O contido deste artigo refírese á banda deseñada en xeral. Para obter máis información sobre o personaxe, véxase Garfield (personaxe); para ver outros usos do termo, véxase Garfield (homónimos).

Garfield é o nome dunha banda deseñada diaria creada por Jim Davis. Publícase desde o 19 de xuño de 1978 e ten como protagonistas ao gato cínico e lacazán Garfield, ao non moi listo can chamado Odie e mais ao dono de ambos os dous, o inepto Jon Arbuckle. O nome do protagonista vén do avó de Jim Davis, James Garfield Davis, que á súa vez fora bautizado en honor ao presidente estadounidense James Abram Garfield.

Garfield
Autor(es) Jim Davis
Páxina webhttp://www.garfield.com/
Status actualPublicación diaria
Data de lanzamento19 de xuño de 1978
Corporación(s)Universal Press Syndicate (actual) (1994-presente)
United Feature Syndicate (antigo) (1978-1993)
Editor(es)Random House (baixo Ballantine Books), ocasionalmente Andrews McMeel Publishing
Xénero(s)Humor
Precedido porGnorm Gnat
Seguido porA granxa de Orson

Ao principio publicouse en só 41 xornais, pero rapidamente a súa tira cómica estendeuse por todo o mundo. No ano 2007, aproximadamente 2.580 xornais e revistas publicaban a historieta, que é lida diariamente por 263 000 000 persoas en todo o mundo. Actualmente posúe o Récord Guinness de ser a tira cómica máis amplamente imprimida[1]. A popularidade do cómic deu pé a varios especiais animados para a televisión, dúas series de animación (a máis nova, animada por ordenador, está actualmente en produción), dúas longametraxes de acción e aventuras e tres películas animadas por ordenador que saíron directamente en vídeo (as dúas últimas están actualmente en produción); así como unha enorme cantidade de mercancías de Garfield.

O gato Garfield divírtese dándolle empurróns a Odie para tiralo da mesa; rise dos donos de mascotas e da relación que teñen cos seus animais domésticos, que normalmente son os verdadeiros xefes do fogar. Garfield tamén loita contra problemas humanos, tales como as dietas, os luns, a apatía e mais o aburrimento.

Historia editar

Nos anos 70, Davis escribiu unha tira cómica, Gnorm Gnat; e esta topouse con moitas críticas negativas. Un editor contoulle a Davis que «a súa arte era boa e os chistes eran estupendos», pero «ninguén se pode identificar con bichos». Davis fíxolle caso ao consello e creou unha nova historieta cun gato como personaxe principal.[2] Orixinalmente a tira contaba con catro personaxes principais. Garfield, está baseado nos gatos cos que Jim Davis creceu de mozo; colleu o seu nome e personalidade do seu avó, James Garfield[3], o cal era, segundo as palabras de Davis, "un gran túzaro". Jon Arbuckle veu dun anuncio de café dos anos 50, e Odie veu doutro anuncio para a radio que Davis escribiu para Oldsmobile-Cadillac. O cuarto personaxe, Lyman, era o dono orixinal de Odie; foi creado para que Jon tivese a alguén con quen falar. Máis adiante, Davis deuse de conta de que Garfield e mais Jon podían "comunicarse de xeito non verbal", polo que Lyman foi eliminado. Nun principio, a historieta foi rexeitada por King Features Syndicate e Chicago Tribune-New York News; United Feature Syndicate, non obstante, a aceptou en 1978. Debutou en corenta e un xornais o 19 de xuño dese mesmo ano[4][5]. En 1994, a compañía de Davis, Paws, Inc., adquiriu a United Feature todos os dereitos das tiras de 1978 a 1993. Actualmente a tira cómica é distribuída por Universal Press Syndicate, no entanto, os dereitos da historieta aínda pertencen a Paws.

Garfield converteuse rapidamente nun éxito comercial. En 1981, menos de tres anos tras a súa primeira publicación, a tira cómica aparecía en 850 xornais e acumulaba máis de 15 millóns de dólares en mercancías. Para xestionar todos os produtos de Garfield, Davis fundou Paws, Inc.[6] Xa no ano 2002, Garfield era a historieta máis publicada do mundo, dado que se imprimía en 2570 xornais e contaba con 263 millóns de lectores ao redor do mundo[5]. Un par de anos despois, no 2004, Garfield aparecía en preto de 2600 periódicos e tiña recadado de 750 millóns a mil millóns de dólares en mercancías en 111 países[7].

Evolución ao longo das tiras editar

O 19 de xuño de 1978 Garfield debutou por primeira vez coa súa tira cómica, data que, ademais, é considerada como o seu aniversario.

Cumprir anos é inevitable, medrar é opcional
Garfield.

O gato sufriu cambio significativos ao longo da vida da banda deseñada. Agora, as súas gadoupas están debuxadas máis estilizadas, parecidas ás mans e pés humanos. A partir, máis ou menos, de 1982 ten un cello ancho que lle dá máis expresión á tira. Cara á metade de 1983, a súa aparencia (caracterizada daquela por uns ollos con forma oval) moldeáronse. Daquela, Garfield comeza a camiñar a dúas patas e o cómic empeza a facer fincapé en comedias de situación, tales como que Garfield fai grazas sobre a estupidez de Jon e a súa incapacidade de ir de mozas. Jon e mais Odie tamén foron evolucionando: de ser delgados e con pouca cor ata os debuxos que son hoxe.

Os personaxes e situacións en Garfield son, actualmente, constantes, sen cambios ou desenvolvemento durante os últimos anos. Se ben, isto non lle pasa a Garfield como a Calvin en Calvin e Hobbes e aos nenos de Peanuts que nunca cumpren anos. Outros cómics, como For Better or For Worse, Cathy, Doonesbury e Archie Comics manteñen unha continuidade cos personaxes, os cales se desenvolven, avellentan e poden incluso morrer ao longo da historia. Nunha secuencia particular, non obstante, preto do 25 aniversario de Garfield (datas nas cales Garfield sempre se está a queixar sobre a súa idade e o resto dos personaxes fan sutís referencias a el), Jim Davis trouxo de volta ao Garfield de 1978, aquel que camiñaba a catro patas e que tiña sempre o cello engurrado. O novo e mais o vello Garfield falan e danse conta de que, aínda que o seu aspecto é diferente, son demasiado mangallóns e territoriais para manterse por si sós[8].

O 16 de xullo de 2006[9], unha nova historia lineal comezou coa promesa de que a vida de Garfield combiaría para sempre (de acordo coa web oficial das tiras cómicas). Durante as dúas semanas seguintes, Garfield e Jon mancharon por accidente á veterinaria de Garfield, Liz Wilson, e Jon esmagouna contra outro home nun restaurante. Despois dun encontro embarazoso, Liz admitiu que Jon lle gustaba e a cita rematou cun bico[10] o 28 de xullo (o día do aniversario de Jon e mais de Jim Davis); Jon, por fin, puido dicir que tiña unha vida.

O 7 de xuño de 1999, os xornais comezaron a ofrecer as tiras cómicas da semana de Garfield a toda cor.

Cambios de aspecto editar

Ao longo da súa historia, Garfield foi trocando o seu aspecto, polo que non ten nada que ver o Garfield orixinal que puidemos ver no ano 1978 co que podemos ollar na actualidade.

  • 1978: o seu aspecto é moi diferente do que coñecemos agora. Tiña un enorme corpo, unha gran papada e uns ollos moi pequenos. En canto ao seu carácter, era máis irónico.
  • 1981: deseguida sofre espectaculares cambios. Fánselle os ollos máis grandes e redúceselle o corpo drasticamente con respecto á súa cabeza.
  • 1984: redúcese un pouco máis o seu corpo e ten o costume de estar apoiado nas súas patas traseiras. A súa cara vai tomando o aspecto que hoxe coñecemos.
  • 1988: empeza a apoiarse en tódalas súas patas axudado pola súa barriga, arrastrándoa por toda a casa. Os seus ollos vólvense máis ovalados.
  • 1990: aínda que xa aprendera a camiñar á dúas patas en 1981, aínda aparece case sempre sobre catro patas. A partir de agora poñerase de pé sobre as patas traseiras, polo que estas se volven máis longas, así como os seus pés.
  • 1992: medra todo o seu corpo e adquire moita máis personalidade. Os seus ollos ocupan case que toda a súa cara. Nesta época conversa moito con Jon.
  • 1994: os seus ollos vólvense aínda moito máis ovalados e os seus pés seguen medrando.
  • 1996: comeza a poñerse de pé en moitas máis ocasións das que o viña facendo. Aumenta o tamaño da súa cola.
  • 2000: o seu corpo faise máis alongado. A súa cabeza adquire uns trazos moi ovalados e os seus ollos alónganse aínda máis.

Autoría editar

Jim Davis escribe e fai os chistes para a tira, pero a súa compañía, Paws, emprega debuxantes e asistentes que fan a maior parte do traballo de rematar o debuxo e repasar con tinta. Normalmente, el simplemente aproba e dá o visto e prace á tira finalizada, dado que Davis gasta a maior parte do seu tempo xestionando os negocios e as mercancías de Garfield[7].

Jim Davis aprendeu a facer un esforzo para mellorar o seu cómic anterior, Gnorm Gnat, e conseguiu que Garfield fose unha banda deseñada para todos os públicos[Cómpre referencia] mantendo a amplitude dos sues chistes e o humor xeral para todos. Como consecuencia, a historieta evita normalmente os comentarios sociais ou políticos presentes nalgunhas das tiras máis actuais, como The Boondocks, Doonesbury e Dilbert. Aínda que nun par de tiras de 1978 Jon aparecía fumando pipa, os elementos deste tipo foron puídos nun intento de manter un atractivo máis universal.[Cómpre referencia]

Jim Davis debuxouse a si mesmo na tira de Garfield na que se celebraba o seu décimo aniversario, o 19 de xuño de 1988. Aparece na primeira viñeta, a que leva o título, entre Jon e Irma. Ao pé da derradeira viñeta desa tira, pódese ler unha mensaxe que di: «FELIZ 10º ANIVERSARIO, AMIGO, JIM DAVIS» (HAPPY 10TH BIRTHDAY, BUDDY, JIM DAVIS)[11].

O 1 de xullo de 2007, un tributo conmemorativo foi amosado nunha tira de Garfield. O logo que todos os domingos pon «Garfield» na primeira viñeta, nesta data ensina os ollos de Garfield sendo perfilados cun pincel, e o nome «VALETTE» está agochado entre as estrelas que aparecen enriba da casa na última viñeta. Valette Greene, quen faleceu o 17 de xaneiro de 2007, foi a primeira asistente de Davis e a única que puña a tinta ás tiras cómicas ata 1997[12].

Polo seu traballo na tira cómica, o creador Jim Davis recibiu o premio de humor da Sociedade nacional de debuxantes nos anos 1980 e 1985, e o premio Reuben en 1988[Cómpre referencia].

Máis aló do cómic editar

En 1984, Garfield foi introducido no Día do Desfile de Macy Thanksgiving como un globo. En anos recentes, aparece suxeitando a Pooky, o seu osiño de peluche.

En 1990, Garfield fixo unha aparición no especial para a televisión Cartoon All-Stars to the Rescue. Se ben, el estaba na habitación da irmá Corey; era unha lámpada, tras un cadro de ALF.

Televisión editar

A tira cómica converteuse nun especial de debuxos animados para a televisión en 1982, chamado Aquí vén Garfield (Here Comes Garfield). O actor Lorenzo Music, antes coñecido por ser o que puña a voz de Carlton, o porteiro no programa Rhoda, foi o elixido para pórlle a voz a Garfield. O cantante de soul Lou Rawls proporcionou a música. Doce especiais de televisión foron feitos (ata 1991), así como unha serie para os sábados pola mañá, Garfield e mailos seus amigos (Garfield and Friends), que foi emitida no Xabarín Club, programa infantil-xuvenil da Televisión de Galicia.

Películas editar

Máis tarde fíxose unha película de acción e aventuras baseada no cómic. Chamouse Garfield: The Movie (Garfield: A película) e tivo a súa estrea nos Estados Unidos o 11 de xuño de 2004. O filme empregou a un Garfield animado por computador e un Odie real. Lorenzo Music morreu antes de que comezase a gravación, polo Bill Murray tivo que substituílo como a voz do gato mangallón. Murray converteuse así no quinto actor que lle poñía a voz a Garfield: Tommy Smothers puxéralla nun anuncio de comida para gatos, outro dobrador puxéralla noutro anuncio de televisión e a voz do disc jockey de San Francisco Scott Beach fora empregada para a primeira aparición de Garfield na televisión, antes do casting no que Lorenzo Music foi elixido[13].

A segunda longametraxe de Garfield, Garfield: A Tail of Two Kitties, foi estreada o 16 de xuño de 2006.

O 20 de novembro de 2007, a primeira longamentraxe de Garfield sacada directamente en DVD foi posta á venda. Garfield Gets Real (Garfield faise real), unha película animada por computador escrita por Jim Davis. Unha secuela deste filme, Garfield's Fun Fest (tamén escrita por Davis), foi estreada o 5 de agosto de 2008.

Garfield en Internet editar

Na tira do día 30 de xullo de 2000, Odie camiña cara a un ordenador e teclea algunha información nel. O computador anuncia que a súa orde vai ser procesada; logo, vese a Jon mirando dubitativo a páxina web Dingleball.com[14]. Máis adiante, o 7 de setembro de 2000, Garfield accede a Coffeequick.com e pide unha cunca de café. Axiña chega un home á porta da súa casa cunha cunca de café, e Garfield declara que "oficialmente ama a internet"[15]. Estas dúas páxinas web (as cales existen) foron feitas en ambas ocasións en caso de que os lectores procurasen por elas en Internet. O que amosarían ao acceder a elas serían os respectivos xogos, "Dingleball" e "Bean Me", que estaban dispoñibles na páxina oficial de Garfield.

Nunha ocasión, un estudante da Universidade de Washington ofreceu o "Eagle_Fire Garfield Randomizer". O estudante atopou unha "porta traseira" no arquivo de cómics de ucomics.com, e, posteriormente, codificou unha páxina para ceder paneis de anos de tiras que podían ser combinadas[Cómpre referencia]. Despois diso, uComics enviou unha carta de "cese e desista"; o webmaster fixo unha entrada coa carta na súa páxina antiga, xunto co código necesario para recrear o sitio orixinal[Cómpre referencia].

Doutra vez, un blogueiro creou un "remix" da tira, chamouna Garfield Minus Garfield ("Garfield sen Garfield"). Nesa páxina elimina dixitalmente a Garfield das tiras, deixando a Jon falando só consigo mesmo. O "Blogue de Riff" en MotherJones.com chamou ás novas versións "devastadores (e divertidísimos) tratados en soidade, sen liñas historiais ou chistes, lembrando os horrorosos primeiros cómics de Peanuts."[16]. Nunha entrevista de Jim Davis co The Washington Post, este califica a obra como "unha cousa inpiradora para facer"[17].

Outra páxina web, chamada Arbuckle, recrea as tiras cómicas de Garfield sen ningún dos cadros que mostran os pensamentos de Garfield, co fin de cambiar a información da tira e ensinarnos que é o que Jon experimentaría, de aí que o nome da tira sexa "Arbuckle"[18]. O creador da páxina escribe: "Garfield cambiou de ser un cómic acerca dun felino insolente e corpulento a converterse nunha imaxe dun home solitario, patético e desilusionado que conversa coas súas mascotas. Considerando ese Jon, de acordo co guión do Garfield orixinal, Jon non pode oír os seus pensamentos. Este é o mundo tal e como o ve. Esta é a súa historia."

Personaxes principais editar

Garfield editar

Artigo principal: Garfield (personaxe).
Non teño sobrepeso, son baixo. (I'm not overweight, I'm undertall.[20])

Garfield é o personaxe principal da historieta. Trátase dun gato tabby de cor laranxa. En canto á súa personalidade, é pesimista, cínico, groseiro, lacazán, egoísta e ten sobrepeso. Divírtese comendo, durmindo e sendo sarcástico. Tamén lle gusta destruír cousas, atacar o carteiro e atormentar a Odie; ademais de facer comentarios maliciosos, normalmente relacionados coa incapacidade de Jon para ter unha cita cunha moza. De feito, nunha tira, cando Jon se lamenta polo feito de que ningunha moza sairá con el en Aninovo, Garfield replica: "Non te sintas mal, Jon. Non quererían saír contigo aínda que non fose Aninovo." ("Don't feel bad Jon. They wouldn't go out with you even if it weren't New Year's.")[21].

Garfield naceu na cociña do restaurane italiano da Mama Leoni, o cal foi revelado no especial para a televisión de Garfield chamado Garfield: His Nine Lives (Garfield: As súas nove vidas) e posteriormente desenvolveu un gusto pola lasaña[22][23] e desde entón sempre foi a súa comida preferida. Ao nacer, Garfield pesou 2,4 quilogamos (5 libras), e é moi común que nos chistes das histotietas se bromee coa obesidade de Garfield; co seu odio ao exercicio (ou a calquera forma de traballo), ás dietas e mais aos luns.

Nas súas aparicións como debuxo animado, Garfield ten por costume causar trasnadas en cada episodio[Cómpre referencia]. O 26 de marzo de 1979, introduciuse nas tiras cómicas un alter ego de Garfield, The Caped Avenger ("O vingador da capa"). The Caped Avenger é só un dos seus alter egos imaxinarios. Outros alter egos inclúen: Amoeba Man ("O home ameba"), Banana Man ("O home plátano"), The Chicken Man ("O home polo"), the Claw ("A gadoupa"), The Mummy ("A momia"), Count Cat ("O gato conde"), The Sock ("O calcetín"), Freedom Fighter ("O loitador pola liberdade"), Judo Cat ("O gato judoka") e Karate Cat ("O gato karateka").

Jonathan Q. "Jon" Arbuckle editar

Artigo principal: Jon Arbuckle.
Jon: Aquí están as miñas notas de sexto grao. Os meus pais estaban moi orgullosos. Garfield, lendo as notas: "Jon non se meteu ningún lapis polo seu nariz neste trimestre."
(Jon: Here's my sixth-grade report card. My parents were so proud. Garfield, reading the report card: "Jon has not shoved any crayons up his nose this term."[20])

Jon é o dono de Garfield e Odie. Naceu o 28 de xullo de 1951 (na mesma data que Jim Davis, seis anos despois) nunha granxa pusostamente con poucos servizos. De feito, nunha tira, seu pai, tras ver un retrete no interior da casa de Jon, di: "Vaites! Non é fabulosa a ciencia?" ("Woo-ha! Ain't science something?"[25]). De cando en vez Jon vai á granxa visitar a súa familia (que está formada por súa nai, seu pai e seu irmán).

A miúdo é descrito como un torpe geek que ten problemas para ter citas coas mozas. Jon ama (ou, ocasionalmente, rexeita) a Garfield e todos os gatos. Moitos dos chistes céntranse nisto; a súa incapacidade de ter unha cita é atribuída á súa falta de habilidades sociais, ao seu pobre gusto pola moda (Garfield, despois de asomarse ao seu armario, comentou que "duascentas couzas se suicidaran" ("two hundred moths committed suicide")[26]; noutra tira, a "policía geek" ordena a Jon que "tire a súa gravata")[27] e aos seus excéntricos intereses, os cales van desde coleccionar selos, medir o crecemento das uñas dos seus pés a ver películas con "ninjas polka". Outras historietas retrátano como falto de intelixencia (nunha tira véselle lendo un libro con debuxos en tres dimensións)[28].

Odie editar

Artigo principal: Odie.
Jon: Penso que estou a sufrir unha especie de crise de identidade. Garfield, camiñando pasando ao carón de Odie, que está tumbado nun caixón da cociña: Pensa que está a sufrir unha crise de identidade... Odie pensa que é un pelador de patacas.
(Jon: I think I'm having some kind of identity crisis. Garfield, walking past Odie who is lying in a kitchen drawer: He thinks he's having an identity crisis... Odie thinks he's a potato peeler.[30])

Odie, un perro amarelo coas orellas longas ao que lle caen as babas e camiña a catro patas, orixinalmente era a mascota de Lyman, o amigo de Jon. Non obstante, Jon adoptouno despois de que Lyman fose eliminado das historietas. As máis das veces Odie é descrito como inxenuo e parvo, aínda que nunha tira cómica se lle vía lendo Guerra e paz e vendo o programa de televisión Un serán con Mozart (An Evening With Mozart), despois de que Jon e mais Garfield o deixasen só na casa[31]. Odie, ademais, é, a miúdo, sometido a abusos físicos por parte de Garfield.

Notas editar

  • Davis, Jim (1998). New York: Ballantine Books, ed. 20 Years & Still Kicking!: Garfield's Twentieth Anniversary Collection. ISBN 978-0-345-42126-5. 
  • Davis, Jim (2004). Random House, Incorporated, ed. In Dog Years I'd be Dead: Garfield at 25. ISBN 978-0-345-45204-7. 

Notas editar

  1. "Most Syndicated Comic Strip". Guinness World Records. Arquivado dende o orixinal o 27-02-2003. Consultado o 07-08-2006. 
  2. Davis. 20 Years & Still Kicking!: Garfield's Twentieth Anniversary Collection. p. 14.
  3. Gerrard Hall (06-10-200). CNN, ed. "The cat's meow". Arquivado dende o orixinal o 14-02-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  4. Time, ed. (07-12-1981). "Those Catty Cartoonists". Arquivado dende o orixinal o 15-10-2010. Consultado o 26-07-2008. 
  5. 5,0 5,1 Business Wire, ed. (22-01-2002). "Garfield Named World's Most Syndicated Comic Strip". Arquivado dende o orixinal o 30-07-2012. Consultado o 26-07-2008. 
  6. Time (ed.). "Those Catty Cartoonists". p. 2. Arquivado dende o orixinal o 06-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  7. 7,0 7,1 Slate, ed. (11-06-2004). "Why we don't hate Garfield.". Consultado o 30-04-2008. 
  8. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 14-06-2003. Arquivado dende o orixinal o 13-10-2007. Consultado o 08-12-2006. 
  9. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 17-07-2006. Arquivado dende o orixinal o 03-05-2007. Consultado o 07-08-2006. 
  10. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 28-07-2006. Arquivado dende o orixinal o 06-07-2007. Consultado o 07-08-2006. 
  11. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 19-06-1988. Arquivado dende o orixinal o 03-08-2008. Consultado o 30-08-2006. 
  12. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 01-07-2007. Arquivado dende o orixinal o 12-02-2008. Consultado o 06-09-2008. 
  13. Mark Evanier (31-08-01). Point of view, ed. "In memory of Lorenzo Music". Arquivado dende o orixinal o 13 de maio de 2008. Consultado o 17-07-08. 
  14. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 30-07-2000. Consultado o 06-09-2008. [Ligazón morta]
  15. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 07-09-2000. Consultado o 06-09-2008. [Ligazón morta]
  16. "The Riff: "Garfield Minus Garfield" A Troubling Lesson on Late Capitalist Anxiety?". MotherJones.com. 19-03-2008. Consultado o 06-09-2008. 
  17. "When the Cat's Away, Neurosis Is on Display". Washingtonpost.com. 06-04-2008. Consultado o 06-09-2008. 
  18. http://tailsteak.com/arbuckle/
  19. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 19-06-1978. Arquivado dende o orixinal o 01-07-2006. Consultado o 06-09-2008. 
  20. 20,0 20,1 Paws Inc. (ed.). "The Garfield PressRoom: A Brief History". Arquivado dende o orixinal o 10-04-2003. Consultado o 26-07-2008. 
  21. Garfield.com, ed. (28-12-2000). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  22. Garfield.com, ed. (13-12-1984). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  23. Phil Roman (Director), Lorenzo Music (Voz) (1988 (televisión), 1993 (VHS)). Garfield: His Nine Lives (Televisión (Orixinal), VHS). Fox Home Entertainment. 
  24. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 19-06-1978. Arquivado dende o orixinal o 01-07-2006. Consultado o 06-09-2008. 
  25. Garfield.com, ed. (27-11-1984). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 06-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  26. Garfield.com, ed. (10-01-2002). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  27. Garfield.com, ed. (11-08-1989). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  28. Garfield.com, ed. (24-03-1990). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 06-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 
  29. "The Garfield Vault Strip". Garfield.com. 08-08-1978. Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 06-09-2008. 
  30. Garfield.com, ed. (12-09-1991). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 05-03-2009. Consultado o 06-09-2008. 
  31. Garfield.com, ed. (27-04-1989). "The Garfield Vault Strip". Arquivado dende o orixinal o 04-03-2009. Consultado o 26-07-2008. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar