua, conseguindo moi boas cualificacións. Finalmente acadou unha considerable sona como médico en Saccolongo, preto de Padua, e os seus servizos foron moi valorados entre a clase alta, chegando a atender o arcebispo escocés de Saint Andrews. En 1539 foi aceptado no Colexio Médico de Milán.
En Boloña Cardano foi acusado de herexía en 1570 polo ton polémico e agudo dos seus escritos e por escribir o horóscopo de Xesús de Nazaret en 1554. Foi procesado e pasou varios meses en prisión, ata que abxurou e logrou a liberdade coa prohibición de publicar.
Mudouse entón a Roma e conseguiu unha pensión do papa Gregorio XIII. Alí practicou a medicina, escribiu libros médicos e rematou a súa autobiografía. Morreu na mesma cidade (segundo unha lenda, o día que el predixera) e o seu corpo foi levado a Milán e soterrado na igrexa de San Marcos.
Obra
editarCardano é hoxe coñecido polos seus múltiples intereses e as súas dúas enciclopedias de saberes, De subtilitate rerum (1550) e De varietate rerum (1559) conteñen unha ampla variedade de invencións, feitos e coñecementos que hoxe se consideran máxicos ou supersticiosos.
Como médico foi o primeiro en describir a febre tifoide e comentou obras de Galeno e Hipócrates. O seu Contradicentium medicorum, de 1536, trata temas de discusión na medicina do século XVI e Liber somnorium é a última onirocrítica de raíces antigas e medievais, o que o converte nun texto valiosísimo citado por Freud en Die Traumdeutung.
Destaca polos seus traballos na álxebra. En 1539 publicou o libro de aritmética Practica arithmetica et mensurandi singulares. Na súa obra Ars magna (1545) publicou as solucións ás ecuacións de terceiro e cuarto grao. A solución a un caso particular de ecuación cúbica, en notación moderna foille comunicada a través de Niccolò Fontana Tartaglia, a quen Cardano xurara non desvelar o segredo da resolución. Porén, Cardano considerou que o xuramento acabara tras obter información doutras fontes, polo que polemizou con Tartaglia, a quen ademais cita. En realidade o achado das solucións das ecuacións cúbicas non se debe a ningún dos dous, senón a Scipione dal Ferro contra o 1515 e hoxe recoñécese a honradez de Cardano que así o recoñecía no seu libro.
O seu libro sobre os xogos de azar Liber de ludo aleae, escrito na década de 1560, mais publicado postumamente en 1663, constitúe o primeiro tratado serio de probabilidade.
Cardano contribuíu á hidrodinámica apoiándose en esquemas do século XV e mantivo que o movemento perpetuo era imposible agás nos corpos celestes. Introduciu a grade de Cardano, ferramenta criptográfica en 1550 e desenvolveu un dispositivo que permite conservar a horizontalidade mediante dous eixes que xiran en ángulo. Este dispositivo emprégase na actualidade en millóns de vehículos e é coñecido como cardán. Tamén deseñou outro artefacto para o asentamento dos compases nos barcos.
Na filosofía escribiu sobre temas morais (De consolatione, De sapientia, Proxeneta) e en De immortalitate animorum reabriu unha discusión que tiveran anos antes Pietro Pomponazzi, Agostino Nifo, Alessandro Achillini e Marcantonio Zimara sobre que podía dicir a razón natural sobre a inmortalidade do home. Cardano opoñíase a Pietro Pomponazzi, seguidor de Alexandre de Afrodisias.
Os seus libros biográficos son dúas obras mestras, que fan ademais un retrato excelente do que puido ser un sabio do século XVI e a valoración dos seus libros.
Listaxe das obras
editar- De malo recentiorum medicorum usu libellus, Venecia, 1536 (medicina).
- Practica arithmetice et mensurandi singularis, Milán, 1539 (matemáticas).
- De consolatione, Venecia, 1542 (filosofía).
- De sapientia, Núremberg, 1544 (filosofía).
- Artis magnae, sive de regulis algebraicis —coñecido como Ars Magna—, Núremberg, 1545 (álxebra).
- De immortalitate animorum, Lión, 1545.
- Liber somniorum, Basilea, 1562. Última obra, pero renovadora, sobre a onirocrítica.
- Contradicentium medicorum, Venecia 1536, temas de discusión en medicina.
- In Cl. Ptolemaei... Quadripartitae Constructionis libros Commentaria, Basilea, 1554 (astroloxía)
- De subtilitate rerum, Nuremberg, Johann Petreius, 1550 (enciclopedia).
- Liber de libris propriis, Leiden, 1557. Auto-bibliografía.
- De varietate rerum, Basilea, Heinrich Petri, 1557 (enciclopedia).
- Opus novum de proportionibus numerorum, motuum, ponderum, sonorum, aliarumque rerum mensurandarum. Item de alia regula, Basilea, 1570. (matemáticas).
- Prosseneta. Libro sobre o trato entre os humanos.
- De propia vita, París, 1643. Autobiografía.
- Liber de ludo aleae (probabilidade).
- Metoposcopia, París, 1658, sobre fisiognómica.
- Theonoston, 1663, filosofía.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gerolamo Cardano |
Bibliografía
editar- Alfonso Ingegno, Saggio sulla filosofia di Cardano, Florencia, La Nuova Italia, 1980.
- Nancy G. Siraisi, The Clock and the Mirror: Girolamo Cardano and Renaissance Medicine, Princeton, N.J., Princeton Univ., 1997 ISBN 0-691-01189-3.
- Anthony Grafton, Cardano's Cosmos, Cambridge Mas., Harvard Univ., 1999.
- Eckhard Keβler (ed.), Girolamo Cardano, Philosoph, Naturforscher, Arzt, Wiesbaden, Haarassowitz, 1994 ISBN 3-447-03599-4.
- Maria Luisa Baldi, Guido Canziani (eds.), Girolamo Cardano. Le opere, le fonti, la vita, Milán FrancoAngeli, 1999 ISBN 88-464-1165-X.
- Maria Luisa Baldi, Guido Canziani (eds.), Cardano e la tradizione dei saperi, Milán, FrancoAngeli, 2003, ISBN 88-464-5267-4
- Martín Casalderrey, Francisco (2000): Cardano y Tartaglia- Las matemáticas en el Renacimiento Italiano, 2000, Nivola ISBN 978-84-930719-5-0
Ligazóns externas
editar- Versión en castelán de De immortalitate animorum Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine.