Carqueixa

especie de planta
(Redirección desde «Genista tridentata»)
Carqueixa
Genista tridentata

Carqueixa
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fabales
Familia: Fabaceae
Subfamilia: Faboideae
Tribo: Genisteae
Xénero: Genista
Especie: G. tridentata
Nome binomial
Genista tridentata
L.
Subespecies
Véxase o texto
Sinonimia
Véxase o texto

A carqueixa ou lavacuncas, Genista tridentata ou Chamaespartium tridentatum,[1] é unha especie de planta fanerógama arbustiva da familia das fabáceas pertencente ao xénero Genista.

Con moito ramallo, rastreiro, de flores amarelas, e cunha especie de ás características que percorren o caule e que forman en cada nó tres pequenos dentes. Atribúenselle moitas propiedades medicinais en Galicia.

Cómpre non confundila coa chamada carqueixa boieira (Halimium lasianthum ou Halimium alyssoides).

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1753 por Linneo na páxina 710 da súa obra Species Plantarum.[2][3]

Sinónimos editar

Coñeceuse tamén polos sinónimos:[3]

  • Chamaespartium tridentatum (L.) P.E.Gibbs
  • Cytisus tridentatus (L.) Vuk.
  • Genista tridentata riphea (Pau & Font Quer) Greuter
  • Genistella tridentata (L.) Samp.
  • Pterospartum tridentatum (L.) K.Koch
  • Pterospartum tridentatum (L.) Willk.

Subespecies editar

Recoñécense as subespecies seguintes:[3]

  • Genista tridentata cantabrica (Spach) Nyman
  • Genista tridentata lasiantha (Spach) Greuter
  • Genista tridentata riphaea (Pau & Font Quer) Greuter
  • Genista tridentata stenoptera (Spach) Greuter
  • Genista tridentata tridentata L.

A subespecie típica da carqueixa, Genista tridentata tridentata, procede de Portugal, e foi recolleita xunto a Lisboa por Pehr Löfling, discípulo de Linneo, na súa viaxe de 1751. A raza máis espallada, que ten os caules fértiles largamente alados, denominouse Genista tridentata cantabrica (Spach) Nyman. E, finalmente, a carqueixa de flor pilosa tense denominado Genista tridentata lasiantha (Spach) Greuter.[4]

Cacaracterísticas editar

Gamallo carente de follas que pode acadar o metro de altura, inerme. Talos con aspecto artellado con divisións que semellan cotobelos, percorridos por dúas ás onduladas, coriáceas e ásperas ao tacto e rematados nunha estrutura dentada con dous nervios ben marcados. Flores curtamente pediceladas, reunidas en cimas terminais subcorimbosas, mestas. Cáliz moi tomentoso, co labio inferior máis longo. Corola pubescente, de cor amarelo-alaranxado; estandarte máis ou menos tomentoso na súa face dorsal. Dez estames, soldados. Legume de 9–14 mm, oblonga, pilosa, o que lle dá un certo brillo, e comprimida lateralmente. Sementes con estrofíolo. É unha planta moi pirófita, que torna a agromar de xeito doado tras os lumes. Florece dende finais do inverno e ao longo da primavera.[5]

Distribución e hábitat editar

Áchase na metade occidental da Península Ibérica e norte de Marrocos. A súa área peninsular abrangue desde Asturias, Cantabria até Andalucía occidental, incluíndo Portugal ambas as dúas Castelas e mais Estremadura. En Galicia é común en todo o territorio, sendo máis frecuente nas zonas cun clima con influencia mediterránea. Forma parte das matogueiras xunta especies coma estevas, uces (uceiras), toxos ou queiroas, así coma de formacións degradadas de cerquiño (Quercus pyrenaica), sobreiras ou piñeiros, sobre solos silíceos e pobres dende o nivel do mar até os 1.700 msnm . Non atura ben a aridez. En Marrocos medra en zonas baixas do Rif central silíceo.

Etimoloxía editar

O termo galego carqueixa, (antes carqueija[6]; en portugués carqueja, en leonés carquexa, en asturiano carqueixa ), por carecer de follas propiamente ditas, e ter unhas formacións semellantes á folla dun carballo, podería vir, o mesmo que os termos galegos cerquiño e cerqueira, da voz latina Quercus (carballo).

Importancia económica e cultural editar

Usos editar

É unha planta recoñecida en Galicia e todo o noroeste peninsular por ser moi medicinal,[7] tamén na provincia de Zamora e en León. Atribúeselle propiedades diuréticas, emolientes, así como contra a tose, a reuma, a artrose, dores de barriga, arrefriados, e a gota. Xa frei Martín Sarmiento, grande estudoso da botánica e da lingua galega, no século XVIII, loaba o valor desta planta no seu libro Disertación sobre las virtudes maravillosas y uso de la planta llamada carqueixa.

Sarmiento agradecía a Deus que criase a carqueixa (daquela grafada coma carqueija) nesta terra (Galicia).[7] Recomendaba as fretas e baños da súa cocedura nas pernas e pés, os riles. Baixa o inchazo dos pés e pernas facendo pediluvios. Tamén dicía que era útil para fregar a louza e o chan; para prender o lume, chamuscar o porco etc.

Tamén se ten empregado en infusión. O recendo é grato e o sabor nada repugnante. Para beber cócese coma o e bótaselle un chisco de azucre.

Sarmiento dicía que había unha variedade da planta, chamada carqueija boieira, que medra en lugares máis areentos e secos que a normal, a cal, despois de seca, usábase como combustíbel e tamén, por mor da aspereza das súas follas, como estropallo para limpar a louza:

Vai fregar os galedos,
barcais, barreños,
orgidais, valdes,
sellas e botejos:
os pratos e cuncas
de pau bidueiro
fregar con carqueijas
ou ben con codesos[8]

Cando a carqueixa está tenra, as ovellas consómena. Tense usado noutrora para estrume, e leito do gando. Nalgunhas comarcas, na matanza, despois de chamuscar o porco con palla para tirarlle as sedas, rozábase a pel a eito coa carqueixa para limpala.[9]

Información etnobotánica editar

Trátase dun vexetal moi coñecido a nivel popular, con numerosos refráns como o leonés a seguir, alegórico da súa relación fenolóxica co preñazo da loba:

Carqueixa brotada, lloba preñada. Carqueixa florida, lloba parida.

Bouza Brey [10] recolleu na ría de Arousa a seguinte cantiga:

  • Eu pedínchello a unha nena/ debaixo dunha carqueixa,/ eu pedínchello, eu dóuchomo/ e dela non teño queixa.

Notas editar

  1. carqueixa no Dicionario da RAG.
  2. Genista tridentata en "Flora ascular" (en castelán).
  3. 3,0 3,1 3,2 Genista tridentata L. no GBIF. Consultado o 13 de decembro de 2021.
  4. López, Ginés (2007). Guía de los árboles y arbustos de la Península Ibérica y Baleares (3ª ed.). Madrid: Mundi-Prensa. ISBN 10: 84-8476-312-9. 
  5. Galán Cela, P.; Gamarra Gamarra R., García Viñas J.I. (1998). Árboles y Arbustos de la Península Ibérica e Islas Baleares. Madrid: Jaguar. ISBN 84-95537-50-8. 
  6. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano
  7. 7,0 7,1 http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=carqueixa&tipo_busca=lema
  8. Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano.
  9. Oria de Rueda, J. A.; Diez, J. (2003). Guía de árboles y arbustos de Castilla y León. Palencia: Cálamo. ISBN 84-95018-46-2. 
  10. BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Greuter, W. et al. (Eds.) (1989) Med-Checklist Vol. 4 (published)
  • Cristofolini, G. & Feoli, L. (1993) Personal Communication
  • Domínguez, E. (1987) Pap. in Flora Vasc. de Andalucia Occ. Ketres, Barcelona
  • Vicioso, C. (1953) Genisteas Espaniolas 1. Min. de Agric. Madrid No. 67
  • Heywood, V.H. & Ball, P.W. (1968) Leguminosae. In: Flora Europaea Vol. 2. ed. Tutin, T.G. et al.
  • Maire, R. (Quezel, P., Ed.) (1987) Flore de l'Afrique du Nord, Vol. 16. Dicots. Leguminosae,