Abrir o menú principal

Germán Sánchez Ruipérez, nado en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca) o 12 de setembro de 1926 e finado na República Dominicana o 12 de febreiro de 2012[1], foi un empresario do mundo da edición e mecenas cultural de España.

Germán Sánchez Ruipérez
Nome completoGermán Sánchez Ruipérez
Nacemento12 de setembro de 1926
 Peñaranda de Bracamonte
Falecemento12 de febreiro de 2012
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónempresario
PremiosJuan Lladó Prize
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

 
Exposición Germán, sobre a vida de Germán Sánchez Ruipérez, na Casa del Lector.

Fillo dunha mestra e un libreiro, trasladouse coa familia a Salamanca ao rematar a Guerra Civil e en 1942 incorporouse ao negocio familiar da librería. Casou en 1953 con Ofelia Grande e nesa época viaxou a Londres, onde coñeceu a Stanley Unwin, que sería fundamental para a súa formación no negocio editorial.

En 1958 fundou Ediciones Anaya S.A., con sede en Salamanca, que se orienta á edición de libros educativos e de texto. Amigo do filólogo Fernando Lázaro Carreter, os manuais de literatura española que este escribe para a súa editorial e o seu asesoramento converteron á editora nunha das grandes de España. Posteriormente estendeu a súa actividade a outras empresas editoriais creando Cátedra, Pirámide, Barcanova, Algaida, Anaya Multimedia e Anaya Interactiva, e adquiriu outras, como Tecnos, Bibliograf, Credsa, Alianza Editorial (un dos seus grandes éxitos profesionais) e Ediciones del Prado. Da suma de todas elas naceu o Grupo Anaya SA. Neste proceso contou con colaboradores como Antonio Basanta e Felicidad Orquín. Unha das súas preocupacións foi o desenvolvemento da cultura do libro infantil, creando varios premios ao fomento da lectura e á excelencia profesional de profesores e escritores. Ademais iniciou unha expansión polo continente americano, creando editoriais independentes con socios locais.

En 1981 creou a Fundación Germán Sánchez Ruipérez, con sedes en Madrid, Peñaranda de Bracamonte e Salamanca, dedicada á formación de profesionais do sector editorial e ao fomento da lectura, e impulsou a creación da Casa del Lector en Madrid. En 1990 fundou un periódico, El Sol, que durou dous anos, e desde as súas páxinas fomentou a cultura publicando unha colección económica de grandes autores da literatura universal que se vendía conxuntamente con cada exemplar. Nos últimos anos foi desprendéndose das distintas empresas que adquiriu, incluída Alianza, e vendeu a empresa fundacional, para quedarse só á fronte da Fundación Germán Sánchez Ruipérez, cuxo único obxectivo segue sendo a difusión da lectura.

Morreu logo de dous días hospitalizado na República Dominicana. A súa sobriña neta, Ofelia Grande, é a directora de Siruela.

NotasEditar

  1. Muere el editor Germán Sánchez Ruipérez El País, 12 de febreiro de 2012 (consultado o 12 de febreiro de 2012).

Véxase taménEditar